Remata a primeira volta e estreamos patrocinador na Primeira Galicia da man de Salvatierra Abogados. Os clubes da categoría comezaron o novo ano cos mellores propósitos, aínda que os resultados non foron os agardados en todos os campos.
A SD Chantada vence a unha boa versión do Riotorto (3-1). O primeiro tempo estivo marcado pola posesión dos locais, aínda que foron os visitantes os que puxeron as ocasións máis claras por medio de transicións. Coedo fixo o 0-1 cunha boa finalización logo dunha xogada moi vistosa, pero os chantadinos empataron xusto antes do descanso aproveitando un mal rexeite do visitante Adrián que se introduxo na súa propia meta. Xa na reanudación, a SD Chantada mellorou e impuxo o seu ritmo de xogo para facer o segundo tanto -no que o Riotorto protestou falta- e o terceiro xusto despois, algo que deixou moi tocado ao cadro da Veiga, que non puido reaccionar, 3-1 no Sangoñedo para comezar o ano.
O Xove Lago e o Monterroso asinan táboas nun duelo de alternativas (1-1). Comezou o choque movido, cun disparo do Monterroso ao pau, e despois dous mans a mans a prol do Xove que non remataron en gol. Maikel fixo antes do descanso un gran gol nunha falta lateral e, xa na reanudación, os locais puideron facer o segundo. Porén, o Monterroso deu un paso adiante e acadou o empate tamén nunha falta lateral. Desde o 1-1, ambos conxuntos contaron con ocasións para desnivelar o electrónico, pero finalmente os puntos se repartirían no Municipal.
O Foz vence e convence na casa diante do Santaballés (2-1). Partido moi vistoso no Martínez Otero entre dous conxuntos que se mostraron valientes e atrevidos e no que os porteiros foron moi protagonistas. Os chairegos se adiantaron nun rexeite mediado o primeiro tempo, pero Álvaro Moreda logrou o empate antes do descanso. A segunda parte foi moi aberta, con alternativas para ambos conxuntos e moito ritmo. A falta de cinco minutos, o Santaballés quedou cun home menos e o Foz colocou dous dianteiros para procurar a victoria. Lonxe de amedrentarse, os visitantes tamén buscaron o gol, pero unha transición moi ben levada polo Foz no desconto puxo o definitivo 2-1 nun partidazo na vila de Foz.
O Pol mantén o ritmo do 2023 e supera con creces ao Guitiriz (7-0). Partido cun só protagonista no Manuel Luna, no que os visitantes non foron quen de seguir a intensidade dun líder que anotou dous goles antes do descanso e sentenciou o choque á volta dos vestiarios, grazas en parte ao póquer de Omar, o bo xogo despregado por Roi e a boa presión tras perda de todo o equipo. Ao final dos 90′, o marcador mostraba un claro 7-0 a prol dos locais.
O Atlético Escairón segue de lonxe ao Pol logo de vencer á Milagrosa (0-1). Un solitario tanto de Vilachá ao comezo do encontro no Luis Gorgoso permitiu aos do Saviñao sumar tres puntos de ouro diante dun rival que fixo un partido moi serio. O choque primou polo equilibrio mostrado por ambos conxuntos e pola seguridade defensiva, aínda que os visitantes levaron unha maior iniciativa de cara á porta local. Cando se achegaba o asubío final, a Milagrosa deu un paso adiante na procura do empate, pero unha versión moi seria do Escairón e unha boa actuación de Macía impediu sobresaltos e os tres puntos marcharon da capital rumbo ao sur da provincia, 0-1.
O Lourenzá vence ao Taboada remontando na recta final (2-1). Logo dun primeiro tempo insulso, con poucas chegadas e pouco ritmo, os xogadores tiñan gardado o mellor para o final do choque. Despois dun penalti errado polos locais, sería o Taboada quen aproveitase outra pena máxima para adiantarse, pero o Lourenzá sacou orgullo e comezou a pechar aos visitantes na súa área con centros laterais. A falta de contundencia do Taboada e o acerto local permitiu aos da Santa Cruz anotar dous tantos consecutivos (Yago e Luis) para remontar o choque e desatar a tolemia no seu feudo, 2-1.
O Outeiro de Rei imponse ao Meira nun duelo marcado polo céspede (2-0). O fútbol que imperou no Municipal destacou por balóns largos, segundas accións e moitas disputas, e foron os locais os que se impuxeron nesas condicións. Lucas anotou o primeiro tanto á saída dun córner no primeiro tempo e Navia sentenciou na segunda metade nun contragolpe, 2-0 ante un Meira que dominou en maior medida a posesión e foi capaz de xerar situacións de perigo, pero non foi quen de anotar.
O Portomarín gaña en Guntín e cambia a dinámica (0-1). Pese a que os locais tiveron a posesión do balón e o dominio do coiro, o Portomarín estivo moi sólido ao longo dos 90′ e obtivo un resultado que lle permite soñar coa permanencia. Un Guntín precipitado non foi quen de perforar a defensa visitante, mentres que o Portomarín conseguiu o seu gol nunha falta lateral rematada por Iglesias no comezo do segundo tempo. Tras o 0-1, o partido tornouse bronco e, entre corpos técnicos e xogadores, cada conxunto rematou o choque con dous expulsados.
O Burela afírmase como candidato no feudo do Chantada Atlético (1-2). Partido con alternativas e moi igualado en canto a ocasións. No primeiro tempo os locais levaron o peso da posesión, pero os visitantes conseguían roubar e saír con moito perigo, froito do cal chegou o 0-1 antes do descanso. Xa na reanudación, o Chantada Atlético deu un paso adiante e empatou o choque. O Burela, lonxe de baixar os brazos, tirou de coraxe e conseguiu anotar o seu segundo tanto na recta final, para sacar tres puntos de ouro ante un rival directo na loita pola promoción, 1-2 no Sangoñedo.