A primavera chegou. Realmente, de momento, os entendidos din que chegou. Para o resto da xente, a non ser que teñan unha prima Vera que viñese de vacacións por Semana Santa, a primavera ten pendente aínda facer máis acto de presenza. Sábeno ben Chura e Pires, primeiro e segundo adestrador do Brollón que se mollaron hai uns días nos Medos (tal e como aparecen na imaxe de portada retratados por Mariluz Fagín).
Aínda que non chegase, a primavera sempre promete. Un dos seus refráns máis repetidos e ese que di “a primavera, o sangue altera”. Pero como no fútbol o sangue practicamente está alterado todo o ano, aquí imos optar por outro: “a primavera, a clasificación altera”.
Todo isto vén a santo de que en abril e en maio, plena primavera, xógase o tramo máis decisivo da temporada nas categorías do noso fútbol. E claro, a clasificación sempre se altera. A maiores, este final das ligas será distinto porque a campaña 24/25 virá con cambios.



A PIORI, MENOS ARRASTRES NA PRIMAVERA, PERO TAMÉN HAI OPCIÓNS DRAMÁTICAS
O curso que vén producirase unha remodelación da Primeira Galicia. Haberá seis grupos de 18 equipos (en vez dos 5 actuais). En total, haberá 108 clubs na categoría e distribuíranse en cadanseu grupo por “criterios xeográficos”, segundo quedou aprobado por Asemblea na Federación.
Esta circunstancia, permite, a priori, que non se produzan arrastres nesta división. É dicir, na Primeira lucense, baixarían só os tres equipos que ocupen os postos de descenso directo. Con todo, os arrastres seguen suspectibles a darse no caso de que algún equipo galego descenda de 2ª RFEF.
A primavera menos alterada, o mellor dos casos
Nestes momentos, o club que máis risco ten de descender na 2ª RFEF é o Racing Villalbés. O Fabril tamén loita pola salvación e o Compostela xa case a ten conseguida virtualmente. Se nos poñemos na situación de que todos se salvan, non habería arrastres na 3ª RFEF.

É dicir, no mellor dos escenarios, na 3ª RFEF baixarían os tres equipos que ocupen os postos de descenso directo. Un deles xa está confirmado que vai ser o Arzúa.
No caso de que un conxunto galego de 2ª RFEF descenda, provoca un arrastre na 3ª RFEF. É dicir, baixaría o 15º clasificado. O salto de categoría do líder da 3ª RFEF non evita ningún arrastre. Si o evitaría un hipotético ascenso dun galego na promoción á 2ª RFEF, como aconteceu o ano pasado coa subida do Racing Villalbés.
Onde están seguros os lucenses da 3ª RFEF?
Ante a posibilidade de que baixen dous equipos galegos da 2ª RFEF, a salvación segura na 3ª RFEF estaría na 13ª posición. Este sería o peor dos escenarios. Agora mesmo atópase por debaixo desa posición o Viveiro. Está a dous puntos da praza de permanencia total que marca o Barbadás, próximo rival en Cantarrana.
As dúbidas da Preferente
A Preferente modificarase minimamente o curso que vén. Seguirá tendo dous grupos de 18 equipos, pero a súa conformación tamén será por “criterios xeográficos”. Enténdese que non defirirá moito da actual, pero si podería haber pequenos cambios de colocación dos conxuntos nos grupos. Precisamente esta distribución será a que afecte aos arrastres.
Os tres equipos que descenden directamente de 3ª RFEF, provocan arrastres na Preferente. Pero faltará saber en que grupos da Preferente se encadran eses conxuntos. A día de hoxe, está confirmado o descenso do Arzúa e, dada a súa situación xeográfica, podería ter opción de ir para un grupo ou para outro.

Onde están seguros os lucenses da Preferente?
Poñéndonos no mellor dos casos, habería tres arrastres para toda a Preferente. Como máximo, a un grupo afectaríanlle dous. No caso de que ese fose o caso do norte, a salvación segura estaría no 13º posto (agora mesmo atópanse por debaixo del a Residencia e o Castro).
No peor dos escenarios, dous descensos galegos de 2ª RFEF e ningún ascenso galego na promoción á 2ª RFEF, podería haber ata tres arrastres nun dos grupos da Preferente. Nese hipotético caso, a salvación segura sería o 12º posto.
Insistimos en que estas son referencias. O encaixe dos equipos nos grupos marcará exactamente a onde afecta.

Onde están seguros os lucenses da Primeira?
O novo formato de máis equipos na 1ª, posibilita que os nove clubs (seis por descenso directo e tres por arrastre) que baixan fixo da Preferente non impliquen ningún arrastre. Dito coloquialmente: fan falta clubs para chegar aos 108 que serán na división o próximo curso. Por esta mesma razón, houbo varios cambios no número de ascensos das ‘Segundas’. Na Segunda de Lugo seguen subindo 4 equipos, pero o máis chamativo é que na de Vigo farano 9 e na de Pontevedra 5. Ademais, na da Coruña ascenden 4, na de Santiago 4, na de Ourense tamén 4 e dous na de Ferrol e outros 2 na da Costa da Morte.
Só habería arrastres na Primeira no caso dun ou máis descensos galegos da 2ª RFEF. Nese caso, é difícil predecir se lle afectaría a un conxunto do actual grupo de Lugo. Habería que ver en cal Primeira encaixan a ese suposto arrastre.
O esperable é que no grupo de Lugo só descenderan os clubs que están en descenso directo. Como moito, para salvagardar distintas hipóteses, imos poñer a salvación segura na 14ª posición.

Esta campaña haberá 34 ascensos dende a Segunda Galicia á Primeira, tal e como recollen as circulares de todas as delegacións da Futgal. En Vigo soben 9 equipos (a metade da categoría), en Pontevedra 5, en Lugo, Ourense, Santiago e A Coruña (4) e en Ferrol e na Costa da Morte (2).
Onde están seguros os lucenses da Segunda?
A remodelación da Primeira, permite vivir máis tranquila á Segunda. Aínda así, de entrada, habería tres arrastres. E no hipotético caso que comentamos arriba, podería haber catro.
No caso de haber catro, o normal sería que se puideran colocar a dous equipos en cada grupo (norte e sur). Polo tanto, a salvación segura, tanto no grupo norte como no sur, estaría no 12º posto.
Todos os datos amosados son suposicións baseadas na composición que rexerá o próximo curso. Hai que estar moi atentos as posibles modificacións á hora de encadrar os equipos nos grupos, ao aterse a Federación aos “criterios xeográficos”.