Jorge e Brian, do Santa Comba ao Matela
-
Iván Calaza | 23/10/2025
- 0
- 11min de lectura
A sexta xornada da Segunda Futgal trouxo cambio de cromos. Jorge e Brian, ata o de agora xogadores do Santa Comba ficharon no Matela. Jorge ademais estreouse con gol.
O Folgueiro é líder en solitario no norte, mentres que o San Roque, tras non gañar por primeira vez no curso, comparte o liderado co Becerreá. Repasamos o máis destacado da pasada fin de semana en #ONoso11AChaira.
O Folgueiro é o primeiro clasificado da zona norte. Suma 14 puntos de 18 posibles. Non perde no que vai de liga e na última xornada superou ao Riotorto (3-1).
O encontro estivo igualado no primeiro tempo. Os goles non chegaron ata a segunda metade. O conxunto visitante marchou moi amolado coa actuación arbitral pola maneira de dirixir o xogo e tamén polas accións polémicas que, entenden, debían ser ao seu favor.

Oki por dúas veces e Iago anotaron para o Folgueiro. Antón Carro marcou para o Riotorto. Despois, o central foi expulsado nos útimos intres do xogo.
Desta maneira, o Riotorto sufriu a primeira derrota da tempada. Queda na quinta posición con 11 puntos.
O cadro vilalbés suma credenciais ao gañar no sempre complicado campo da Granda ante a Candelaria (1-2). O Goiriz acumula 13 puntos. Recuperouse ben da súa primeira e única derrota, porque xa volveu enlazar dous triunfos seguidos.
Pola súa parte, a Candelaria queda con 10 puntos e corta o seu bo momento.
O Goiriz foi superior en casa de fóra. Adrián Vizoso puxo por diante aos seus. Non obstante, a Candelaria foi capaz de igualar o resultado mediada a primeira parte. O burelao Manu Martínez anotou. Gran estado de forma o seu, tras anotar catro no derbi co Sanci.
Os visitantes seguiron dominando no segundo tempo. Vizoso volveu marcar. Con todo, non sentenciaron o encontro e os locais puideron igualar cun lanzamento o pau.
Os pupilos adestrados por Saúl Méndez gañaron catro encontros de seis. Venceron con claridade (4-0) a un Castroverde que aínda non puntuou. O conxunto verde é o último clasificado con 2 goles a favor e 22 en contra.
Os locais tiveron controlado o partido na maior parte do tempo. Tras un inicio equilibrado, Chema puxo por diante aos seus. Tivo o seu momento o Castroverde ao inicio do segundo acto, pero non puido bater a portería rival.
A partir de aí, máis ocasións do Cabreiros e sentencia total. Chema completou o seu dobrete e Sergio Hermida fixo tamén o seu.
O Celta Barreiros é 4° con 11 puntos, tras empatar co Casás (2-2). Con tan só un encontro perdido, os pupilos de Adri Marrube manteñen a boa liña. Pola súa banda, foi o segundo punto do curso para un Casás máis recoñecible nesta sexta xornada.
Ao cuarto de hora do inicio, os visitantes desaproveitaron a opción de adiantarse no marcador. Lanzaron un penalti que petou no poste.
Esta situación deulle ás os locais, que se puxeron por diante por medio de Lucas. Minutos despois, apareceu o gran protagonista da semana anterior para facer das suas. Rocky gañoulle as costas aos defensores locais e marcou o segundo. Suma 11 goles no que vai de campaña.
Con todo, o Casás foi capaz de anotar antes do tempo de lecer por medio de Maira. Á volta dos vestiarios, empurraron os visitantes. Foi nunha acción polémica onde chegou o empate. Os locais din que evitan que o balón traspasara a liña de gol, pero o colexiado validou o tanto de Luis Carballal.
O Pastoricense recuperou as boas sensancións logo de dúas derrotas. Venceu con claridade ao Sanci (6-1), que non mellora o seu comezo de tempada e fica na penúltima posición cun punto. Polo momento, sen adestrador tras a saída de Javi Ruiz.
Os locais comezaron moi ben no Acebreiro. Dominaron e xeraron ocasións. O primeiro gol chegou na metade da primeira parte. Cristian puxo por diante aos seus. Antes do descanso, Edu ampliou á vantaxe co segundo.
A tónica do xogo repetiuse no segundo acto. Nunha gran xogada coral, Cristian marcou outro. Cos tantos de Borja Corbelle e Goás, o Pastoricense mandou por 5.
O Sanci sacou á honra para marcar o seu gol, obra de Raphinhal. Despois, os locais completaron o resultado cun gran gol dende uns 40 metros autoría de Raúl Ramos.
O Alfoz é, xunto co Folgueiro e o Guitiriz, un dos equipos que non perde no grupo. É sétimo con 10 puntos. Tras catro empates seguidos, venceu a domicilio ao Sporting Pontenova (1-4).
O equipo local, na estrea de Lucas Cabana na casa como primeiro adestrador, sufriu a segunda derrota da campaña. Queda con 8 puntos, enganchado a zona media alta da táboa clasificatoria.
O ex xogador do Sporting Pontenova Manu Soto marcou para o Alfoz nada máis comezar o partido. Mediada a primeira parte, Marcos igualou para os locais nun tramo no que foron mellores. Con todo, Manu Soto anotou o segundo para ir o Alfoz con vantaxe ao descanso.
Indo por diante, o Alfoz controlou máis o segundo tempo e sentenciou ao final cos tantos dos irmáns Víctor e Pablo.
O Guitiriz e o Xermade exhibiron as súas capacidades e igualaron (2-2) no Suso Cruz. O Xermade con 9 puntos e o Guitiriz con 8, seguen na zona media da clasificación e unidos á parte alta.
O cadro guitiricense é o equipo que máis empata. Tras vencer ao Meira na primeira xornada, conta os outros cinco partidos por igualadas.
O guitiricense Pedro volveu marcar ante o seu ex equipo e puxo por diante ao Xermade. Con todo, o Guitiriz empatou aos poucos minutos por medio de Roi Rivera a pase de Labrada.
No segundo acto, ambos equipos gozaron de oportunidades. Avanzada a metade, Labrada logrou a remontada momentánea para os locais logo dunha asistencia de Antón. Non obstante, antes do tramo final do encontro, Andy anotou o empate para o Xermade tras unha xogada embarullada.
Logo dun inicio dubitativo nos resultados, o Meira enlazou o segundo triunfo do curso. Superou ao Matela (1-2) na súa primeira vitoria a domicilio e marca distancias coa zona baixa. Precisamente o Matela é quen encabeza ese corte. Queda na 13ª posición a cinco puntos do seu rival.
Brais Pin puxo por diante ao Meira nos primeiros intres do xogo. Aínda así, foi un encontro igualado, no que o Matela tivo opcións para empatar na primeira metade. Mediado no segundo tempo, Seixosmil anotou o segundo.
Aos poucos minutos, Jorge recurtou distancias na súa estrea co Matela. O dianteiro de orixe colombiana pasou de golear no Santa Comba, do grupo da zona sur, a facelo no norte. Jorge afrontaba a súa cuarta temporada no club do Tras do Novo. Nesta temporada xogara alí catro partidos e marcara xa dous goles. Chegou ao club de Outeiro de Rei xunto a Brian, que tamén procede do Santa Comba.

O San Roque deixa en cinco o seu número de vitorias seguidas. Non obstante, mantense invicto ao igualar co Sober en Centeás (1-1). O cadro de Sober sumou o seu segundo punto da tempada e, polo momento, ocupa a penúltima praza da clasificación.
O conxunto soberés púxose por diante no marcador por medio de Martín. Nun penalti, o San Roque empatou antes do descanso. No segundo tempo, ambos equipos gozaron de oportunidades, pero o marcador non se moveu.
Catro vitorias seguidas enlaza o Becerreá. Venceu 3-1 ao Monterroso B e cólocase segundo con 16 puntos, os mesmos que o San Roque. Foi a primeira derrota do filial monterrosino, que aínda ten un partido pendente de xogar.
O filial púxose por diante cedo, nun remate de Carlos coa cabeza. Cambiou o encontro no segundo tempo, cun Becerreá que atopou o camiño dos goles. O Monterroso B desperdiciou as súas, e o Becerréa igualou, remontou e acabou marcando o terceiro.
A fenda entre os primeiros e o terceiro é de catro puntos. Esta posición con 12 puntos é ocupada polo Santa Comba. Uniu a súa terceira vitoria consecutiva ante o Antas (0-3). O equipo do Castro Seoane rexistra dúas derrotas, logo de comezar moi ben o curso.
Gran inicio do encontro dos visitantes. Lograron tres goles nos primeiros minutos. Núñez, Jorgito e Leandro foron os autores. Para máis inri, o Antas perdeu a Vicente por expulsión antes do descanso.
Sacou orgullo o cadro local no segundo tempo, con máis carácter intentou recurtar distancias, pero o acerto non estivo do seu lado.
Xa que levamos unhas tempadas sen derbi Sarria – Monforte no fútbol sénior, chegaron os filiais para manter a viveza dos grandes partidos. O Lemos B resultou vencedor deste primeiro duelo oficial da historia coa Sarriana B (4-3). A terceira vitoria da temporada deixa ao filial lemista con catro puntos máis que o seu rival.
Encontro de ti a ti con moitas alternativas. Ao redor do minuto vinte, Baralla marcou o primeiro para a Sarriana B. Con todo, antes do descanso o Lemos B logrou a remontada cun gol en propia porta e cun tanto de Dani Blanco.
No segundo tempo, o lateral Dani Blanco marcou o segundo a nivel particular e ampliou vantaxe para aos seus. A Sarriana B nunca baixou os brazos. Baralla repetiu tamén como goleador e marcou o segundo.
Nico Ferreiro volveu poñer distancias ao redor do minuto 75. O filial de Sarria seguiu insistindo e marcou o terceiro por medio de Brais Lodi. Na recta final, buscaron un empate que non chegou por moi pouco.
Ademais do Sober 1-1 San Roque, tamén finalizaron con igualada no marcador o Paradela 0-0 O Páramo, o Friol 0-0 Chantada B e o Ferreira 3-3 Portomarín.
O Páramo é sexto con 8 puntos, ao sumar o seu segundo empate do curso. Non houbo goles no derbi co Paradela, que é antepenúltimo con 5 puntos.
O encontro estivo igualado. O Paradela puido marcar no primeiro tempo e o Páramo tivo as máis claras no segundo acto.
Tras dúas derrotas, o empate sábelles a pouco tanto ao Friol como o Chantada B. Ambos quedan na zona media, algo máis baixa no caso do cadro friolés con 5 puntos.
Principalmente, o empate sábelle a menos ao Friol, que tivo as mellores ocasións. Entre o pau e a boa actuación do gardamallas visitante Manu, non logrou marcar. O filial mantivo a súa seriedade en defensa, pero faltoulle moita máis claridade na zona de ataque.
O Portomarín e o Ferreira tamén quedan equilibrados na táboa clasificatoria, 6 e 5 puntos respectivamente. Todo despois de xogar un encontro con alternativas e moitos goles (3-3).
O Portomarín tomou vantaxe de dous goles no Baliño grazas a un dobrete de Fran Cid, con especial beleza o primeiro. Con todo, o Ferreira igualou no primeiro tempo por medio dos tantos de Fagín e Gonza.
No segundo acto, os locais chegaron a lograr a remontada momentánea. Florines que saíu dende o banco, marcou o terceiro para o Ferreira no segundo tempo. Con todo, aos poucos minutos Seijas igualou o encontro para o Portomarín.
O Palas logrou o primeiro triunfo da tempada e queda de 10° tamén con seis puntos. Venceu a un San Lázaro (0-3), que é último cun punto.
O cadro palense fixo dano roubando en zonas de perigo. Rodri marcou xusto antes do descanso. No segundo tempo, os goles de Álvaro e Martínez sentenciaron o resultado.
