Dani Renda é un dos ’10’ de referencia na provincia. Dani Renda foi un dos protagonistas da pasada xornada cun golazo en Ribeira. A Residencia empatou ante o Cidade de Ribeira no Anexo da Fieiteira. Dani Renda abriu o marcador cun disparo dende o medio do campo.
Esta semana Dani Renda pasou polos micrófonos da Radio Lugo Cadena Ser na sección semanal que protagoniza Futbolinlugo con ‘O Noso Fútbol’. O noso redactor Diego Díaz e a presentadora Sara Meijide conversaron con Dani Renda.
A entrevista pódese escoitar íntegra en liña. Ademais analizamos as citas sobranceiras da fin de semana no fútbol feminino, na Segunda RFEF e na Preferente.
A conversa comezou dun xeito desenfadado. Un habitual dos estudos da Cadena Ser é Juan Renda, pai de Dani Renda. Desta volta foi o seu fillo quen deu a cara e se puxo diante dos micrófonos. «Non falamos moito de fútbol entre nós, senón discutimos. Pero é un orgullo telo de pai e ver o cariño que lle tedes«, comentou Dani Renda.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Dani Renda falou do seu gol en Ribeira e tamén do seu bo golpeo dende lonxe. Confía en trocar a dinámica da Residencia que continúa en descenso. Este domingo terá outra oportunidade de sumar puntos na Cheda. Reciben a un Sofán (ás 16:30h) que vén de quedar subcampión da I edición da Supercopa de Galicia xogada este mércores. A continuación deixamos as respostas de Dani Renda.
O partido en Ribeira: «Foi un encontro marcado polo temporal. Houbo moito vento e moita choiva. Adiantámonos no marcador no minuto 8 e na xogada seguinte empatáronnos. A quince minutos do final eles póñense por diante. No último minuto, Pereira marcou o gol do empate».
O gol de Dani Renda: «Foi axudado polo vento, pero como non o vistes podo dicir que foi a propósito (risas). Foi unha falta dende o medio do campo. A miña idea era centrar. Vin que o porteiro estaba adiantado. Cambiei a idea, o balón colleu altura, foise envelenando e entrou».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Goles dende o medio do campo: «Inténtoo moitas veces. Sempre me fixo se os porteiros están adiantados ou non. De feito, no partido cando sacamos de centro na segunda metade volvino intentar».
Nivel da Preferente: «É moi parello. Gañas dous partidos e xa saes do posto no que estás. Nós estamos en descenso e con dúas vitorias estamos na metade da táboa. Podes ir a calquera campo e gañar e pode visitarte calquera equipo e poñerte en problemas. Aínda estamos en decembro, se encadenamos un par de vitorias estou seguro de que saíremos deses postos de descenso».
Clasificación histórica o curso pasado: «Non cambiou nada. Mudaron as dinámicas. O ano pasado saía todo de cara. Este ano nos tres ou catro partidos nos que quizais mereciamos algo máis, foron os equipos rivais os que nos quitaron puntos nos últimos minutos».
Foto de portada: twitter SCD Residencia.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)