O ente federativo suspendera o Cospeito – Sporting Pontenova da pasada finde (26ª xornada da 2ª Galicia norte) motivado, en principio, pola expiración do prazo que o equipo local tiña para pagar unha pequena débeda de arbitraxes.
Non designaron un colexiado para o encontro e non se puido xogar. Nun primeiro momento, o partido foille dado por perdido ao Cospeito (0-3). Ademais, existía a posibilidade de que fora sancionado con tres puntos menos dos que xa tiña na clasificación.
O club vermello recurriu e a propia Federación retráese do seu razoamento e decide agora fixar unha data para que se xogue o partido. Desputarase o sábado 4 de maio, en plenas festas da Feira do Monte, capital municipal de Cospeito. Ao día seguinte, tanto o Cospeito como o Sp. Pontenova xogarán o seus partidos correspondentes a penúltima xornada de liga.
Dende Futbolinlugo rectificamos a información contada este xoves en ‘O Noso 11 a Chaira’ onde demos por feito unha sanción ao Cospeito que non estaba definida. Pedimos desculpas a todas aquelas persoas e aos clubs implicados que se puideron sentir agraviados por non contar a nova coa necesaria precisión.



O Comité de Competición e Disciplina da Real Federación Galega de Fútbol expón: «[…] atendida la diligencia en el cumplimiento de las obligaciones a partir del momento en que se tuvo efectivo conocimiento de lo requerido y la imposibilidad concreta de haber atendido el requerimiento de pago en el término expresamente conferido al efecto […]».
En consecuencia o órgano federativo decide: «[…] fijar nueva fecha de celebración del encuentro, a fin de que el resultado del mismo pueda ser deparado en el terreno de juego, como así habría podido ser si se hubiera producido una notificación en fecha anterior del requerimiento de pago, atendidos los actos posteriores del club destinatario del mismo […]».
Con todo, hai dúbidas nalgúns equipos do fútbol afeccionado en torno a este procedemento, que podería sentar un precedente para casos similares no futuro.

A decisión deixa case salvado ao Cospeito
Esta situación prodúcese a falta de catro xornadas para que remate a competición regular na Segunda Galicia grupo norte. Non perder ningún punto, permítelle ao Cospeito afrontar con moita máis tranquilidade a recta final.
O club cospeités conta con oito puntos de vantaxe con respecto a antepenúltima posición (que sería de descenso no caso de arrastre). Precisamente esa praza é ocupada polo Mondoñedo, rival este domingo do Cospeito. Incluso perdendo, os pupilos preparados agora por Kubala terían unha marxe de cinco puntos faltando nove en xogo (e o Cospeito tería aínda 12 por desputar ao recuperar o encontro co Sp. Pontenova).
Clasificación zona baixa 2ª norte:
- 12º Cospeito (27 pts. – un partido menos)
- 13º Muimenta (23 pts.)
- 14º Mondoñedo (19 pts)
- 15º Abadín (19 pts.)
- 16º Roupar (18 pts.)