#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Abadín e Sober perden a imbatibilidade

O sétimo Tres en Raia En Boas Mans da Terceira Futgal deíxanos no grupo norte o liderado sólido do Goiriz. O cadro vilalbés segue contando por vitorias os seus encontros tras derrotar a un Abadín que chegaba tamén invicto. Os de David Lorenzo puxeron ao día o calendario tras disputar e gañar o encontro adiado diante do Celeiro. Matela e Cazás sitúanse en postos de privilexio.

No grupo sur, o Monterroso B goleou ao Relámpago Taboada e mantén a primeira praza, seguido moi de cerca por un Sporting Lucense que infrinxiu a primeira derrota do curso ao Sober. O Corgo xa é terceiro tras gañar á Sarriana B.

grupo norte

Un gol de Vizoso fai máis líder ao Goiriz e estrea o casilleiro de derrotas do Abadín (0-1). Encontro parello, con moito balón parado e interrupcións que fixeron non se puidera ver moito fútbol entre dous dos mellores conxuntos da categoría. Xusto antes do intermedio chegou o único gol do encontro. Nun saque de esquina, Vizoso tras unha serie de rexeites rematou marcando. No segundo tempo, o Abadín pelexou para igualar o encontro. Unha boa xogada de Izan rematou co gol de Ferre, pero este foi anulado polo colexiado por fóra de xogo, ante as críticas dos de David Lorenzo.

O Matela goleou sen piedade ao Friol B (8-1). Encontro sen moita historia en San Lourenzo de Aguiar. Os de Cuchi foron moi superiores en ataque e en defensa. Cinco goles no primeiro tempo, tres deles de Simao, dan boa fe. Uni marcou o tanto da honra para os visitantes. Bruno, Pedro e un Maikel que dominou o medio do campo, completaron a goleada.



O Cazás dobregou ao Comercial no segundo tempo (0-3). Primeira metade con ocasións para os dous equipos. O Comercial xerou un bo número de opcións para marcar, sobre todo á contra, pero o gardameta Fernando estivo moi atinado. O intermedio mudou a faciana do Cazás. Os trocos deron os seus froitos e os goles chegaron por medio dos xogadores de refresco. Nada máis comezar Bellas marcou desde longa distancia e pouco despois Lois marcou cun bo tiro desde dentro da área. Juan sentenciou cun testarazo á saída dunha falta lateral.

Rioaveso e Catro Roldas igualan no derbi vilalbés (2-2). O encontro respondeu ao que se agarda dun derbi. Na primeira metade víronse ocasións para os dous conxuntos. O Catro Roldas adiantouse por medio de Cristian e contou con algunha ocasión máis para ampliar as diferencias no marcador nun primeiro tempo no que os de Coto foron mellores. O Rioaveso mellorou no segundo tempo e Losada igualou o encontro. Jaime volveu a poñer por diante ao Catro Roldas, pero os de Asier Lozano controlaron o partido por medio da posesión e lograron nivelar de novo o marcador cun tanto de Noé.

O Castroverde aséntase no play off tras gañar no campo do Roupar (0-2). Os de Ángel Pena saíron moi enchufados e Xavi puxo a proba ao porteiro do Castroverde. O Roupar levou o peso do partido no primeiro tempo e os visitantes buscaron xerar perigo á contra sen éxito. O segundo tempo seguiu un guión moi semellante. Os de Iago Núñez aproveitaron un erro defensivo local para adiantarse no marcador cun gol de David. Pouco despois, Borja deixou o encontro case que decidido cun gran gol de falta directa. O Roupar tentou nos últimos intres recurtar diferencias diante dun Castroverde que se defendeu con dez pola lesión de Ángel.



grupo sur

O Monterroso B golea no campo do Relámpago Taboada e mantén o liderado (2-7). Logo de vinte minutos parellos, o filial monterrosino amosouse moi superior ao Relámpago. Isma abriu o marcador para os de Pampín e Moure igualou pouco despois. Os de Pampín tiveron os seus mellores minutos tras o ecuador do primeiro tempo e lograron anotar catro goles. Dous goles de Sergio, Martín e Charli foron os autores dos goles. Isma e Toni tiveron ocasións para que o marcador fora abultado. No segundo tempo, Moure recurtou diferencias. Javi, con dous goles, pechou a goleada.

O Sporting Lucense remata coa imbatibilidade do Sober e non cede na pelexa pola primeira praza (3-0). Comezou mellor o Sober e contou con dúas boas ocasións para marcar. Co paso dos minutos o cadro local mellorou e logorou poñerse por diante cun bo gol de Jesús. Tras o paso por vestiarios, o Sober saiu coa intención de remontar e varios erros individuais condearon aos de Iban Lagoa. Kevin Cabanas puxo terra de por medio no marcado, un tanto que fixo mella nos soberinos e Cristian fixo o terceiro e definitivo.

O Corgo acada a terceira vitoria consecutiva diante da Sarriana B (3-0). Os de Abel Rochela amosáronse superiores a un filial sarriao que non foi quen de meterse no partido en ningún momento. Os locais realizaron un encontro moi serio e apenas concederon ocasións de gol. David marcou no primeiro achegamento do Corgo e Fer ampliou diferencias antes do descanso. No segundo tempo, o máis salientable foi o golazo de Raúl pola escadra que serviu para pechar o encontro.

Dous goles de Moncho sitúan ao Carballedo en posto de play off (2-0). Partido de moito fútbol directo no que o conxunto local foi superior ao Taboada B. Tras un primeiro tempo no que os de Adrián Pateiro non estiveron atinados de cara a portería, a cousa trocou tras o intermedio. Moncho marcou en dúas ocasións e o Taboada B buscou recurtar diferencias sen éxito.

O Río Sil acada a segunda vitoria do curso fronte ao Chantada Atlético B (5-3). Os visitantes puxéronse moi rápido por diante con dous goles, obra de Iago e Congui. Reaccionou ben o Río Sil, que xerou moito dano a balón parado. Joselu, Laye e Jorge déronlle a volta ao marcador en apenas dez minutos. Os de Ivi Gayoso non estiveron ben no segundo tempo. Jorge e Manu sentenciaron o choque e Diego recurtou diferencias, pero o marcador non correu perigo para os da Carqueixa.



Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal grupo Lugo provincial

Abadín e Sober perden a imbatibilidade

Iberia, Paradela e Brollón non perden no

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *