Romy, reforzo da Residencia neste mercado

Diario dun Mercado. Episodio 474

O mercado non cesa en ningún momento e nesta nova edición do Diario dun Mercado de Futbolinlugo moitos dos grandes culebróns que axitaban o fútbol de toda a provincia xa quedan resoltos. Banquiños con movementos, despedidas das que fan dano, goleadores con novos destinos, renovacións de pezas importantes ou xogadores que estiveron dentro All-Star Futbolinlugo son os protagonistas dun novo día de negociacións rematadas.

Rematan os grandes culebróns do mercado

O gran culebrón da tempada no fútbol provincial xa ten solución. Romy, un dos mellores goleadores da provincia, pecha un gran ciclo no Paradela, con final na pasada campaña no Ribadeo, para fichar pola Residencia, onde Rafa Casanova continúa como adestrador. Outro dos grandes movementos neste Diario dun Mercado, Adri Lombao despídese dun Viveiro no que foi parte importante as últimas dúas campañas para poñer pé no ambicioso proxecto do Arousa.

O Racing Vilalbés sufre dous reveses importantes coas baixas de Barroso e Cañi, o seu máximo goleador na pasada tempada. O destino deste último apunta a un Compostela decidido a conseguir o ascenso. A boa nova en Vilalba chega coa renovación de David García. Por último, outro culebrón rematou en Sarria, que tras o adeus de José Antonio Rodríguez xa ten novo adestrador. Iván Carril ocupará o banquiño da Sarriana despois de seis tempadas no Noia.

A Mariña non baixa o ritmo

A Mariña continúa a ser unha das zonas da provincia con máis actividade no mercado. O Ribadeo pesca na zona para fichar ao gardameta Iñaki, procedente do Celta Barreiros. O Xove Lago tamén se reforza coa firma de Ibrahima ‘Bourama’, dianteiro procedente do xuvenil do Burela. Por último, tanto Iván García como Borja Nogueira, que cumprirá a súa quinta tempada, continuarán sendo importantes dentro do cadro de xogadores do Alfoz.



O resto da provincia tamén suma movementos nun mercado moi movido. Dumi continuará exercendo como adestrador do Castro tras quedar a un paso da Preferente. O Paradela, pese a ter a importante baixa de Romy, refórzase coa fichaxe de Álex Fernández. O que dá un paso ao lado é Noel Teixeiro, que causa baixa no Racing Vilalbés B e será novo xogador do Miño. Santi, en cambio, seguirá pertencendo ao Catro Roldas.

O mercado mirou tamén cara ao All-Star Futbolinlugo que se disputou na Cheda a pasada semana, con Martín, xogador e presidente do Sober, reafirmando a súa continuidade nun proxecto no que tamén permanecen Pibe, Alan Sánchez e David Piñeiro. Os últimos cambios de equipo no diario son os de Samu Cao, que pasa do Lemos B a un Ferreira que opta pola xuventude do sur, e o do defensor Mateo Gorgoso, que cambia Meira por Outeiro.



Diario dun Mercado. Episodio 474

Diario dun Mercado. Episodio 474

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *