O Racing Vilalbés está situado no coliderado da clasificación da Terceira RFEF xunto á UD Ourense tras finalizar a última xornada de liga. O conxunto chairego logrou un punto de moito mérito ante un rival directo para obter o ascenso directo como é o Arousa (1-1). O encontro na Lomba mostrou a faceta máis loitadora dos de Alberto López, xa que o conxunto local logrou poñerse por diante nos primeiros dez minutos de encontro e non puideron empatar ate o minuto 68.
O autor dese gol tan importante para o conxunto chairego foi un canteirán, Cadra. O defensor foi quen de darlle aos seus un punto que os mantivo igualados coa UD Ourense. O goleador pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron sobre o encontro en Vilagarcía, a tempada no equipo e a loita polo ascenso directo.
Podes escoitar aquí a entrevista íntegra:
Encontro ante o Arousa: «Era un campo moi difícil e sabíamos da dificultade que sempre ten A Lomba. O Arousa arrancou moi ben na primeira metade e a nós costounos máis entrar no ritmo do partido. Logo si que fomos quen de igualar as forzas e xogar ao noso fútbol para conseguir un punto moi importante».


Tempada no primeiro equipo con Alberto López: «Arrinquei con moita ilusión e estou disfrutando a tope de todas as oportunidades que me está a dar o corpo técnico e queremos seguir adiante coa gran tempada que estamos facendo».
«O obxectivo do Racing Vilalbés é pelexar por todo»
Loita polo ascenso: «A verdade é que o vemos cos pés na terra porque sabemos da importancia de estar arriba e sabemos que hai equipos que apostaron moi forte por acadar o ascenso. O obxectivo é pelexar por todo e se chegamos ás últimas xornadas no cume sería espectacular, pero creo que non nos marcamos ningunha esixencia. Intentaremos manter a ilusión que hai agora mesmo todo o posible».
Foto do Racing Vilalbés.
