O Taboada viviu neste verán a retirada dun dos míticos do seu equipo, Fabio, despois de once tempadas portando a camiseta do clube. Unha perda dolorosa dentro dos equipos da Primeira Futgal pola súa gran experiencia e dominio do xogo. Con 32 anos, fai un parón na súa carreira federada, aínda que non descarta acudir a adestramentos para poder continuar a practicar o deporte que o acompaña desde que era un cativo.
Futbolinlugo: Como tomas a decisión de retirarte?
Fabio: «Era algo que tiña en mente aínda que non fose por idade. A miña situación laboral cambiou moito e foi un dos factores máis importantes porque os desprazamentos eran moi difíciles. O ano continuei polas ganas que tiña e porque levo xogando ao fútbol desde que era un cativo. Tamén tiven unha lesión de clavícula pola que pasei por quirófano e aínda non está curada perfectamente».
FIL: Cal foi a etapa que recordas con máis cariño?



Fabio: «Hai catro ou cinco tempadas foi cando mellor xoguei xunto coa de xuvenil, na que estaba co Chantada. Son os anos nas que máis disfrutei dentro da miña carreira no mundo do fútbol».
FIL: Cal consideras como o teu maior éxito nestes anos?
Fabio: «Un ano que non sairá da miña memoria e que conto cando falamos de fútbol cos amigos foi a etapa en xuvenil na que co Chantada xogamos a Liga Nacional. Foi moi bonito acadar ese ascenso e ter a oportunidade de xogar con equipos como o Celta B e o Dépor B é moi bonito para rapaces coma nós nesa época. Tamén me quedo con toda a xente que coñeces e todo o que che dá o fútbol».
FIL: Que adestrador che marcou máis?
Fabio: «Foi o máis reciente, Martín Murado. Sobre todo, polo tipo de persona que é e pola maneira que ten de xestionar ao equipo. Tamén ten moito coñecemento do fútbol e posúe unha gran capacidade de comunicar as súas ideas e transmitir o que quere que xogue o equipo».
Fabio: «O segredo do Taboada é crear unha familia»
FIL: Pasando xa aos teu anos no Taboada, conformástedes un grupo moi sólido con xogadores como Fabri, Isma ou os Potente. Cal foi a chave para manter ese bloque?
Fabio: «Botei once tempadas no clube e acórdome que cando levaba seis aínda era un dos novos no cadro de xogadores. Sempre foi un equipo no que era xente da casa e os de fóra eran de moi preto. Crease unha familia dentro dun grupo no que se quere competir. Todos imos na mesma liña e creo que ese é o segredo».
FIL: Como viches a progresión do clube ao longo destas tempadas?
Fabio: «Sempre dixen que Taboada foi a máis tanto a nivel futbolístico como no resto de aspectos. Un dos grandes exemplos son as instalacións, antes adestrábamos en terra e agora a xente que está no mundo do fútbol é consciente do que se fixo a que. Todo axudou a facernos ver máis e competir mellor».
FIL: Mirando ao futuro, cales van ser os teus próximos pasos? Cres que chegaras a adestrar?
Fabio: «O fútbol encántame e vivino desde pequeno. Costa moito saír deste mundo. Non vexo a curto prazo ser adestrador, pero metereime a xogar algún partidiño e incluso adestrar algún día. Non descarto incluso, se todo evoluciona ben, regresar nuns anos. Parei hai pouco, pero falas ca xente e sempre tes o recordo de xogar e a vontade.».