#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Prieto aperta, Fagín olímpico e a despedida de Jesse

Dani Prieto foi o autor do único gol no partidazo do norte da Segunda Rexional: Iberia – Pastoricense. O tanto de Prieto aperta a pelexa polo liderado. Tres equipos en tres puntos. No sur, están tres equipos en dous puntos, cun Oural cun partido menos. Neste grupo, Fagín marcou un gol olímpico para o Ferreira. Todo nunha xornada de moitísimo #FútbolNaLama.

E un ex do Ferreira tamén é protagonista. A semana pasada xa vos contamos que Jesse Vázquez fora cesado no Lemos B. O ténico lamentou nas últimas horas o seu despido, achacado “a unha falta de entendemento co vestiario”. O preparador defendeu aos seus xogadores: “en todo momento deron a cara para demostrar que non estaban en contra miña e querían que seguira”, destacou. Amosou o seu agradecemento polo trato recibido ao corpo técnico do primeiro equipo, incluíndo ao preparador físico e ao fisio e tamén aos utilleiros Juan e Hortas e ao delegado Anllo. 

21 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Equipos que máis gañaron: Pastoricense e Iberia (15 vitorias)
  • Equipos que menos perderon: Pastoricense (dous partidos)
  • Equipo que máis puntuou: Pastoricense (49 pts.)
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (55 goles)
  • Equipos que menos goles encaixaron: Pastoricense e Iberia (15 goles)
  • O rei do empate: Xermade (11)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (20 goles)
  • Tendo en conta as tres últimas xornadas…
  • Gañou os tres partidos: Quiroga e Chantada B
  • Futbolistas na mellor xeira goleadora: Borja Mella do San Ciprián e Edgar do Ferreira (4 goles)
  • Equipos menos goleados: O Pastoricense e o Brollón (tres goles)
  • *Oural e Friol non participan no reconto referido aos partidos ao ter un pendente de xogar

O iberia aperta o liderado cun gol de dani prieto

De quedar a sete, a estar a un. O equipo de San Miguel de Reinante segue moi vivo na pelexa polo primeiro posto. Derrotou pola mínima ao Pastoricense (1-0) no gran partido da xornada no norte e queda a un punto do seu rival. Ademais o Iberia ten o gol average ao seu favor. Na primeira volta o resultado fora: 0-0. 

Con este marcador, o Pastoricense cortou a súa xeira dunha volta sen perder. É a súa segunda derrota da tempada. Con todo, de momento segue mandando no liderado. Si que é certo que o Iberia agora é o mellor equipo do grupo en 2024: seis vitorias e un empate. 



Resultou decisivo o gol que marcou Dani Prieto tras unha xogada dende o córner. Chegou nunha primeira parte na que os locais se asociaron ben. Samuel ou Franchi tamén tiveron as súas opcións de marcar. 

No segundo tempo, aumentou a sensación de perigo do Pastoricense. Tentouno colgando balóns a área, aínda que non logrou ter grandes ocasións para empatar o partido. Nos últimos minutos tívoa o central Ares, tras unha falta lateral. 

O Racing B perde a oportunidade de achegarse máis ao líder

O filial racinguista queda a tres puntos do primeiro posto e a dous do segundo. Puido achegarse máis aos rivais, pero empatou ante o Cospeito (1-1). O equipo local era o filial, pero o partido xogouse na Fonte (casa do Cospeito). 



O punto sérvelle ao Cospeito para sumar 23. Xa son nove as xornadas que acumulan sen gañar. Teñen cinco de marxe con respecto ao descenso directo e tres equipos polo medio. 

O peor do partido foi a lesión de Dani Río. Mancouse nun xeonllo e a ambulancia tivo que vir polo xogador de Pino ao campo. Está a espera dunha resonancia para coñecer o alcance definitivo. Todo o noso ánimo. 

O encontro estivo igualado na primeira parte. Gabri tivo a ocasión de gol máis clara para o filial e Xoán para o Cospeito. No segundo tempo, houbo parón pola lesión. Na reanudación o cadro preparado por Iván Lamas xerou ocasions e púxose por diante cun gol de Alfredo

Logrou empatar o Cospeito cun bo gol de Xoán. Na recta final quen tivo as opcións de gañar foi o Racing B. Cadra, Samu ou Álex puieron marcar, pero non foron capaces de marcar. 



O Sanci consolida a súa praza na promoción

O San Ciprián alcanza os 40 puntos e aséntase na 4ª praza da clasificación. Venceu ao Abadín (1-3). Está a seis puntos do Racing B e conta con cinco máis que o Folgueiro (5º). A diferenza con respecto ao 6º (posto que significa fóra do play off) é de once puntos. 

Pola súa parte, o Abadín queda con tan só un punto de marxe co descenso directo e un equipo polo medio. O sábado ten un partido importante co Roupar. 

Os locais comezaron ben e adiantáronse cedo. Unha boa xogada de Seco pola banda esquerda culminouna Pedro cun remate a gol. Espabilou o Sanci que, ao pouco, xa tiña o partido remontado. Joao e Borja Mella marcaron os dous goles. 

Xa no segundo acto, Bruno marcou de volea o terceiro tanto dos seus. Puidoselle complicar o resultado ao Sanci coa expulsión de Joao. O Abadín adiantou liñas. Eloy, Seco ou Carracedo tiveron ocasións, pero non lograron marcar. Nos últimos intres, o porteiro local Cris parou un penalti por segunda xornada seguida

O Sp. Pontenova perde dous puntos na recta final

O Sporting Pontenova igualou co Alfoz (3-3). O punto, xunto coa derrota do Folgueiro, volve deixalo a seis puntos da promoción. O cadro pontenovés acumula cinco xornadas sen gañar. 

O Alfoz sumou o noveno empate do curso. Conta con seis de marxe con respecto ao descenso directo e ten catro equipos polo medio. 

A pesar de que o resultado final recolla seis goles, no primeiro tempo non se marcou ningún. Iso si, ambos equipos tiveron oportunidades para facelo. 

Na segunda metade, debutaron Óscar e Dany; as últimas incorporacións do conxunto da Mina. Os locais anotaron dous goles e parecía que encarrilaban o partido. O Alfoz recurtou, pero o Sporting Pontenova marcou o terceiro. Nun final tolo, o Alfoz rescatou un empate con dous tantos.

empate inservible no derbi para achegarse á zona de privilexio

O Xermade e o Cabreiros empataron (0-0) nun derbi ao que chegaban preto na clasificación. O cadro da capital municipal segue por arriba, na 7ª posición. Dous puntos máis que o Cabreiros e a seis do posto de fase de ascenso. Acumula catro xornadas sen gañar.

O Cabreiros segue sen coñecer a derrota na liga en 2024 (catro vitorias e tres empates). Está a oito puntos do 5º clasificado. A competición dirá se aínda está a tempo de achegarse a ese posto. 

Na primeira metade, os locais saíron con máis forza. Vila tivo as ocasións máis claras para marcar. Foi mellorando o Cabreiros co paso dos minutos e no segundo tempo tivo máis achegamentos. O bo facer de Ángel e o desacerto impediron o gol. Si marcaron un, pero foi anulado polo colexiado ao entender fóra de xogo. A acción quedou rexistrada en vídeo e, todo fai indicar que, sería un tanto legal. 

A Candelaria golea despois de catro xornadas sen gañar

O cadro da Rúa volveu vencer logo de acumular catro partidos sen sumar de tres. Foron tres puntos importantes na loita pola permanencia ante a Comercial (4-0). A Candelaria segue con tres puntos de marxe co descenso directo e agora con dous equipos polo medio. A Comercial é 9ª con sete puntos sobre o descenso directo. 

Os locais foron moi efectivos e prácticos ante unha Comercial con baixas que apenas tivo opcións. Decantaron o partido xa no primeiro tempo. Rocky cun disparo dende fóra da área, Pablo tras un córner e Dani nunha acción combinativa puxeron o encontro moi de cara para os seus. No segundo tempo, Dani completou o seu dobrete e a goleada. 

O Muimenta agárrase a categoría

Cuarto partido sen perder do Muimenta. Suma dúas vitorias e dous empates. A última ante un rival da zona alta como o Folgueiro (1-0). Con este resultado mantense fóra do descenso directo, pero empatado a puntos co Mondoñedo. 

A derrota non perxudicou gravemente ao Folgueiro na 5ª posición porque os seus predecesores non gañaron. Ten seis puntos de marxe con respecto ao Sporting Pontenova e ao Xermade e oito sobre o Cabreiros. 

Xogo directo nun Pichón no que daba a sensanción de quen cometera un fallo ía perder o partido. Unicamente un gol foi decisivo para deixar os tres puntos na casa. Miguel Morán rematou no segundo tempo unha acción en área pequena para marcar. 

O Mondoñedo logra tres puntos importantísimos

Era un partido clave na loita pola salvación. Xogaban os dous equipos que ocupan postos de descenso directo. O Mondoñedo impúxose en Roupar (0-2) e sumou o seu segundo triunfo seguido

O cadro mindoniense mantense empatado coa zona exterior do descenso directo. E deixa seis puntos abaixo ao seu rival. De todas maneiras, isto sigue. O Roupar volve ter un partido importantísimo en Abadín o sábado e o Mondoñedo outro duelo clave en Alfoz o domingo. 

O Roupar dominou fases do encontro e tivo achegamentos. De feito, empurrou moito no inicio do segunda parte e puido poñerse por diante. Con todo, quen marcou foi Javi para o Mondoñedo. O xogador de Lourenzá anotou nos tres últimos encontros. Tentouno o Roupar, pero Jacobo sentenciou nunha boa contra. 

O Abadín é 13ª con dezanove puntos. O Muimenta ocupa a antepenúltima posición con dezaoito. En descenso directo están o Mondoñedo (18 pts.) e o Roupar (12 pts.).

O máis interesante da xornada que vén (quedan 27 pts.)

  • Folgueiro – Pontenova (sáb. ás 16:30h no Anexo de Xove)

O 5º posto que dá acceso á promoción de ascenso está en xogo. O Folgueiro ten seis puntos máis que o seu rival. De gañar, case que eliminaría ao Sporting Pontenova da pelexa. Os visitantes saben que é unha gran oportunidade para meterlle emoción aos últimos dous meses de competicion. Non poderá ser da partida Hugo Segade, un dos xogadores referencia do ataque pontenovés. 

  • Abadín – Roupar (sáb. ás 16:30h no Municipal)

Duelo clave pola permanencia. O Abadín ten sete puntos máis que o seu rival, pero só un de vantaxe sobre o descenso directo. Pode ser a última oportunidade de engancharse á salvación para o Roupar. Quédalle un calendario contra varios equipos da parte alta. Na primeira volta, o Abadín gañou 2-4. 

  • San Ciprián – Racing Villalbés B (dom. ás 16:30h na Veiga)

O 4º recibe ao 3º. Seis puntos de diferenza. Gañar é a opción que pode ter o Sanci para escalar máis postos na zona de privilexio e sumarse ao que leva sendo o trío da cabeza toda a tempada. O Racing B ten a tres puntos ao líder. O Sanci foi o único equipo capaz de vencer ao filial na primeira volta (0-1). Por sanción será baixa Joao nos locais e Dani Yáñez nos visitantes. 

abogados máxicos

O Oural non perde o liderado

O equipo da parroquia de Sarria mantense no primeiro posto. Empatou a domicilio ante un rival directo como é o Becerreá (1-1). Queda cun punto de vantaxe con respecto ao Brollón (próximo rival) e dous de diferenza co Becerreá. Hai que ter en conta que o Oural ten un partido menos. O que xogará contra o Friol o festivo 1 de maio. 

O Becerréa non puido colocarse líder provisional, pero mantén a súa gran dinámica de resultados. Segue sen perder en 2024. Cinco vitorias e dous empates. O seu inmediato perseguidor é o San Lázaro; ten seis puntos menos. A distancia co 6º (fóra de play off) é de dez puntos. 

A primeira parte estivo igualada. Con todo, o Oural xerou máis perigo con transicións rápidas. Nun centro chut, Sergio marcou o gol visitante. Diego e Mario tiveron claras opcións para ampliar a vantaxe. 

Na segunda, puido aumentar o Oural a súa vantaxe en dúas boas ocasións de Ospina. Pero o Becerreá empurrou con todo e logrou o empate nos minutos finais. 

O Brollón fai o mesmo ca o líder antes de visitalo

O cadro preparado por Chura tiña a oportunidade de colocarse provisionalmente no primeiro posto. Pero cortou a súa xeira de nove vitorias seguidas na liga e empatou en Friol (1-1). Con todo, queda a un punto do líder, a quen visita este sábado. 

Pola súa parte, o Friol non perde a súa condición de equipo play off. Continúa , cun partido menos, con dous puntos de vantaxe sobre o Antas e tres sobre o Ferreira. 

O Friol foi sendo cada vez máis superior a medida que avanzaba a primeira metade. Con achegamentos polas bandas. Á media hora balón ao pau. Pouco despois, ponse por diante. 

Mellorou o Brollón, pero custoulle xerar ocasións. Ata que nunha xogada, Isma logra combinar con Nico e este iguala o partido. O Friol volveu a carga e tivo opcións para levar a vitoria. A boa actuación de Dani e o desacerto impedírono. 

O Antas desaproveita a oportunidade de igualar co 5º

O equipo do Castro Seoane continúa resentíndose das baixas que tivo no mercado de inverno. Gañou dous partidos en sete xornadas do 2024. Estivo a piques de conseguir os tres puntos no último partido, pero o Lemos B logrou un tanto ao final (1-1)

Non houbo goles nunha primeira parte sen moitas ocasións. Na segunda metade, os locais puxéronse por diante. Gran centro de Cumbraos que remata Xurxo. Puideron aumentar a vantaxe, pero non o lograron. No último tramo de encontro, o Lemos B, cunha convocatoria de 13 xogadores, apertou máis. Case o final, empatou cun lanzamento de falta de Maza que petou nun defensor local. 

máxicos salvatierra abogados

O Ferreira volve achegarse á promoción

A regularidade nos resultados é o hándicap que terá que solventar o Ferreira para pelexar polo ascenso. Gañou claramente na última xornada ao Carballedo (4-0) e queda a tres puntos do 5º posto (tendo en conta que o Friol ten un partido pendente por desputar). É o terceiro triunfo do club de Pantón neste ano. 

O Carballedo continúa na mala xeira. Sete derrotas seguidas complícanlle a permanencia. Queda a cinco puntos do Chantada B para saír do descenso directo. Precisamente, o filial chantadés será o seu rival este venres.

Os locais tiveron as mellores ocasións da primeira metade. Marcaron nun córner de xeito directo. Fagín amosou unha vez máis a súa calidade e anotou un gol olímpico.  Antes do descanso chegou o segundo nunha acción moi protestada polo Carballedo que lle costou a expulsión a Álex

O Carballedo tratou de defenderse e saír á contra, pero o Ferreira dominou e marcous dous goles máis. O Carballedo aínda quedaría finalmente con nove pola expulsión de Corneta. 

O Incio segue sumando

O conxunto amarelo continúa asentado na metade da táboa. É 8º con 27 puntos logo de igualar ante o Paradela (1-1). Acumula catro xornadas sen perder. Un punto menos ten o Paradela ao que lle está custando darlle continuidade a boa xeira de finais de 2023. 

Na primeira metade o Incio foi quen se adiantou no marcador. Marcou Maicol cun disparo dende fóra da área. Puideron anotar algún gol máis pero non foi o caso. 

No segundo acto, o Paradela foi mellor a pesar de quedar con dez xogadores sobre o campo. Igualaron e tiveron a remontada. O gardamallas do Incio Castro realizou boas intervención que evitaron o segundo do Paradela. 

O San Roque leva o derbi e as opcións do Lucense redúcense

O San Roque non fallou no primeiro partido con Piru aos mandos tras a marcha de Fernando Corredoira do conxunto sénior. Sétimo triunfo do curso para sumar 25 puntos. Venceu ao Sporting Lucense (0-2). Doce de distancia co descenso directo e tres equipos polo medio. 

Pola súa parte, o Sporting Lucense continúa como colista con dez puntos. Acumula cinco derrotas consecutivas e está a oito de saír deses postos.

Costoulle entrar ao San Roque de Piru, pero lograron marcar cedo e conseguiu ter máis control. Aínda así, o Sporting deu sustos. Cristian ou Raúl Lestón tiveron opcións para igualar. 

Na segunda parte, ambos equipos tiveron dúbidas e non había dominador claro. Pero o San Roque logrou o segundo gol por medio de Emilio. A partir de aí non pasaron apuros e puideron ampliar a vantaxe. O gardamallas local Pablo parou un penalti. 

O Quiroga instálase no seu mellor momento da temporada

Terceira vitoria seguida do Quiroga que cada vez colle máis aire na zona baixa. Sepárano dez puntos co descenso directo e ten dous equipos polo medio. Venceu a un Palas (1-0) que continúa na zona media da táboa clasificatoria.

O Quiroga saíu moi forte. Adiantouse por medio de Iván Coba e puido facer algún gol máis. Logo, o Palas comezou a levar o peso do partido. Principalmente na segunda parte co Quiroga tentando saír á contra. Pero así quedou. O Palas puido empatar o final. 

O Chantada B tamén está no mellor momento do curso

O filial chantadés tamén suma nove puntos de nove posibles; ao igual que o Quiroga. Fixo o 50% dos puntos que leva na tempada nas últimas tres xornadas. Venceu a un rival da zona alta como é o San Lázaro (3-1). 

Na primeira metade o filial tivo moita posesión de balón. Chegaron en situacións de perigo varias veces. Nun man a man o porteiro parou e no rexeite marcaron gol. 

No segundo tempo, o San Lázaro cambiou de sistema e mellorou. Nun balón parado empataron. A partir do gol visitante, ao filial costoulle pero acabou mellor fisicamente. Nunha xogada individual, Antón marcou un bo gol.

Ao final, os visitantes intentaron meterse arriba. Xa no tempo extra, o porteiro Pipa estaba moi adiantado e o lateral Martín dende uns setenta metros fixo un despexe que acabou entrando pola portería. 

O Lemos B é 13º con vinte e dous puntos. O Chantada B ocupa a antepenúltima posición con dezaoito puntos. En descenso directo están o Carballedo (13 pts.) e o Sporting Lucense (10 pts.). 

O máis interesante da xornada que vén (quedan 27 pts.)

  • Carballedo – Chantada B (ven. ás 20:45h no Catro Ventos)

Non é broma. O derbi e partido clave pola salvación xógase este venres. O motivo é que ambos conxuntos queden liberados para desfrutar como se merece da Feira do Viño de Chantada. O penúltimo recibe ao antepenúltimo. O filial ten cinco puntos máis e chega no mellor momento da temporada. Na primeira volta o Carballedo gañou (2-3). Corneta e Álex serán baixas nos locais e Martín e Efrén nos visitantes. 

  • Oural – Brollón (sáb. ás 18:30h na Ribela)

Tremendo partidazo polo liderado do grupo sur. O primeiro recibe ao segundo. Un punto de diferenza entre ambos. Iso si, o Oural ten un partido pendente de xogar. Pase o que pase, o equipo de Sarria seguiría dependendo del. Na primeira volta o Oural fora contundente nos Medos e gañara 0-3. 

  • San Lázaro – Antas (sáb. ás 20:00h nas Gándaras)

Tamén están de festas no barrio lucense da Ponte. E aínda que o equipo non xoga xa alí, non deixa de ser unha data especial. O conxunto preparado por Nico (4º) trata de consolidar a súa praza de play off. Recibe a un Antas (6º) con catro puntos menos. Na primeira volta venceu o Antas pola mínima (1-0). 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *