#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Castañer, CD Brollón: «Temos a mellor afección da 2ª Galicia»

Os Medos están a vivir unha temporada histórica co seu CD Brollón. O cadro da Pobra rematou a temporada regular na segunda praza logo dunha intensa loita co Oural e co Becerreá por acadar o ascenso directo.

61 goles a favor e tan só 36 en contra logo de 30 partidos. Números que non se ven en Brollón desde fai tempo e detrás dos que se agocha un gran traballo colectivo. Agora, os de Chura afrontan a promoción de ascenso á Primeira Galicia. A primeira parada para eles será A Reigosa, onde agarda o potente Friol.

Un dos nomes propios deste equipo é Adrián Castañer (Monforte de Lemos, 1996). Máis que contrastado na Preferente, o futbolista incorporouse á disciplina do Brollón na 22/23 e xa é un imprescindible no once titular. Hoxe, falamos con el para analizar as perspectivas individuais e colectivas de cara á fase de ascenso.

Futbolinlugo: Como se está vivindo desde dentro a temporada do Brollón?



Adrián Castañer: Xa na pretemporada víanse cousas que non se vían o ano pasado, pois as fichaxes deron un punto máis de calidade ao equipo. Iso crea ilusión, que despois se ve reforzada polos puntos que vai sacando o equipo: escalas na clasificación, aséntaste arriba… e hai moita ilusión.

Somos un equipo pequeno e con poucos cartos e menos facilidades que outros clubes. De feito, é un bar o que pon un autobús para que a xente se desprace a Friol, porque en Brollón o fútbol está olvidado: o estado dos vestiarios, do campo durante boa parte da temporada… o único que nos apoia o Concello é segando o campo, e porque teñen que facelo.

Fil: Pero aínda así, hai unión no vestiario.



AC: Coas circunstancias que comento, estamos aínda máis orgullosos dos resultados porque todos botamos unha man no que faga falta, a directiva móvese ben, Chura fai todo o posible… somos todos unha familia, pois ademais de calidade futbolística hai calidade humana, e todo suma.

Fil: Os que tampouco fallan son os seareiros do club.

AC: Si, son medio Brollón. Temos a mellor afección da Segunda Galicia e, aínda que fai moito que non compito na Primeira, cóstame crer que haxa unha afección coma a que hai na Pobra. É unha pasada a cantidade de xente que ven ver o fútbol en inverno, ou ir xogar a Lugo e ver chegar a 30 persoas para animar.

«A nosa Afección é medio BROLLÓN«

Fil: Houbo decepción ao non acadar o ascenso directo?

AC: Non é unha decepción porque o equipo non se fixo para estar aí arriba, senón para competir. Cando compites, obviamente, xogas para acadar o posto máis alto posible, pero fixemos o equipo porque somos un grupo de amigos que pretendiamos estar xuntos. Outros equipos, como Oural ou San Lázaro, fixeron equipos co obxectivo claro de ascender, pero nós estamos aí sen que fose o obxectivo a principio de temporada.



Sería mentira dicir que, unha vez aí, dixese que non queremos ascender, pois despois de todo o esforzo do ano a ilusión é innegable.

Castañer (esquerda) a piques de lanzar unha falta na Pinguela

Fil: Os números do conxunto invitan ao optimismo na promoción.

AC: Si, por suposto. Sabemos que vai ser moi difícil porque os tres equipos que compiten contra nós teñen moito nivel e están aí por algo. O Becerreá na casa é moi complicado, Friol e San Lázaro nos seus feudos tamén… pero creo que que o campo que calquer rival quere evitar nunha promoción é o da Pobra de Brollón… Nos Medos hai que sachar: a afección apreta, o terreo de xogo agora non está en mal estado… Para ninguén é de agrado vir xogar a Brollón, xa se viu na fase regular, pois tan só perdimos contra o Oural

Compaxina o fútbol co traballo, pero tamén cun grupo de música

Fil: Está contento Adrián Castañer no Brollón?

AC: Si, eu xa estivera aquí unha temporada, cando eu tiña 19 anos. Daquela eu dicía que a única forma de que eu deixase o Brollón era se cambiaba a directiva do Lemos e me chamaban. Acabou a temporada e a directiva que segue hoxe na Pinguela chamoume. Eu son de Monforte e sempre queres xogar no Lemos, pero na etapa actual da miña vida, na que compaxino fútbol, música e traballo, non podo estar nun fútbol de máis esixencia como pode ser a Preferente.

Somos todos unha familia, un grupo espectacular que sempre toma algo despois de cada adestramento… e este ano, aínda por riba, xuntouse calidade futbolística.

Castañer, no centro, á fronte da súa banda Malenne. Nesta ligazón podedes acceder ao seu perfil de Instagram.

Fil: É mellor Castañer no fútbol ou na música?

AC: Coa fin da pandemia fundei un grupo cos amigos, e agora estamos bastante ben. Comezou para pasar o tempo e pasalo ben, pero xa se está convertindo nun hobby que ademais aporta… tamén teño cabalos, que me gustan, e non podía con todo. Tiven que poñer todo nunha balanza e decidín que ía apostar algo máis pola música que polo fútbol. Gústame moito, o meu pai era cantante, ultimamente funcionamos ben, achégase a temporada alta de concertos no verán… estou moi contento.

Fil: Que diferencias notas entre a Preferente, a Primeira e a Segunda?

AC: Hai un cambio físico, sobre todo. En Segunda tamén ves xogadores con calidade, como pode ser o caso de Lucky en Friol ou de Cristian en Antas. Pero a nivel de esixencia cambia: os campos, o ritmo de adestramento… canto máis nivel hai máis esixencia hai. A min gústame esixirme e competir, pero era imposible manterse en Preferente cos meus outros compromisos.

Si que penso que subiu algo o nivel da Segunda comparado con anos atrás. De Segunda a Primeira hai un salto, pequeno, pero existe; mentres que de Primeira a Preferente si que hai un salto máis grande, na miña opinión.

IMAXE DE PORTADA: Mariluz Fagín

máxicos acebreiro brollon

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *