Móvese o mercado como cada día e acumúlanse as novas na provincia. En primeiro lugar, traemos unha novidade moi positiva: Nere Lombardero —xogadora All Star— achégase ao fútbol profesional logo de asinar polo Real Oviedo. A da Pontenova xogará así na Primeira RFEF logo de brillar na Segunda RFEF co Viajes Interrías.
Precisamente no mercado da Segunda RFEF —neste caso no fútbol masculino—, a Sarriana quere competir cun grupo de garantías. O cadro de Iván Carril renova a Arona Sané, Piay e Álex Millán. Unha categoría máis abaixo, o Viveiro fixo oficial a incorporación do defensor Welli, que chega desde o Zamora, mentres que o Racing Villalbés ficha ao pontés Sergio Otero (Somozas) e a Álvaro Herrero, que xa xogara nos xuvenís do club chairego.

Hector González e Hugo Padín non continuarán no filial do CD Lugo. Lonxe dos nosos marcos, o mariñán Dani Pedrosa deixa o Boiro para enrolarse no Estradense, mentres que o gardamallas de Taboada Brais Vázquez xogará no Noia.
Tamén fóra da provincia e na Preferente, o porteiro Édgar Tourón chega ao Dubra. Xa na Primeira Galicia, as novas son numerosas: Debasa deixa o Guntín e semella que se enrolará nas filas do Outeiro de Rei, ao igual que o fará Purri. Óscar renovou nun Santaballés no que tamén continúa o defensor Miguel; Álex Arca xogará no Escairón logo do seu paso polo Lemos e Yosu deixa o cadro do Saviñao para xogar no Córgomo da Primeira Futgal ourensá.


O mercado móvese en todas as categorías
Unha categoría por debaixo tamén hai mercado: o Becerréa aposta forte coas incorporacións do central Ruchi e de López, xogador de banda que chega desde a Residencia. No Grupo Norte, o Celta Barreiros contará co mediocentro ribadense Antón por terceira campaña consecutiva e Iván Carballeira renova no Xermade.
Na Terceira Futgal, o Roupar mantén a súa base coas renovacións de Karim, Isma (aínda en idade xuvenil) e o lateral Manu. Tamén renova a parella de centrais integrada polo capitán Xosé e por Marcos. O Bóveda, pola súa banda, renova a boa parte do grupo: Bárbaro, Kenkas, Marcos, Xoel, Pavón, David, Jano, Sergio, Fer, Ángel, Mourelos, Yoel, Alejandro e Brais estarán baixo as ordes do míster Cristian Penas.
