O Saviñao voltará gozar de fútbol de Preferente no próximo curso. A temporada sobresaínte dos de Iván González obtivo o merecido premio no duelo que se viviu o pasado domingo no Municipal, pese aos esforzos dos chantadinos —tamén merecedores do éxito polos seus excelentes números— por evitalo.
A Crónica dun ascenso máxico
O Atlético Escairón comezou o partido moi enchufado e conseguiu evitar o característico dominio posicional da SD Chantada. A base de moitos balóns parados e centros á área, os do Saviñao impediron que os de Traste se sentisen cómodos e, de feito, Julito fixo o 1-0 cun centro-chut que se colou na meta visitante. Co gol local, a Esedé deu un paso adiante e medrou no seu xogo, ata que Joserra fixo o 1-1 nunha acción moi desafortunada que, a pesares de rematar en gol, se saldou coa súa gravísima lesión no tendón de Aquiles. Antes do tempo de lecer, Pedro tivo o 1-2 nunha acción que finalmente petou no pau.
Xa na segunda metade, o Atlético Escairón optou por manter a súa renda mentres que os da vila do Asma buscaron con insistencia o tanto que culminase a remontada: Pulpix enviou fóra un remate franco, Nodar errou un man a man, Manute tivo a súa… pero os locais mostraron unha vez máis a súa fiabilidade en defensa e na portería, cun gran Macía, e mantiveron o resultado para desatar a tolemia no Municipal co asubío final, 1-1.
As sensacións dos protagonistas do saviñao
Un dos grandes artífices do ascenso foi Rucho Sotelo, que viviu o partido do pasado domingo como «un choque moi igualado. Sabiamos que ía ser difícil e eles tiveron as súas ocasións, pero defendimos ben e coa axuda da afección, que non parou de animarnos, conseguimos o obxectivo proposto a comezo do ano».



O atacante resaltou que «a SD Chantada foi un gran rival e vivimos un partido moi bonito para o espectador. Ogallá no futuro teñan a sorte que tivemos nós e acaden o ascenso». Porén, tamén incidiu na ambición do Escairón, pois «temos que dar as gracias a toda a directiva, en especial a Diego, e a toda a vila porque non nos deixaron de apoiar en todo o ano. Pero isto aínda non acabou, queda a Copa e temos moitas ganas de xogar unha final, pois queremos vivir algo tan bonito como o do domingo. Xa miraremos despois os obxectivos de cara ao ano que vén».
No bando menos afortunado estivo o preparador Traste, que sinalou que «a única sensación de tristeza é que os xogadores non puideran disfrutar de algo que merecían, pero o resto coa sensación de orgullo máximo por todo o que fixeron, acabando co partido de onte no que se fixo todo para ganar no Saviñao».
Porén, o técnico declarou que «son un privilexiado por adestrar a este grupo e sei que o van seguir intentando, como intentou Joserra axudar o equipo onte sabendo que era un risco que acabou con esa rotura de tendón de Aquiles. Ao final este tipo de exemplos e a maneira de competir fan que se vexa esta conexión coa nosa grada, que estivo espectacular, polo que estou orgulloso de toda a xente da SD».
