O terceiro Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia da temporada na Terceira Futgal déixanos a tres conxuntos igualados no liderado do grupo sur, todos eles con pleno de puntos. Corgo e Quiroga desfixéronse, cun abultado marcador, de Bóveda e Relámpago Taboada, respectivamente, e aínda non recibiron un só gol. O Rubián, que venceu pola mínima ao Carballedo, tamén suma os nove puntos.
No grupo norte, Mondoñedo e Catro Roldas son os únicos que venceron nos tres encontros e xa contan con cinco puntos de vantaxe sobre o terceto perseguidor formado por Rioaveso, Pol B e Muimenta.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo festexa as San Lucas cun triunfo fronte á Comercial (3-1). Moito público nas gradas do Viñas da Veiga nun dos días grandes das festas mindonienses. O encontro comezou con imprecisións, pero pouco a pouco, os de Nico fixéronse co dominico e Javi marcou dous goles antes do descanso. A pausa sentoulle mellor á Comercial que apretou na procura dun tanto que os metera no partido. Este chegou nun tiro lonxano de Jaouad que lle deu emoción ao choque. Os visitantes contaron con algunha ocasións máis antes de que Oli sentenciara cun gran disparo desde a frontal que se colou pola escadra.
O Catro Roldas sentencia ao Celeiro no primeiro tempo (4-0). Primeira metade de dominio local. Os de Coto levaron o peso do partido, aínda que nos primeiros vintecinco minutos non gozaron de ocasións claras. A partir de aí chegaron os goles. Yáñez abriu a lata tras un centro de Rony e pouco despois Alberto Rey, o mellor sobre o céspede da canteira, puxo terra de por medio. Yáñez, tras un penalti cometido sobre Omar, fixo o terceiro e Santi Cazás deixou o encontro visto para sentencia antes do intermedio. O segundo tempo resultou máis disputado. O Catro Roldas xogou máis calmado e o Celeiro gozou de varias contras nas que intentou xerar perigo.

Rioaveso e Muimenta igualan nun choque que non deixa contento a ningún (1-1). Encontro no que o Rioaveso tivo máis dominio do balón e tirou a portería en reiteradas ocasións, aínda que sen excesivo perigo. Os visitantes melloraron co paso dos minutos e lograron adiantarse cun gol de Jairo tras un saque de banda de Seijas. Os de Asier Lozano volcáronse na procura do empate no segundo tempo e lograron o empate nun saque desde o curruncho que rematou Chao.
O Roupar reacciona para sumar un punto fronte ao Pol B tras un primeiro tempo para esquecer (4-4). Choiva de goles no Novo. Os visitantes comezaron o choque moito mellor fronte a un Roupar irrecoñecible. Os de Ángel Pena, na primeira media hora víronse superados en todas as frontes e só o porteiro Anxo respostou. Antón en dúas ocasións e Óscar fixeron os tres tantos dos de Luis Romay en menos de cinco minutos. O Roupar reaxustou o seu sistema de xogo e logrou deter a avalancha dos visitantes. Antes do intermedio un córner botado por Moha deu na espalda do gardameta Salah e rematou no fondo da portería. Os tres trocos dos locais deron resultado e Fran Lage asistiu para que Tupac apretara o marcador. O Pol B non se veu abaixo e Rui, tras unha gran xogada, fixo o cuarto. O Roupar fíxose forte nos saques desde o curruncho e noutro botado por Yosi chegou o terceiro, obra de Xosé. No desconto, noutro córner no que Yosi puxo o balón na área, Xavi rematou acadando o empate.
O Abadín vence ao Cazás e suma a primeira vitoria do curso (1-0). Encontro moi parello e con escasas ocasións de gol. No primeiro tempo o Abadín fíxose dominador do choque, pero sen chegar con perigo á área rival. Antes do descanso, o Cazás gozou dos seus mellores minutos. No segundo tempo foron os locais os que lograron adiantarse cun gol de Héctor logo dunha espectacular xogada na que se desfixo de catro rivais. No último tramo de encontro o Cazás contou con varias ocasións para acadar o empate.

GRUPO SUR
O Corgo amosa a súa superioridade fronte ao Bóveda (4-0). Os de Abel Rochela camiñan con paso firme neste comezo ligueiro. Fronte ao Bóveda saíron moi enchufados ao partido e lograron adiantarse antes dos dez minutos de xogo por medio de Kevin. Jony e Rober non tardaron en deixar o partido visto para sentencia. Os visitantes non se viñeron abaixo e buscaron recurtar diferencias e a piques estiveron de acadalo en dous mans a mans. O gol de Rubianes nada máis comezar o segundo tempo rematou coas esperanzas do Bóveda. O Corgo deulle minutos aos xogadores do banquiño e o encontro baixou de ritmo no tramo final.
O Quiroga vence ao Relámpago Taboada nun encontro máis apretado do que reflexa o marcador (0-3). Non foi o mellor encontro do cadro verde, que malia todo mantén o pleno de puntos e a portería a cero. Os visitantes foron mellores no primeiro tempo e buscaron o gol por diferentes medios, ata que Rubio, sobrepasada a media hora de xogo, cabeceou ao fondo da portería un bo centro lateral. O Relámpago protagonizou varias chegadas con perigo e rozou o gol en dous tiros cruzados. O perigo dos locais seguiu no segundo tempo no que os de Melendo erraron dous man a man fronte a Álvaro. Marquiños, que xogou no lateral, puxo terra de por medio cun golazo desde o mediocampo. Xa co tempo cumprido, un dos mellores sobre o céspede, Ariel, fixo o terceiro.

O Rubián non cede na pelexa polo liderado tras vencer pola mínima ao Carballedo (2-1). Encontro con moitas imprecisións debido ao estado do céspede. O Rubián tivo boas ocasións no primeiro tempo e adiantouse por medio de Víctor nunha acción na que o Carballedo estaba con dez pola lesión momentánea dun xogador. Os visitantes lograron empatar antes do descanso cun gol de Roberto Carlos. Os de David Guerra saíron ben no segundo tempo e contaron con ocasións para poñerse por diante. O baixón físico empurrou novamente ao Rubían que logrou o segundo gol nun saque de córner que rematou Javi.
Río Sil e Piringalla igualan nun choque moi disputado na Carqueixa (2-2). A primeira metade resultou un ida e volta no que os locais saíron vitoriosos. Omar adiantou ao Río Sil e Raúl non tardou en igualar tras aproveitar un despiste defensivo. Antes de chegar ao descanso Manu Díaz volveu a poñer por diante aos soberinos. Tras o paso por vestiarios o Río Sil chegou con perigo á área rival, pero co paso dos minutos foi a Piringalla quen xerou numerosas opcións de perigo. Adri empatou o choque e cos locais en inferioridade por expulsión de Kylian, os de Jony Lombardía bombardearon a área dun Río Sil no que sobresaiu o gardameta Saúl.
O Taboada B suma os tres primeiros puntos no feudo do Incio (1-2). Partido de moita intensidade e con predominio do fútbol directo. Comezou mellor o Taboada B que logrou adiantarse cun gol de Pita que aproveitou un bo centro de Nico. O Incio deu un paso adiante e dominou o último tramo do primeiro tempo, contando con claras ocasións para lograr, a máis clara un penalti errado. O segundo tempo comezou tal e como rematou o primeiro. O Incio acadou o empate por medio de Héctor e os de Jacobo Vázquez voltaron a poñerse por diante tras superar Elías ao gardameta. No último tramo de encontro o gardameta Eloy convertiuse en protagonista ao desbaratar cada acción de perigo do Incio.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

