#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Dani Galán despídese da Residencia con vitoria

Residencia vs Ribadeo, 2021

O Trío de Ases O Cantón desta xornada déixanos o empate do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Compostela na Segunda RFEF. Resístese a vitoria dos chairegos que caen a posto de descenso. Na Terceira RFEF, o Viveiro acadou un triunfo en Somozas que o saca de descenso mentres que o Polvorín sumou un valioso punto no campo do Arousa. A Sarriana caeu na Ribela diante do Estradense. Na Preferente, a Residencia acadou tres puntos moi importantes no campo do Montañeros no encontro de despedida de Dani Galán, novo adestrador do Polvorín. O Ribadeo venceu no Pepe Barrera ao Victoria, mentres que o Lemos non puido sumar no campo do Lalín e o Castro perdeu con claridade no Arturo Pereiro co Dubra.

O Racing Vilalbés suma un punto diante do Compostela na Madalena (0-0)

Empate sen goles do Racing Vilalbés que deixa aos chairegos en postos de descenso por primeira vez na temporada. A falta de eficacia cara a porta contraria privou aos de Simón Lamas dun mellor resultado fronte a un Compostela chamado a pelexar polo ascenso. Nada máis comezar o partido Rares tivo a ocasión máis clara do partido, pero o disparo do atacante encontrose coa boa parada do ‘Pato‘ Guillén. O propio Rares tivo outra boa ocasión nun primeiro tempo no que os visitantes tiveron o dominio do balón, aínda que sen profundiade para xerar perigo ante a portería dun Álex Santomé ao que só inquedou un disparo desde a frontal de Hugo Matos.

A segunda metade seguiu unha tónica similar na que o Racing Vilalbés estaba máis preto do gol que un Compostela que non era quen de desenmarañar o entramado defensivo local. Uzal contou cunha boa ocasión cun remate de cabeza que marchou fóra por pouco.



A Sarriana colleita a segunda derrota consecutiva fronte ao Estradense (1-2)

Encontro con moito ritmo nunha boa primeira metada da Sarriana. Malia todo as ocasións non foron excesivas. Jacobo, a servicio de Tijan, rematou alto, e Keko rematou ás mans do porteiro. O Estradense achegouse con certo perigo nunha ocasión nos primeiros corenta cinco minutos nos que os de David Páez estiveron intensos, aínda que con dominio de balón dos sarriaos.

O segundo tempo comezou ben para os de Jorge Cuesta. Sané rematou ao fondo da portería un bo servizo de Diego Rey. Só tres minutos durou a ledicia na Ribela. O Estradense igualou tras un erro na saída de balón dos locais. O disparo de Migui desde a frontal resultou imparable para Javi Liz. O encontro entrou nunha fase na que non existiron ocasións ata que a falta de dez minutos Elías cun disparo desde fóra da área deulle o triunfo ao Estradense. Tentouno a Sarriana ata o final e tivo unha ocasión de Cuadrado, pero o resultado non se moveu.



O Polvorín sumou un punto no campo dun Arousa impreciso (0-0)

Empate moi positivo o colleitado polo filial albivermello na Lomba diante dun rival esixido clasificatoriamente na procura dunha primeira praza que se lle presume complexa. O cadro arlequinado levou a iniciativa na primeira parte e contou con boas ocasións para poñerse por diante no marcador. Sylla en dúas ocasións e Borja Míguez tiveron as máis claras. Fernando e o pao evitaron o tanto dos locais. O gardameta lucense tamén foi decisivo xusto antes do intermedio nunha boa opción de gol do ex fabrilista Iñaki Leonardo.

No segundo tempo o encontro seguiu o mesmo guión, aínda que aos de Luisito costoulles máis xerar ocasións de perigo. Rubo e Concheiro tiveron sendas oportunidades, pero a máis clara do periodo final foi para o Polvorín. Cando o encontro xa esmorecía, Lansade no man a man fronte a Manu Táboas estrelou o balón no pao.

O Viveiro vence no desconto ao Somozas e sae de descenso (2-3)

Terceira vitoria dos mariñáns nas últimas catro xornadas. O Viveiro camiña con paso firme cara a permanencia tras vencer no sempre difícil campo do Somozas. A primeira metade estivo marcada polo forte vento que soprou a favor do ataque dos locais. Malia este factor, ámbolos equipos foron a vestiarios sen que ningún tivera ocasións de gol.



Na segunda metade o Viveiro exerceu unha presión máis alta e deulle os seus froitos. Aos dez minutos da reanudación adiantouse no marcador cun tanto en propia porta de Joel. O ex fabrilista Cambón igualou o encontro a falta dun cuarto de hora para o final, pero Diego Núñez volveu poñer por diante ao Viveiro. Xa co tempo cumprido Mosquera empatou, pero o Viveiro non dixera aínda a súa última palabra. Nunha contra Gamarra superou a Paco cun bo tiro cruzado.

O Ribadeo vence ao Victoria e sitúase na zona cómoda da clasificación (2-0)

Segunda victoria consecutiva como local para un Ribadeo que se acomoda na zona media da clasificación. Non comezou ben o encontro o conxunto local, nun primeiro cuarto de hora no que o Victoria era vencedor nos duelos. Co paso dos minutos, o Ribadeo fíxose co dominio do encontro e en catro minutos deixou o encontro encarrilado. Ámbolos dous goles chegaron dun xeito moi similar. Servicio de Castrín desde o perfil esquerdo do ataque e remate ao fondo da portería de Álex Meitín.

Na segunda metade o Victoria foi superior. O Ribadeo apenas tivo o balón e o cadro coruñés amosou un bo ritmo de xogo que propiciou que metera en apuros a un Ribadeo que soubo defender a súa renda.

Derrota do Lemos na súa visita ao campo do Lalín (2-0)

O Lemos non puido sumar nun dos feudos máis difíciles da Preferente, o Manuel Anxo Cortizo. O cadro monfortino saiu ben ao campo e buscou xerar perigo á contra. O Lalín medrou co paso dos minutos e aproveitou as accións a balón parado para poñerse por diante. Nunha falta evitable cometida polo Lemos, Borja Casal fixo o primeiro para os locais. Nos últimos minutos do primeiro tempo o dominio foi alterno e non se viron ocasións de gol.

No segundo tempo o Lemos chegou á área rival aínda que sen xerar excesivo perigo. Os de Juanlu Bernal reclamaron un penalti na área lalinense que o colexiado non sinalou e na seguinte xogada o Lalín sentenciou o choque nunha contra que finalizou Borja Casal. Os locais controlaron os últimos intres sen que o Lemos puidera inquedar a portería de Peti.

Unha moi mala primeira metade castiga ao Castro fronte ao Dubra (0-3)

A sexta derrota consecutiva do Castro deixa aos chairegos a un só punto dos postos de descenso. Primeira metade para esquecer no Arturo Pereiro na que o Dubra deixou o encontro visto para sentencia. O Castro non conseguiu entrar no partido en ningún momento e os visitantes acadaron tres goles por medio de Brais, Álvaro Varela e Iker.

Na segunda metade o Castro estivo mellor, pero falto de ideas para poder xerar perigo a un Dubra que defendeu sen dificultades o marcador colleitado antes do intermedio.

A Residencia vence no campo do Montañeros e sae de descenso o día da despedida de Dani Galán (1-2)

Cuarta vitoria nos últimos cinco encontros para unha Residencia que saiu moitas xornadas despois dos postos de descenso. E este triunfo tivo un significado especial ao coincidir coa despedida de Dani Galán, novo adestrador do Polvorín.

Encontro marcado pola continua choiva e vento que dificultou o xogo de ámbolos conxuntos. A Residencia tivo o partido controlado diante dun rival chamado a estar na zona alta da clasificación. Edrosa, cun remate desde dentro da área e Gabri, que obrigou a intervir a Guillermo, tiveron as ocasións máis claras do primeiro tempo para os lucenses. Pero xusto antes do descanso, o conxunto local adiantouse no marcador nun claro penalti que transformou Pape.

No segundo tempo o encontro seguiu a mesma liña. A Residencia tivo o mando e o Montañeros só foi capaz de xerar perigo nalgún saque de banda colgado á área. Os goles chegaron no último tramo de encontro. No minuto 82 Rober de tiro cruzado superou ao porteiro coruñés e moi preto do 90 o Montañeros quedou con dez por expusión con cartón vermello directo de Pape por escupir a un xogador da Resi. Só un minuto máis tarde, unha parede entre Pereira e Rober remata co gol deste último, tanto que lle outorga tres puntos vitais aos lucenses.

Dani Galán despídese da Residencia con vitoria

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 23

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *