#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Rubián completa o cuarteto de ascenso directos

O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada tráenos o ascenso do Rubián, o cuarto conxunto tras Celta Barreiros, Casás e Páramo que acada o ascenso directo a Segunda Galicia. Os de Senén López venceron á Sarriana B e confirmaron o salto de categoría a falta de dúas xornadas para o final da liga regular. No grupo sur xa está todo o peixe vendido. Sober, Río Sil, Corgo e Santa Comba xogarán o play off e só se xogarán o posto final na clasificación.

No grupo norte a pelexa polo play off está moi aberta. O Goiriz xa ten o billete para a promoción, mentres que entre Piringalla, Rioaveso, Castroverde e Catro Roldas xogaranse tres prazas para pelexar polo ascenso.

grupo norte

O Casás logra vencer ao Celta Barreiros nos dous enfrontamentos directos (3-0). Dúas derrotas en toda a temporada e as dúas fronte ao Casás. O conxunto capitalino tomoulle a medida aos mariñáns e foi superior ao longo dos noventa minutos. A primeira metade tivo un ritmo moi alto e o Casás estivo máis intenso sobre todo nos primeiros intres, nos que Pin adiantou ao cadro local tras unha boa asistencia de Maira. Dos seus pés tamén saiu o segundo tanto ao asistir para o tanto de Cristian á media hora de xogo. O Celta Barreiros contou con algunha ocasión para recurtar diferencias, pero non estivo atinado. No segundo tempo o Casás xogou preto de media hora con dez pola expulsión de Brayan e o Celta Barreiros estivo máis cómodo, aínda que se conseguir incomodar en exceso a un Casás que redondeou o marcador preto do final por medio de Pin, xusto cando os barreirenses tamén quedaron cun xogador menos ao ver Edixon o segundo cartón amarelo.

O Castroverde mantén praza de play off tras igualar no campo do Goiriz (1-1). Cuarta xornada sen perder para un Castroverde que aposta por xogar a fase de ascenso. O Goiriz, co billete xa acadado, saiu mellor e máis intenso ao terreo de xogo e gozou de varias ocasións claras para marcar. O Castroverde, ben situado sobre o céspede do Ventiño, medrou co paso dos minutos e conseguiu marcar nun erro do porteiro local que aproveitou Gelo. Na segunda metade os de Fran Veiga estiveron máis cómodos co marcador a favor e contaron con varias ocasións para facer o segundo. O Goiriz creeu na igualada ata o final e no desconto un saque en longo do gardameta foi prolongado de cabeza e Richi non perdoou desde dentro da área. O Castroverde reclamou fóra de xogo.



A Piringalla é o equipo mellor situado para xogar a promoción tras vencer á Comercial B (1-3). Primeira metade parella, aínda que con posesión de balón para a Piringalla, que vía como o rival buscaba xerar perigo á contra. A defensa adiantada da Comercial B propiciou que os visitantes atoparan espazos ás costas da zaga, aínda que as imprecisións impedíronlle contar con ocasións claras. De todolos xeitos, Gabi rematou no primeiro pao un saque de falta lateral adiantando aos de Marcos Moscoso. Antes do intermedio igualou o cadro local por medio de Borja nunha rápida contra e puido poñerse por diante nun remate ao longueiro. No segundo tempo, a Piringalla non tardou en marcar. Miguel, nun tanto moi similar ao primeiro, marcou e fixo que o encontro se calmara. A falta de dez minutos para o final Juan Vidal, a servizo de Zas sentenciou.

O Rioaveso salva un punto no desconto e deixa sen opcións de play off ao Celeiro (2-2). Os chairegos salvaron un punto vital nas súas aspiracións de xogar a promoción a costa do soño do Celeiro. O conxunto mariñán quedou sen opcións nun encontro no que protestou un bo número de decisións do colexiado Piñeiro Lozano. Os locais foron superiores durante moitos tramos de partido e foron quen de remontar o tanto inicial do Rioaveso. Xusto antes do descanso Karchi logrou a igualada e no segundo tempo Brais Maseda deulle a volta ao marcador. O Rioaveso soubo sufrir e Esteban Gil acadou o gol do empate no minuto 96.

Un tanto de Samu dalle unha vitoria de ouro ao Catro Roldas diante do Cazás (1-0). Encontro moi disputado sobre un terreo de xogo que non favoreceu a práctica do fútbol. O Catro Roldas contou con varias ocasións para adiantarse e fíxoo á media hora de xogo ao superar Samu no man a man ao gardameta Fernando. Duodécimo tanto na liga para o atacante. O Cazás estirouse no segundo tempo na procura do empate e contou con varias ocasións nas que respostou ben o gardameta Víctor. O Catro Roldas tivo ocasións para sentenciar á contra.



O Matela dalle a volta ao marcador para vencer ao Friol B (2-1). Nun terreo de xogo en mal estado, o Friol B saiu mellor e logrou adiantarse no marcador. Os de Bruno Castro realizaron un bo primeiro tempo e foron ao descanso por diante. Na reanudación o Matela saiu mellor aínda que lle costou xerar ocasións ata que Santi Carballido, aos trinta minutos, tranformou un penalti cometido sobre Maikel. O tanto da remontada non se fixo agardar. Luis viu o gardameta adiantado e definiu cunha boa vaselina.

grupo sur

O Rubián acada o ascenso nun encontro insulso coa Sarriana B (0-1). A defensa, a arma que lle deu un bo número de puntos durante toda a temporada, foi clave tamén o día do ascenso. Nun encontro sen demasiada intensidade, os de Senén López lograron vencer cun tanto de Víctor a falta de quince minutos para o final. E fixérono gracias á férrea defensa. A Sarriana B buscou xerar ocasións de gol, pero a boa actuación da zaga impediu que Casillas tivera demasiado traballo. Un gol e tres puntos que valen un ascenso a Segunda Galicia.

O Páramo golea a un Sober que pelexará por manter o terceiro posto (3-0). Encontro disputado cun clima moi adverso no que o Sober seguramente levou un castigo excesivo. Aínda que o Páramo foi superior o marcador resultou abultado para o visto ao longo dos noventa minutos. As ocasións caeron para ambos lados nos primeiros intres de partido, pero foi Juan quen marcou para o cadro local. O Sober atopou unha sólida defensa do Páramo, que foi quen de medrar na segunda parte na zona de ataque. Héctor fixo o segundo e Irimia no tramo final anotou o terceiro.

Terceira vitoria consecutiva para o Río Sil, desta volta diante do Monterroso B (3-2). Os da Carqueixa sitúanse a un só punto do Sober e pelexarán polo terceiro posto no derbi da vindeira xornada. Cun céspede maltreito polo forte temporal, no primeiro tempo permitiu que o balón rodara. O Monterroso B foi superior e realizou un bo fútbol. Louzao, tras unha boa xogada, abriu o marcador, e Isma cun lanzamento de penalti puxeron en clara vantaxe aos de Javitxu. Chomi recurtou diferencias nun erro na saída de balón. Os visitantes tiveron máis ocasións, que non aproveitaron antes do descanso. Un forte golpe de granizo que caeu no descanso fixo que o estado do céspede empeorara para o segundo tempo. O Río Sil deu un paso adiante e optou por un xogo directo que sementou as dúbidas na zaga monterrosina. Malia todo Sinchi contou cun lanzamento ao longueiro para facer o terceiro. O Río Sil meteu unha marcha máis e en dous balóns á área conseguiu remontar.

O Corgo vence ao Relámpago Taboada nun encontro cheo de alternativas (3-2). Comezou mellor o cadro visitante que contou cun par de ocasións para poñer terra de por medio que non lograron aproveitar. O Corgo medrou no encontro e realizou media hora de moi bo fútbol e Brais puxo por diante aos de Abel Rochela. No segundo tempo o Relámpago aproveitou o baixón local e igualou por medio de Moure, o mellor dos visitantes. No ecuador do periodo final, o Corgo deu un paso máis e logrou marcar dous tantos que se fixeron costa arriba a un Relámpago que non se deu por vencido. No desconto apretou o marcador, pero xa sen tempo para acadar o empate.



O Santa Comba garante a súa presenza no play off cun gran primeiro tempo diante do Taboada B (1-3). Non dubidou o Santa Comba e saiu a polo partido desde o seu comezo. Os pupilos de Richard sabián que un triunfo lles daba o pase á promoción de ascenso e deixaron o partido visto para sentencia antes do intermedio. Andrés, Jorge e Jaime foron os goleadores. O Taboada B apretou no segundo tempo e recurtaron diferencias no marcador cun tanto de Sergio. O Santa Comba xogou máis de vinte minutos cun home menos por expulsión de Leandro e o encontro gañou en emoción. A boa labor da defensa visitante impediu que se viran máis goles.

O Chantada Atlético B golea ao Bóveda nun bonito encontro para o espectador (2-5). Encontro cheo de goles ao que o filial chantadino chegaba con opcións de xogar o play off. O triunfo do Santa Comba impediu que a vitoria propia servira para manter viva a esperanza, pero os de Ivi Gayoso foron quen de lograr os tres puntos de todos os xeitos. O Chantada Atlético B plantexou un partido moi práctico e soubo adaptarse ás condicións do campo. Nada máis comezar o partido púxose por diante no marcador cun tanto de Marcos e antes do descanso Brayan facía o segundo. O Bóveda mellorou nun segundo tempo no que chegou unha choiva de goles, pero no intercambio saíron vitoriosos os visitantes.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *