Afeito a correr para atrás despois de subir a banda, non lle resultou estrano facer ese camiño á inversa tamén na vida. Marcos Senande Sánchez (Lugo, 16-05-1989) naceu na capital da provincia, pero posteriormente marchou vivir á vila. Criouse na base da Residencia, compaxinou etapa universitaria na Milagrosa e madurou definitivamente no Palas CD.
Na Ulloa e, concretamente no Vilariño, aprendeu os valores dun club dos de sempre. Dez anos deportivos e unha pandemia polo medio deixaron momentos inesquecibles e a satisfacción de que «isto segue». Aos seus 35 anos e cunha intensa paternidade, Marcos deixa o fútbol sénior. Mantense como directivo porque «é moi bonito mentres o hai, pero é moi fastidiado recuperalo». Marchar para quedar, un luxo que só os apaixoadas se permiten.
Futbolinlugo: Por que decides deixar a práctica en activo do fútbol?
Marcos Senande: Por falta de tempo e por dar prioridades. Acabo de ser pai de dúas nenas xemelgas e hai que ir deixando paso aos máis novos. Ademais, teño varias funcións dentro do club ao formar parte da directiva e adestrar aos prebenxamins e aos benxamíns. Prefiro apoiar a que o fútbol siga no pobo agora que hai mozos aos que lles chegou o seu momento de xogar.


Fil: Como lembras a túa chegada ao club?
Fil: Eu nacín en Lugo, pero boa parte da miña familia é de Palas e estaba por aquí moito tempo da miña vida. Coñecía aos que xogaban e xa tiña moi boa relación con eles. Ao finalizar a carreira, marchei uns meses para fóra e non tiña gana de seguir xogando.
Dende Palas insistíronme. Probei un ano e xa seguín. O club foi un descubrimento. Viña afeito do fútbol da Resi e da Mila, de Lugo cidade, onde é moito máis riguroso. Atopeime cun deporte diferente. Estiven moi a gusto e seguirei desfrutando porque acabarei xogando nos veteráns. Non me aguanta o corpo parado (risas).

Marcos Senande: «Tiñas relación con tres ou catro, pero en Palas eran dezaseis remando na mesma dirección»

Fil: Que diferenzas atopaches nun fútbol que está separado por 40 km?
MS: O principal é a piña que se fai no vestiario. Viña afeito a non ter ese compañeirismo que me encontrei en Palas. Sempre tiñas unha relación con tres ou catro, pero aquí eran dezaseis remando na mesma dirección. Xa non era só o balompé. O terceiro tempo era e é importantísimo, xera todo isto e vai termando do fútbol nos pobos. Fóra de individualidades, valoro moito o traballo en equipo.
Fil: Por iso hai dous anos tamén te implicaches na directiva?
MS: A vida foime levando a Palas. A min gústame o fútbol e a relación cos que estamos na directiva era moi boa. Propuxéronmo e aceptei. Na maioría dos sitios non hai xente que se queira enfrontar a estes problemas, xa que che complican un pouco a vida, pero é crucial para fomentar que haxa cousas nas vilas. A día de hoxe, o fútbol en Palas é dos poucos deportes que poden facer os nenos. Que o campo estea cheo é algo que te enche.
Fil: Por que fai un este traballo?
MS: Non o fas por cartos. A miña principal motivación é que o fútbol siga en Palas. Que agora teñamos categorías dende prebenxamíns ata veteráns é un éxito. Non quero que morran. É moi bonito mentres as hai, pero é moi fastidiado recuperalas. De aí a miña decisión de seguir para adiante e intentar meterlle ese gusanillo a máis xente para que apoien.
Marcos Senande móllase: Un futuro equipo na Ulloa?
Fil: É compatible a canteira do Palas, do Antas e do Monterroso na Ulloa?
MS: Espero que si. Actualmente hai nenos para os tres equipos. Temos moi boas relacións. En Monterroso están volvendo xuntar á xente e facendo as cousas ben. En Antas xa é máis que sabido que levan anos funcionando ben. Nós incluso estamos atraendo xente de Melide, de Guntín,… Vemos viabilidade.
Levo moitos anos escoitando de facer un equipo da Ulloa, pero mentres haxa rapaces nos tres pobos para min deberiamos seguir así. Non imos forzar a ningún neno a xogar, nin dedicarnos a «roubar» cativos entre equipos; isto é para desfrutar. Defendemos os valores da práctica do deporte e do compañeirismo.
Fil: Que é para ti facer as cousas ben dende unha directiva?
MS: Poñer os xogadores no centro. Ti traballas para que isto funcione. O ideal é que a xente estea cómoda e desfrute, dende os máis pequenos ata os máis veteráns. Non hai intereses por detrás, metémonos para que isto siga tirando para diante; que se xeren uns valores sanos que van axudar no fútbol e na vida.
Marcos Senande repasa a última tempada na que o Palas finalizou 6º no grupo sur da Segunda Galicia

Fil: Como valoras a última campaña do equipo sénior?
MS: Conseguimos manter a mesma liña. A xente comprometeuse, non fallaba adestrar e fixemos un final de tempada espectacular. Non lle faltou nada para meternos na fase de ascenso. Foi un éxito total porque o cambio é grande dende a 3ª á 2ª.
Hai dous anos descendimos tras a pandemia. Produciuse o cambio de xeración. Quedamos catro persoas do equipo que estaba antes. Conseguimos ascender no primeiro ano cun grupo novo. Os rapaces que subiron de xuvenís adaptáronse moi ben. Fixemos unha piña e a última tempada saímos sen presión ningunha.
Fil: Fostes o equipo do grupo sur da 2ª que menos goles encaixastes (26)…
MS: Traballámolo dende hai dous anos con Brais Vázquez e Carlos García. Notouse unha melloría moi boa defensivamente. Fixemos unha campaña súper regular; aí están os números. Costounos marcar, pero suplímolo con esa faceta defensiva na que nos implicamos os once que estabamos no campo. Ante equipos superiores tecnicamente, plantamos cara.
Fil: Como directivo, tocouche decidir sobre a renovación dos teus adestradores?
MS: Somos directivos, pero hai que aplicar o sentido común. O primeiro que fixemos foi falar con eles. As cousas estaban indo ben, a decisión de seguir era deles. A reunión foi moi breve. Temos as ideas moi claras e eles continúan crendo no proxecto.
Marcos Senande como xogador
Fil: Como te definirías a ti mesmo como futbolista?
MS: Un de equipo. Moi intenso, tanto defensiva como ofensivamente, e moi constante. A constancia foi o que me fixo aguantar tantos anos xogando e desfrutar tanto.
«O capitán ten que facer que cada integrante do grupo se sinta importante»
Fil: Portaches o brazal estes últimos anos e xa o fixeras na túa etapa do fútbol base. Que necesita ter un capitán?
MS: Priorizar o traballo en equipo. Facer que cada integrante se sinta importante. O grupo está por riba de calquera persoa. Cando veñen os malos momentos, o capitán é o que ten que afrontalos e calmar os ánimos. Cando tocan os bos, deixar desfrutar a xente. Así o intentei facer os últimos anos. Agora tocaralle a Julián, pero está máis que capacitado que xa o fixo estas campañas tamén.
Fil: Cales consideras que foron os teus maiores éxitos deportivos a nivel colectivo?
MS: No fútbol sénior tiven dous co Palas: A Copa Deputación 2016 e o ascenso á 2ª en 2023. Fomos unha xeración que fixemos bastante ben as cousas e sempre nos faltou a guinda do ascenso á Primeira. Gañar aquel título de Copa foi un fito. Tamén o ascenso do ano pasado. Tomei a decisión de quedarme no equipo cando pararon a maioría e conseguir que o club volvera á 2ª foi un éxito deportivo e persoal. Marquei o último gol do ascenso en Monterroso. Aquilo parecía que estaba escrito (risas).

Abaixo: David, Rasilla, Rober, Marcos, Chechu, Rubén e Liz. Foto: Cedida por Marcos Senande
Na base da Residencia xoguei en cadetes División de Honra e acabei a etapa de xuvenís como capitán ascendendo á Liga Nacional. Foron anos moi bonitos. Gañamos moitas cousas con xente que despois chegou a profesional como Álex Bao.

Abaixo: Zalo, Álvaro, Marcos, Alberto Pérez e Alberto Díaz. Foto: Cedida por Marcos Senande
Na Milagrosa estiven catro anos moi chulos grazas a Madriles que tirou de min e volvinme poñer a tono. Xogamos en Primeira para ascender á Preferente. Non o conseguimos na miña etapa, pero era unha xeración moi boa.
Fil: Non houbo oportunidade de xogar na Residencia sénior?
MS: Cando saín estaban comezando en Terceira Rexional. Eu fórame para a Mila en Primeira. Seguín mantendo o trato con Julio e con todos, pero despois estaba noutra dinámica.
Fil: E houbo ofertas doutros clubs ao longo deste tempo?
MS: Si, pero sempre prioricei o traballo e estar a gusto. Non me apetecía facer quilómetros nin lle din importancia á parte económica. Peferín sempre o bo ambiente e a confianza que tiña coa xente. É a base de que o fútbol das vilas siga para adiante. Dende fóra, vivín moitos casos de equipos que pagaban e acabaron desfacéndose. Esa non é a forma de que o fútbol perdure no tempo. Ten que haber boa xente e grupos para que iso traccione só. Seguirei defendendo eses argumentos.
Marcos Senande en curto…
Un campo de fútbol? Os Chacotes, foi onde máis desfrutei.
Un compañeiro? Un só? (risas). Actualmente Julián, se seguín estes dous anos foi grazas a el e continúa tirando moi duramente do Palas.
Un bar para celebrar un terceiro tempo? O Vilariño, xa non está, pero aí si que había terceiros tempos todos os venres. Era unha referencia en Palas como pode ser o Plaza, que é onde tomamos o café os días de partido.
Unha festa que non perderías na que te xuntas sen avisar con xente do fútbol? A Festa da Xuventude de Palas.