Un dos homes récord da provincia soña cun novo fito esta tempada. Fernando Sánchez García ‘Fernandito’ (Monterroso, 12/12/1987) afronta a súa segunda tempada consecutiva á fronte do Monterroso cun obxectivo ben ambicioso. Despois de lograr ata catro ascensos na súa curta carreira como adestrador, busca aínda o máis difícil: ser profeta na súa terra.
FUTBOLINLUGO: Boas Fernando. Antes de falar desta próxima campaña, como analizas a que vén de finalizar?
FERNANDITO SÁNCHEZ: A tempada pasada foi un pouco irregular. Iniciamos mal en tema resultados. Custounos moito adaptarnos á categoría, con moita xente nova e falta de experiencia. Moitos partidos que perdemos nos últimos minutos… Iso levounos a unha situación apretada que solucionamos con experiencia a final de tempada. Nas últimas doce xornadas tivemos uns resultados espectaculares que nos levaron a salvar a categoría sen apuros. E chegamos ata as semifinais de Copa, onde perdemos nos penaltis.
FIL: Falabas de falta de experiencia… Agora tense que notar ese ano máis á fronte do equipo, non si?




F. S: Funo notando xa co paso da tempada, na segunda volta. Tiñamos moitos xogadores sen experiencia en categoría sénior, moitos xogadores sub-23 e xuvenís xogando titulares no primeiro equipo… A idea é que den un paso cara adiante e nos den máis tranquilidade. Quedo aquí para subir o nivel do equipo tanto a nivel clasificatorio, como de xogo e de competitividade.
FIL: É verdade que o céspede de Cerdeiriños mellorou con respecto á campaña pasada? Iso pode influír no teu fútbol?
F. S: Estamos traballando arreo no campo. Temos pouca axuda pero entre xente da directiva, xogadores e eu mesmo; estamos poñendo o campo o mellor posible. Queremos facer un xogo máis vistoso e combinativo. Hai moitos equipos que veñen aquí a pecharse e a xogar un fútbol directo que nos penaliza moito. Temos pouca altura, experiencia e contundencia. Queremos que nos favoreza no noso nivel de xogo e o que traballamos semanalmente.
Quedo aquí para subir o nivel do equipo tanto a nivel clasificatorio, como de xogo e de competitividade»
FIL: En que posto vai quedar o Monterroso nesta tempada?
F. S: Son un adestrador moi claro na miña curta carreira deportiva. Levo catro ascensos e o meu obxectivo sempre era ese. Aquí non é ese. Pero púxenme o obxectivo de quedar entre os seis primeiros. Sei que é moi ambicioso e hai como trece anos que o Monterroso está no arame por salvarse. Pero teño ganas de meterme nese Top-6 da categoría e non pasa apuros.