A Sarriana enfróntase este domingo ás 18.00 horas na Ribela a un encontro no que hai algo máis que tres puntos en xogo. O Marino de Luanco é un dos seus rivais directos e unha vitoria deixaría a permanencia na Segunda RFEF moi encarrilada. Sobre todo, despois de vencer na pasada fin de semana ao Bergantiños por 0-1, o que fai que dependan deles mesmos para poder manterse. Todo cun bloque no que destaca o sentimento de familia que teñen todos os xogadores.
Un dos seus líderes está na defensa e, na súa primeira tempada de volta na súa casa, está destacando como un dos xefes do equipo. Iago Parga está a firmar unha gran segunda volta e sendo de axuda para a boa xeira final da Sarriana. O central pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, o tramo final da tempada e o bloque.
Entrevista a Iago Parga da Sarriana
Encontro ante o Bergantiños: «Tiñamos moita ilusión e eramos conscientes de que podíamos dar un golpe na mesa se gañabamos en Carballo. Veu moita xente de Sarria e conseguimos ter un chute de moral para estas últimas tres semanas».
Últimas tres xornadas: «Son unha persoa que nestas situacións está tranquilo. Fai unhas semanas firmábamos depender de nós con dous partidos de tres na nosa casa. Son tres rivais directos. O equipo está moi motivado para este final de tempada. Levamos unha boa xeira e queremos seguir con ela. Somos conscientes de que podemos dar un paso de xigante esta fin de semana. Diríalle a Sarria que foi moi difícil chegar a esta categoría e agora necesitamos o seu apoio para salvarnos».

Volta á Sarriana: «Afrontei o ano con moita ilusión. Xa no play off, vivino como se estivera dentro para que acadaran o ascenso. Estou rodeado da miña xente na miña casa e queremos acadar os obxectivos. Temos un vestiario súper sano onde os novos se adaptaron moi ben e facemos moita convivencia xuntos. Iso dá moitos puntos nunha tempada».

