O Tres en Raia En Boas Mans da xornada 15 déixanos ao Celta Barreiros con posibilidades matemáticas de ser equipo de Segunda Autonómica na vindeira xornada. Logo do triunfo traballado fronte ao Rioaveso, tres puntos diante do Celeiro xunto a unha derrota do Goiriz levaría aos de Rubén Acebedo de celebración. O Casás, segundo, mantén nove puntos de vantaxe sobre o terceiro.
No grupo sur, o Páramo e o Rubián venceron e amplían diferencias no primeiro e segundo posto, respectivamente, sobre un Sober que non pasou do empate co Chantada Atlético B. Río Sil, Corgo e Santa Comba teñen encarrilado o seu billete para o play off, malia que o pelotón perseguidor non se rinde.
grupo norte
O Celta Barreiros vence a un gran Rioaveso e acariña o ascenso (2-0). A posesión foi do equipo local que viu como os chairegos optaron por unha presión alta no comezo, que pouco a pouco baixou, pero que surtía efectos. O Rioaveso, ben situado nun Cascabeiro que se lles facía amplo por momentos, aguantou sen recibir un só gol ata o minuto 88. A boa defensa visitante e a falta de puntería barreirense impediron que se viran goles ata o tramo final, cando o Rioaveso xa tiña o encontro onde quería. Jhoseba primeiro e Nico un minuto máis tarde déronlle o triunfo aos de Rubén Acebedo. Aínda co marcador sen goles, o Rioaveso reclamou un penalti ao seu favor.
Remontada do Casás que remata goleando á Comercial B (5-2). Encontro moi traballado do cadro local. A balón parado chegou o primeiro tanto, obra de Guizán. A Comercial B tirou de efectividade e logrou darlle a volta ao marcador antes do intermedio. Torito, de penalti, e Bruno cun bo remate de volea desde fóra da área lograron os goles. No segundo tempo, o Casás xerou ocasións de perigo que desaproveitou, incluso Cristian errou un penalti. Nos últimos vinte minutos, unha vaselina de Cristian igualou o encontro e Herrero foi o máis listo nun barullo na área para volver poñer por diante ao Casás. Cristian, no 80 e Juan no 88 aproveitaron dous centros medidos de Braian para sentenciar.
O Goiriz vence con comodidade ao Matela no Ventiño (3-0). Dominio local nunha primeira metade sen demasiadas ocasións. Sobrepasada a media hora de xogo Héctor abriu a lata a pase de Xoel cunha vaselina. Antes do intermedio, o Goiriz quedou cun xogador menos, o que fixo que as forzas se igualaran nun segundo tempo no que o Matela tentou o empate sen éxito e o Goiriz xogou máis replegado. Nun erro do gardameta visitante, Héctor anotou o segundo e no desconto completou o hat-trick cun penalti por man dun defensor do Matela na área.
O Catro Roldas acada a terceira vitoria consecutiva diante do Celeiro (3-0). Os chairegos consolidan praza de play off diante dun Celeiro que non tivo o día, castigado polas baixas e pola lesión de Diego aos dez minutos de encontro. O Catro Roldas estivo máis entonado nunha primeira metada na que se adiantou cun tanto de Samu a pase de Moha. Nun erro defensivo local, o Celeiro puido empatar antes do descanso. Na segunda metade o conxunto local estivo mellor e Samu ampliou diferencias no marcador. Moha sentenciou a falta de vinte minutos para o final.
A Piringalla vence no campo dun Castroverde que mereceu máis (0-1). Sexta derrota consecutiva dos de Fran Veiga, que desta volta debeu obter un premio maior. A Piringalla adiantouse cun tanto en propia porta aos dous minutos de xogo e soubo conservar a vantaxe. O Castroverde contou con boas ocasións para marcar, as máis claras dous man a man que sacou moi ben o gardameta Manuel. Co paso dos minutos o conxunto local atacou máis a desesperada e non foi quen de igualar o encontro.
O Cazás sobe a praza de play off tras gañar ao Friol B (2-0). Comezou forte o conxunto local e adiantouse cun tanto de Lois tras unha boa xogada colectiva. Co marcador en contra o Friol B deu un paso adiante e igualou forzas, aínda que se acerto cara a porta contraria. Nos primeiros minutos do segundo tempo, os visitantes estrelaron un balón no longueiro. O Cazás tivo paciencia e co paso dos minutos volveu a coller o temón do encontro. Preto do final un testarazo de Bellas á saída dun córner supuxo a sentencia.
grupo sur
O Páramo acada unha contundente vitoria no campo do Río Sil e segue no liderado (0-4). Os de Jony Lombardía salvaron unha das saídas máis complicadas cunha contundente vitoria. Malia o resultado, o encontro foi moi disputado. Julio adiantou aos visitantes cun bo gol e os locais respostaron cun disparo que bateu nos dous paos. Non se viron moitas máis ocasións ata o segundo tempo, no que o Páramo ampliou diferencias cun tanto de Borjita en xogada ensaiada e Julio sentenciou pouco despois. Nos últimos intres, Marcos, o gardameta suplente, que entrou de xogador de campo, fixo o cuarto gol.
Triunfo do Rubián fronte ao Relámpago Taboada para seguir a dous puntos do líder (1-4). Partido no que ámbolos dous conxuntos erraron moitas ocasións de gol. Aínda que o dominio foi do Rubián, o Relámpago tamén gozou de bos minutos de xogo e contou con varias opcións de gol da man de Santi. Pero o Rubián amosou a súa superioridade e marchou ao descanso con dous goles no marcador, obra de Iván e Toño. O segundo tempo seguiu un guión similar e os de Senén López sentenciaron con dous novos tantos. O Relámpago maquillou o marcador cun tanto de Santi de penalti.
Chantada Atlético B e Sober igualan un partido que comezou fulgurante (2-2). No terceiro minuto de xogo xa se viran dous tantos no Sangoñedo. David Piñeiro adiantou aos soberinos e Ángel igualou para o cadro local. O Sober estivo mellor nos seguintes minutos e David Piñeiro deulle de novo a vantaxe aos de Iban Lagoa, que foron superiores no primeiro tempo. No segundo tempo, o Chantada Atlético B deu un paso adiante e dominiou o xogo. Puideron empatar os de Ivi Gayoso nun lanzamento de penalti que detivo o gardameta Fernando. No minuto 82 chegou o empate. Foi un tanto en propia porta de Xavi, ao intentar despexar un balón.
Terceira vitoria consecutiva do Corgo fronte ao Taboada B (3-1). Os de Abel Rochela amosáronse moi superiores ao seu rival no primeiro tempo, no que lograron poñerse con dous goles no marcador, obra de Kevin e Raúl, aínda que contaron con varias ocasións para que a diferencia fora máis ampla. Co marcador aberto, no segundo tempo o Taboada B deu un paso adiante e logrou recurtar diferencias por medio de Antón e contaron con boas ocasións para poder empatar, entre elas un tiro ao pao. Co tempo cumprido, Brais sentenciou para o Corgo.
Monterroso B e Santa Comba agasállannos con seis goles e reparto de puntos (3-3). Encontro con dúas metades ben diferenciadas. A primeiro foi de claro dominio monterrosino que se traduxo no marcador. Aos doce minutos xa contaban con dous tantos no marcador, obra de Carlos e Yoni, e contaron con máis ocasións para ampliar as diferencias. O segundo tempo resultou ben diferente. Jaime recurtou diferencias para o Santa Comba e só un minuto despois Burgo puxo o terceiro para o filial monterrosino cun lanzamento de penalti. En catro minutos de auténtica tolemia, o Santa Comba logrou igualar o encontro con tantos de Jorge e Jaime. Nos últimos intres, un ida e volta constante de ámbolos conxuntos rematou sen máis goles.
A Sarriana B remonta no Hermanos Somoza diante do Bóveda (2-4). Claro dominio local no primeiro tempo, no que os de Fernando Elcoso lograron dous goles de vantaxe e tiveron ocasións para ampliar diferencias. En troques, foi o filial sarriao quen recurtou diferencias antes do descanso. No segundo tempo a Sarriana B foi mellor aínda que o Bóveda contou con opcións de gol á contra que non aproveitou. Os visitantes, en varios erros da zaga local, déronlle a volta ao marcador con dous penaltis protestados polos locais.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial