#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Jesús upa o Muimenta, insólito Cospeito e o Chantada B cre goleando

Jesús foi o único goleador da pasada fin de semana na Veiga de San Ciprián. O Muimenta logrou tres puntos moi importantes na loita pola salvación grazas ao tanto de Jesús. Nesta xornada non se desputou o Cospeito – Sporting Pontenova. A Federación suspendeu o partido por unha presunta débeda cos árbitros. O club vermello recurriu e agarda unha resolución nas próximas horas. Mentres tanto, no sur, a indiscutible sorpresa é a contía goleadora do Chantada B nos últimos dous encontros. Once goles marcados para saír da antepenúltima posición.

26 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Equipos que máis gañaron: Pastoricense (20 vitorias)
  • Equipo que menos perdeu: Pastoricense (dous partidos)
  • Equipo que máis puntuou: Pastoricense (64 pts.) 
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (67 goles) 
  • Equipos que menos goles encaixou: Pastoricense (18 goles)
  • Equipo con maior diferencial de goles: Pastoricense (+43)
  • O rei do empate: Xermade (12)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (22 goles)
  • Equipos que cambiaron de adestrador: 9
  • Que posto asegura agora mesmo a salvación: 12°
  • Tendo en conta as tres últimas xornadas…
  • Na boa xeira: Pastoricense (levan cinco vitorias seguidas)
  • Equipo meno goleado: Palas (cero goles)

O Pastoricense teno cada vez máis preto

O equipo da Pastoriza venceu ao último club da zona de play off co que lle faltaba de xogar, 1-0 ao Folgueiro. Suma unha nova xeira de cinco victorias seguidas, a mellor da categoría na provincia. Mantén os catro puntos de marxe co Iberia e seis co Racing B. Precisamente estes dous equipos xogan entre eles a próxima finde. Logo da seguinte xornada, quedarán só nove puntos en xogo. 

A derrota do Folgueiro non lle cambia nada. Segue sendo , con seis puntos de marxe sobre o Xermade. Ademais, ao perder o Sanci, tamén lle permite manterse a dous puntos do cadro de San Cibrao. Ambos xogarán xuntos na última xornada. 

Entrou ben ao partido o líder. A pesar de só gañar 1-0, si que foi un dos partidos onde venceu con clara solvencia. O gardamallas do Folgueiro Javi foi un dos protagonistas do encontro o realizar boas paradas. 



Os locais adiantáronse cedo cun gol de Manupa. Tiveron boas ocasións para ampliar vantaxe, pero non o lograron.  

A falta de gol fai sufrir o Iberia

O conxunto de San Miguel de Reinante custoulle marcar, pero rematou gañando pola mínima (0-1 ao Abadín). O Iberia repúxose da última derrota e continúa a catro puntos do líder. O peor é que se reducen as xornadas para poder alcanzalo. Este domingo xogará co Racing B nas Valgas.

O Abadín acumula seis derrotas seguidas. Está en descenso directo, empatado co Mondoñedo, pero a salvación virtual está a catro puntos. Este domingo ten un partido vital no Pichón.



O conxunto local realizou un gran traballo ao acudir a cita cos once xogadores xustos, entre eles, Rubén Miragaya que se colocou baixo paus. Non é porteiro oficialmente, pero xa ten desempeñado esta función nalgúns partidos este curso. Para máis inri, boa parte do encontro, David López ‘Chupi’ xogou tocado.

Con este panorama, o Iberia dominou o encontro, pero non deu marcado. O Abadín chegou a ter unha ocasión que petou no pau. Barrera, Dani Prieto, Pardo, Yáñez, Adri Cube, Pernas ou Borja intentárono para os visitantes pero sen sorte. Ata que nun balón parado, xa avanzado o segundo tempo, anotou Dani Vidal.

O Racing B impídelle ao Xermade achegarse á promoción

O filial racinguista venceu na Fonte ao Xermade (3-2). O 18º triunfo do curso permítelle aos pupilos de Iván Lamas seguir a dous puntos do Iberia (próximo rival) e a seis do Pastoricense (aínda que co gol average en contra).

Tamén son seis puntos máis o gol average, a distancia que ten o Xermade con respecto ao 5º clasificado. Non aproveitou a derrota do Folgueiro e as posibilidades de xogar a fase de ascenso redúcense para o club xermadés.

Logrou poñerse por diante o Xermade no primeiro tempo grazas a un gol de Pedro. Con todo, o filial racinguista logrou remontar no segundo acto. Anxo marcou tras pase de Hugo López e Samu anotou un gran gol de volea. Aproveitaron os riscos do rival para marcar o terceiro por medio de Gabri. Logo, aos pupilos preparados por Borja Bouza só lles deu para anotar o segundo.

Cabreiros e Alfoz, despreocupados

Ambos conxuntos igualaron (1-1) no seu duelo da Acea. Están na zona tranquila da clasificación, aínda que o Cabreiros tentará rematar na 6ª posición, por riba do Xermade. A distancia é de catro puntos.

O Alfoz foi o que se puxo por diante no campo rival. Tentou mellorar o Cabreiros no segundo acto, logrou empatar pero non foi capaz de conseguir o segundo gol. Dende o club local agradecen a boa vontade de Palmeiro, lateral dereito do Alfoz e enfermeiro de profesión que lle axudou e moito ao xogador rival Chema tras descolocar o hombreiro.

A Comercial logra a salvación virtual

O cadro capitalino non fallou nun duelo directo co Mondoñedo, venceu 1-0. Cortou a xeira de seis encontros sen gañar e queda con 29 puntos na táboa, dez de vantaxe con respecto ao antepenúltimo e seis máis gol average co 12º (isto xa por asegurar ao máximo xa que, en principio, no norte o 13º tampouco baixaría).

O Mondoñedo queda tocado novamente. Ocupa a antepenúltima posición que significaría o seu descenso por arrastre. O seguinte equipo é o Muimenta que está a catro puntos. Con todo, volverá ter outra reválida esta finde co Cospeito, como detallaremos máis abaixo.

Foi un encontro igualado ata que os locais se adiantaron de penalti. O Mondoñedo volcouse e tivo claras oportunidades de gol que non materializou.

A Candelaria tamén case que asegura a súa permanencia

A Granda volveu ser clave. A Candelaria derrotou ao Roupar (2-0) e deixa a súa salvación vista para sentencia. Conta con nove puntos de marxe con respecto ao 14º e cinco máis que o 13º (isto xa por asegurar ao máximo xa que, en principio, no norte o 13º tampouco baixaría).

O Roupar continúa como último clasificado. A cinco puntos do 13º clasificado que lle podería dar a permanencia. Parece que agora si que se lle complica definitivamente a situación, aínda que foi capaz de facer 13 puntos na segunda volta, mellorando por moito os rexistros da primeira parte da competición.

Encontro igualado que resolveu a maior practicidade da Candelaria. Azael marcou un dobrete con cadanseu gol en cada tempo.

O Cospeito Á ESPERA DUNHA RESOLUCIÓN

Os órganos competentes da Futgal suspenderon 48h antes o Cospeito – Sporting Pontenova que se ía xogar na Fonte. O motivo foi unha débeda (non moi grande) que o Cospeito non abonara por arbitraxes anteriores. O ente federativo notificoulle ao club en días previos esta circunstancia vía correo electrónico. No club cospeités ninguén viu esta comunicación. Dende a Federación non volveron contactar co club vermello; non teñen ningunha obriga de facelo, pero tampouco é a práctica habitual.

Como consecuencia, o encontro déuselle por gañado ao Sporting Pontenova (0-3). Con todo, o club cospeités recurriu e agarda unha resolución nas próximas horas.

Jesús dálle moita vida ao Muimenta

O equipo celeste logrou o segundo triunfo fóra da casa no curso. Tan só gañara en Mondoñedo. Conseguiu a vitoria ante todo un San Ciprián na Veiga (1-0). Os tres puntos permítenlle coller aire, asentarse na 13ª praza (que en principio non tería arrastre) e quedar con catro de marxe co Mondoñedo e o Abadín. Iso si, o cadro abadinense é o próximo rival.

Pola súa banda, o Sanci mantense na 4ª posición. Un posto que logrará manter ata o final xa que a súa participación na promoción non periga. Conta con oito puntos de marxe sobre o Xermade.

O conxunto celeste estivo moi seguro defensivamente e aproveitou a súa gran ocasión. Xusto antes do tempo de lecer, Jesús marcou cun tiro dende fóra da área que entrou logo de petar nun defensa rival. Tentárono os locais no segundo tempo, pero non deron coa tecla para facer gol.

O máis interesante da xornada que vén (quedan 12 pts.)

  • Muimenta – Abadín (dom. ás 12:00h no Pichón)
  • Iberia – Racing Villalbés B (dom. ás 17:00h nas Valgas)
  • Mondoñedo – Cospeito (dom. ás 18:00h no Viñas da Veiga)

Ao Oural tamén se lle pon de cara AÍNDA sen gañar

A pesar de perder dous partidos dos últimos tres, o Oural segue tendo preto o ascenso directo de categoría. Caeu pola mínima ante o San Lázaro (1-0). Con todo, a derrota do Becerreá permítelle seguir mantendo os cinco puntos de marxe. Quítalle seis máis o gol average ao Brollón (3º).

O San Lázaro conseguiu unha vitoria de prestixio que o afianza no posto de promoción de ascenso (4º). Ten sete puntos de marxe sobre o sexto e acumula catro encontros sen perder.

Entraron ben os locais no encontro. Xogaron ben por bandas e marcaron o gol do partido. Tentouno o Oural, pero non lle saíron as cousas.

O Brollón volve a polo segundo posto

Logo dun pequeno bache, o Brollón quere volver a mirar máis arriba. Venceu ao Lemos B (0-2) e colócase a un só punto do Becerreá. Como comentamos, o acenso directo é complicado ao estar a seis puntos máis gol average do líder.

As dificultades tamén se acumulan para o Lemos B. A xeira de oito partidos sen gañar, faille case que imposible lograr a permanencia. Si conta con seis puntos con respecto ao descenso directo, pero ao caer ao 14º posto, ese é un arrastre seguro e probablemente tamén o sexa o 13º.

Non houbo moitas ocasións no primeiro tempo, nunha tarde marcada polas elevadas temperaturas para o mes de abril. No segundo acto, o Brollón tentou dominar e o filial lemista pegar algún arreón. Nun contragolpe adiantáronse os visitantes por medio de Nico. Isma dende uns 50 metros de distancia logrou a sentencia preto do final.

O Friol volve á promoción

Despois de sufrir varias derrotas en febreiro e marzo, o Friol quere chegar a tope ao final de liga. Regresou á zona de fase de ascenso tras vencer ao Carballedo (1-6) e aproveitarse da derrota do Antas. Precisamente conta con dous puntos sobre o cadro da Ulloa.

Pola súa parte, o Carballedo case que asinou a súa sentencia de descenso. Queda na penúltima posición a seis puntos do 14º (que non lle serviría de nada por descenso por arrastre) e a oito puntos do 13º (que tamén vai ser unha posición dificilmente liberada dos arrastres).

Os locais tiveron en Dani Roca a un dos grandes protagonistas do encontro. Anotou tres goles.

O Palas, único do grupo con cinco xornadas sen perder

O equipo preparado por Brais Vázquez empatou nos Chacotes ante un Paradela (0-0) que está xa na zona tranquila da clasificación. O punto permítelle ao Palas seguir cunha gran xeira de resultados seguida: catro vitorias e un empate. Aínda que o 5º posto está agora a catro puntos. Márcao o Friol que sera o próximo rival nun duelo de proximidade.

Encontro igualado no que estivo máis preto do gol o Palas no segundo tempo. Con todo, José Ángel tivo unha boa actuación baixo paus e impediu o tanto rival.

abogados máxicos

O San Roque recupera sensacións

O equipo da capital lucense volveu ao camiño da vitoria ante o Incio (4-1). Catro triunfos nos últimos cinco partidos. Aínda que a zona de promoción está a seis puntos. Volveu salientar Jano que marcou un dobrete..

O conxunto amarelo ocupa a 12ª posición. En principio non debería ter problemas para lograr a permanencia, pero mete un pouco de presión as dúas últimas grandes xornadas que leva o Chantada B. A diferenza entre ambos é de seis puntos e co gol average para o Incio.

O Quiroga non logra remachar a permanencia

O cadro quirogués non pasou do empate (3-3) ante un Sporting Lucense xa descendido, pero aínda moi competitivo. O Quiroga queda nunha situación similar ao Incio, co que está empatado a 31 puntos (seis máis que o Chantada B tamén co gol average).

O Chantada B cre a base de goleadas aos de arriba

Once goles marcados nas últimas dúas xornadas. Son as cifras que presenta o filial da SD Chantada para tratar de dar o último arreón da temporada. Derrotou 6-0 ao Becerreá, segundo na táboa. Gañáralle a anterior semana 5-2 ao Ferreira.

Non obstante, máis goles non significan máis puntos ca tres. O equipo saíu da antepenúltima posición, pero a 13ª praza tampouco lle asegura a permanencia por mor dos arrastres.

O Chantada B saíu moi ben ao encontro. En cuestión de cinco minutos fixeron tres goles. Aínda así, as xogadas clave producíronse antes do descanso. O Becerreá fallou un penalti e os locais marcaron o cuarto. No segundo tempo, Pablo Nodar completou o seu hat-trick. O xoven futbolista chantadés está sendo un dos principais atractivos nos últimos dous partidos.

O máis interesante da xornada que vén (quedan 12 pts.)

  • Incio – Lemos B (sáb. ás 18:00h no Carboeiro)
  • Friol – Palas (sáb. ás 18:15h na Reigosa)
  • Brollón – San Lázaro (dom. ás 18:00h nos Medos)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *