Chantada e Ribadeo, tres puntos para gañar galóns

Chantada e Ribadeo comezaron a temporada dun xeito inmellorable. Unha vitoria en cadanseu derbi comarcal propiciou que ambos os conxuntos, xa de antemán favoritos a pelexar polo ascenso, comecen na zona alta da clasificación.

Nesta segunda xornada veranse as caras o domingo en horario matinal (ás 12:00 h) no Sangoñedo, coa arbitraxe de Vicente Castro Rico.

O cadro local enfrontouse ao veciño Taboada na xornada inicial e foi quen de vencer a domicilio logo dunha gran primeira metade dos de Traste. Xogadores clave como Davicín, Lucas ou Joserra comezaron vendo portería e os chantadeses perfílanse como firmes candidatos a ocupar os postos cabeceiros.

Do mesmo xeito, o Ribadeo venceu no derbi mariñán ao Xove Lago no Pepe Barrera. Os de Diego Bermúdez deron mostra da súa gran pegada e non temeron polo resultado. Os Castrín, Álex Meitín, Kevin Pierre ou Santi prometen emocións fortes aos seareiros ribadenses.

Aínda na segunda xornada e sen nada decisivo en xogo, ninguén dubida que os tres puntos do Sangoñedo serán moi importantes para reafirmar a confianza xerada no primeiro choque da campaña.

Falamos con dous dos protagonistas do primeiro convite ligueiro. O chantadés Joserra marcou o tanto da vitoria da SD e volve sentirse importante logo da súa lesión. Castrín foi autor dos dous primeiros goles do Ribadeo e será un dos seus futbolistas de referencia na campaña.

A OPINIÓN DE . . . JOSERRA

Inicio de liga. “Pensaba que comezar ca Supercopa en agosto nos podía dar un pouco de vantaxe no ritmo e no primeiro tramo de partido notouse. Non fomos quen de pechalo marcador, porque o Taboada sempre compite moi ben, pero soubemos reaccionar despois do empate. O máis importante é que conseguimos traer os tres puntos”.

Partido co Ribadeo. “Non o coñezo moito porque leva tempo en Preferente, pero todo o mundo fala deles como os grandes favoritos. Estou seguro de que imos competir e loitar por deixar os tres puntos na casa, onde nos fixemos moi fortes nos últimos anos”.

A campaña a nivel persoal. “Primeiro, espero que sexa unha boa tempada para o equipo. A nivel persoal, quero chegar a competir ao mellor nivel posible despois da lesión de longa duración. Nos minutos que xoguei o ano pasado non acabei de verme ben. Agora teño a ilusión de poder axudar en todo o que faga falta e de pelexar polos postos altos da clasificación. Estou convencido de que temos un cadro de xogadores para iso”.

A OPINIÓN DE… CASTRÍN

Primeiro partido co Xove. “Comezar a temporada cunha vitoria sempre é positivo. Penso que fixemos un partido bastante serio, na liña na que viñamos traballando durante a pretemporada. Quédanos traballo que facer e moito que mellorar, pero arrincar deste xeito danos confianza para seguir dando pasos co fin de alcanzar a mellor versión do equipo.

A chave do encontro en Chantada. “Vai ser un encontro moi disputado. O Chantada ten un equipo moi bo, van a estar pelexando o ascenso sen dúbida e na súa casa son moi fortes, polo que conseguir unha vitoria alí non é fácil. Eles son un equipo moi intenso, polo que deberemos igualar esa intensidade e facer un partido moi serio, sobre todo, a nivel defensivo para poder optar aos tres puntos.

Dobrete para comezar. A tempada a nivel persoal. “Sempre pido o mesmo. Non ter lesións e poder aportarlle ao equipo o máximo tanto dentro do campo coma fóra del. Encantaríame que puidéramos devolver ao club á categoría que se merece estar, que non vai ser fácil, pero é un reto bonito. Polo demais, seguir gozando, principalmente da xente que vas atopando polo camiño, que é o máis bonito deste deporte.

A AXENDA DA FINDE NA XEROGRAFÍA LUCENSE…

Lugo B – Atlético Arteixo (Domingo ás 12 horas na Cheda): o mariñán Pablo Martínez regresa á Cheda para xogar fronte ao seu ex equipo.

Pol – Val de Narón (domingo ás 12h no Municipal): os dous equipos queren sumar os tres primeiros puntos da temporada. Perderon pola mínima na primeira xornada.

Iberia – Chantada Atlético (domingo ás 17h nas Valgas): a Primeira volve a San Miguel de Reinante. O Iberia busca a segunda vitoria consecutiva ante un Chantada Atlético que pretende puntuar.

Brollón – Polígono San Ciprián (domingo ás 17 h nos Medos): Os Medos volven vivir o ambiente da Primeira, desta volta coa visita de equipos ourensáns. Os futbolistas preparados por Chura teñen a oporinidade de lograr o segundo triunfo do curso.

San Ciprián – Sp. Pontenova (domingo ás 17h na Veiga): xa é un duelo clásico na categoría entre dous equipos que medirán o seu estado de forma para ir vendo en que parte da clasificación se moverán.

Palas – Antas (domingo ás 18:30h nos Chacotes): Palas está de festa e comeza a temporada na Segunda co derbi da Ullao.

Chantada e Ribadeo, tres puntos para gañar galóns

Iván Noé (Santa Comba): «Prefiro ter luz

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *