- O partido ante o filial do CD Lugo decidiuse na quenda de penaltis (4-5)

A final comezou incómoda para ambos equipos, acusando os nervios e amosando moitas dúbidas propias dun encontro no que estaba en xogo o trofeo da Copa Deputación.
O CD Lugo B poríase por diante no marcador grazas a unha gran xogada de Ánxela, que despois de que as luguesas aproveitaran unha perda de balón do Antas en medio campo, conseguía chantarse soa nun man a man para bater con facilidade á súa homónima na portería do cadro celeste.

Minutos despois, de novo a Ánxela albivermella volvía a chegar con perigo ante a Ángela celeste, pero a porteira chantadesa sacou a relucir toda a súa calidade para achicar o espazo e, amosando uns reflexos únicos, conseguir evitar o que sería o segundo gol do CD Lugo B, que tería, sen dúbida, marcado a eliminatoria.
O cadro albivermello seguía facendo moito dano mentres a SD Antas sufría, sen atoparse cómoda nun campo – A Medela – dunhas dimensións moi superiores ao que están acostumadas. Porén, co paso dos minutos as seoanesas foron atopándose cada vez máis cómodas, conseguindo artellar un xogo máis organizado e, a partires de aí, crear perigo.


Así, Dana igualaría o marcador (1-1) aproveitando un bo centro de Jenny, superando á porteira e anotando con calma.
O gol do empate mudou o partido. Foi entón cando a SD Antas se veu arriba, comezou a xerar moito perigo e a desfrutar de ocasións moi claras. Porén, a falta de eficacia na área rival servíalle ao filial lugués, agora máis incómodo, para manterse no partido.
As ocasións máis claras foron para Jenny, que fallaría un rexeitamento xa coa porteira vencida; Idoia, que non aproveitou unha gran ocasión a balón parado para empurrar o balón na liña de gol; Elisa, que enviou un remate de cabeza fixo estirar á porteira facendo unha gran parada… Un senfín de ocasións que, porén, non atoparon gol.


Tamén o CD Lugo B tivo algunha ocasión antes de chegar ó tempo de lecer cun remate ao pau logo dun desaxuste defensivo das dirixidas por Abelairas.
Co paso polos vestiarios mellorou o xogo das celestes, saíndo ao (sempre incríbel) céspede da Medela coas liñas máis xuntas, con máis farpa que na primeira metade. Así chegou unha nova treboada de ocasións de todo tipo, lucíndose a gardameta do CD Lugo B para salvar ao seu equipo en numerosas ocasións.

Todo semellaba indicar que o gol para a SD Antas era cuestión de tempo, chegando cada vez con maior facilidade. Foi entón cando se produciu o momento máis polémico da final. Lucía pega un disparo dende a frontal da área e o balón peta no ferro da escadra, saíndo rebotado. O equipo arbitral interpretou que non fora gol malia as protestas de todas as xogadoras e a grada seoanesa. Tamén para a adestradora do CD Lugo B, Iria Rey; era gol. «Desde a miña posición non se vía claramente, pero se tivera que dar unha resposta: era gol». Malia todo, o tanto non subiría ao marcador e toda protesta tivo pouca utilidade.
Un duro golpe para o cadro ulloán que, tocado, deu ocasións ás luguesas. Foi a porteira, Ángela, quen de novo amosaría o gran partido que estaba a facer para evitar o gol das albivermellas.

A pesares de que o cansazo xa acusaba, Dana seguía facendo dano e Marta uníase con perigosidade, pero sen ser capaces de anotar e evitar a prórroga.
Xa no tempo engadido, seguíronse sucedendo as ocasións mais sen atopar recompensa que evitara os temidos penaltis.

No todo polo todo dende os 11 metros, Ángela volveu a amosarse protagonista baixo paus. Nuria fusilou para anotar o seu disparo, Elisa fixo o seu colocando o balón, Dana puxo calma con outro tanto, Lucía axustou o disparo e non fallou e Melanie foi a encargada de anotar o penalti final para darlle o trofeo ás ulloáns que, con este título, pechan unha tempada impecable con Copa e ascenso.

O CD Lugo B, malia non levantar finalmente a Copa, deixa á súa adestradora, Iria Rey, moi satisfeita. «Foi unha gran tempada e hai que destacar o traballo de todas, dende as que xogaron ata as lesionadas que estaban connosco na distancia. Son un grupo cheo de afouteza, humildade e traballo. Se son boas xogadoras, aínda moito mellores son como persoas«, desfacíase en eloxios para as súas pupilas a adestradora.

Así mesmo, a técnica albivermella quixo «felicitar á SD Antas pola grandísima tempada que fixeron durante todo o ano».