O Celta Barreiros abre oco no liderado do grupo norte tras vencer con dificultade ao Matela. Segundo é o Castroverde que lle arrebata a praza ao Casás que non pasou do empate co Cazás nun encontro non apto pra seseantes. O Friol B xa sabe o que é puntuar logo de empatar fronte ao Celeiro. No grupo sur o Rubián mantén o liderado tras gañar pola mínima ao Santa Comba, mentres que o Páramo vixíao de preto ao conquerir un triunfo máis folgado diante do Relámpago Taboada. A xornada veu marcada pola mala climatoloxía e moitos conxuntos deron a voz de alarma ao considerar que se deberan de aprazar boa parte dos encontros.
grupo norte
O Celta Barreiros gaña no desconto un encontro que se lle puxo costa arriba diante do Matela (3-2). O forte vento condicionou un encontro no que o conxunto visitante saiu moito mellor e foi quen de acadar dous goles de vantaxe, obra de Ian e Santi Carballido nos primeiros vinte minutos. Rubén Acebedo non agardou ao descanso e realizou tres trocos, ademáis doutro obrigado pola lesión de Jhoseba, e estes deron os seus froitos. Antes do descanso Hugo recurtou diferencias. No segundo tempo o vento favoreceu ao cadro locatario e foi quen de igualar cun gol olímpico de Antón. No minuto 98 Hugo logrou a remontada nun encontro que durou ata o 102. Anteriormente o Matela tivo as súas opcións para marcar, pero non estivo atinado.
O Castroverde golea á Comercial B e volve á segunda praza (4-0). O encontro comezou con dominio local aínda que sen xerar excesivo perigo, ata que no minuto 20 Samu aproveitou un bo centro de López para facer o primeiro. Puido empatar a Comercial B nun córner, pero Sergio estivo atinado. A choiva impediu que se vira máis fútbol na primeira metade. Na reanudación David anotou o segundo para o Castroverde e pouco despois o gardameta Sergio voltou a resultar providencial ao salvar un man a man que metería aos vistantes no encontro. Os trocos déronlle aire aos locais e contaron con boas ocasións de gol antes de que Gelo sentenciara co terceiro. Richard, xa co tempo cumprido, fixo o cuarto ao transformar un penalti.
Cazás e Casás empatan e mantéñense na zona alta da táboa (2-2). Nun terro de xogo impracticable por mor da forte choiva o Cazás comezou mellor e xerou unha clara ocasión de gol. Bruno puxo a proba a Manu Jr que respostou cunha boa parada. Nada puido facer ante o disparo de Álex, que abriu a lata sobrepasado o ecuador do primeiro tempo. Xusto antes do intermedio Cobas igualou para o Casás cun forte disparo desde preto do mediocampo. O segundo tempo comezou de xeito inverso. Bruno fixo o segundo para os locais tras roubar un balón á defensa rival. O Cazás tivo unha boa ocasión para ampliar diferencias pero o longueiro e Manu Jr impedírono. O último tramo do encontro foi de dominio dos de Álex Cortón e lograron o empate a tres minutos para o final cun tanto de Nacho Arza.
O Rioaveso vence á Piringalla cun tanto na prolongación (0-1). Partido de estilos opostos. O conxunto local propuxo un xogo combinativo fronte a un Rioaveso que optou por un fútbol máis directo. A primeira metade resultou igualada, pero foi a Piringalla quen tivo as ocasións máis claras por medio de Cristóbal. Nunha delas o cadro lucense reclamou penalti ao considerar que existiu empurrón por parte dun defensor. No segundo tempo os estilos de xogo foron máis semellantes optando por un xogo directo. A falta de quince minutos para o final o colexiado, logo dunha liorta, expulsou a un xogador de cada equipo, ademáis do técnico visitante Asier Lozano. Co tempo cumprido, Aleso anotou o tanto da vitoria para o Rioaveso, nunha acción na que a Piringalla reclamou fóra de xogo.
O Goiriz vence no derbi ao Catro Roldas na Canteira (1-3). A primeira metade foi de dominio visitante. O froito non tardou en chegar e aos cinco minutos Raúl fixo o primeiro. Moha logrou o empate nun saque desde o curruncho, pero o Goiriz non tardou en facer o segundo. Foi o gol da xornada. Héctor regateou aos defensores que lle sairon ao paso e colocou o balón na escadra. Os de Cora seguiron dominando sobre un terreo de xogo que se volveu impracticable. O Catro Roldas adaptouse mellor ao campo nun segundo tempo no que foron superiores. O Goiriz replegou liñas e non concedeu excesivas ocasións. A falta de dez minutos para o final, Richi sentenciou o encontro cun tanto moi protestado polo cadro local ao considerar que existía claro fóra de xogo. Koski, adestrador do Catro Roldas, foi expulsado por protestar dita acción.
O Friol B estrea o casilleiro ao igualar co Celeiro (2-2). Cun tempo non apto para a práctica do fútbol, o conxunto local contou con varias ocasións claras para marcar no primeiro tempo, pero foi o Celeiro quen levou o gato á auga cun gol de Tátiko. No segundo tempo, o dianteiro celeirense repetiu e puxo en clara vantaxe aos de Martín Rodríguez. Na última media hora, o Friol B apretou e o Celeiro baixou unha marcha e chegou o empate con dous tantos nos últimos intres obra de Rober.
grupo sur
O Rubián vence ao Santa Comba nun encontro parello e mantén o liderado (0-1). Unha parte para cada equipo. Na primeira o Rubián foi mellor e logrou adiantarse no marcador aos sete minutos de xogo nun rexeite de Yeyu. O Santa Comba mellorou no segundo tempo e contou con varias ocasións claras para empatar. Jorge atopou a espectacular resposta de Casillas e David rematou pegado ao pao.
O Páramo segue a estela do líder tras vencer ao Relámpago Taboada (0-3). Os de Jony Lombardía non ceden na pelexa polo primeiro posto e gañaron na casa dun Relámpago Taboada que o intentou e gozou de minutos de dominio. Malia todo o Páramo foi superior e Hugo Gallego abriu o marcador ó cuarto de hora de xogo cun bo gol. O marcador non se moveu ata mediada a segunda metade. Juan fixo o segundo e Dani pechou o marcador xa preto do final.
Triunfo do Sober fronte a Sarriana B para seguir na zona alta (3-1). Encontro parello no que o Sober foi superior e soubo aproveitar as súas ocasións. O goleador Martín foi o protagonista do primeiro tempo e puxo en clara vantaxe aos de Iban Lagoa con dous tantos. Os visitantes contaron con varias opcións de gol, sen puntería. A Sarriana B realizou tres trocos no intermedio e mellorou nun segundo tempo no que logrou recurtar diferencias a falta dun cuarto de hora para o remate. Pero só tres minutos máis tarde, Abdul nunha contra acadou o tanto da tranquilidade para o Sober.
O Chantada Atlético B empatou co Sober nun encontro con varias expulsións no treito final (2-2). Primeira metade de dominio do filial chantadino que non concedeu apenas ocasións ao seu rival. Os de Ivi Gayoso marcharon ao intermedio con dous tantos de vantaxe no marcador. Miguel foi o autor dos dous goles. O Corgo reaccionou no segundo tempo e a falta de vinte minutos Fer recurtou diferencias nunha boa xogada combinativa. O último cuarto de hora o encontro entrou nun descontrol propiciado polos numerosos cartóns e expulsións. Nos últimos intres o conxunto visitante logrou o empate nun penalti moi protestado polo Chantada Atlético B que transformou Sebas.
O Río Sil suma a segunda vitoria consecutiva no campo do Bóveda (3-4). O conxunto local comezou mandando no marcador cun tanto á saída dun córner. O Río Sil tiña o control do partido e Panizo logrou o empate nun lanzamento de falta. Manuel e Eloy déronlle a volta ao partido e acadaron dous tantos para os visitantes antes do descanso. No segundo tempo, o Bóveda modificou o sistema e foi superior e logrou recurtar diferencias por medio de Lay e a falta dun cuarto de hora para o final acadou o empate cun tanto de Ángel. Nos últimos intres o cadro local quedou en inferioridade pola expulsión do seu gardameta Tino e xa co tempo cumprido Isaac logrou o tanto da vitoria do Río Sil nunha acción protestada polo Bóveda ao considerar que existiu fóra de xogo.
Monterroso B – Taboada B. Encontro suspendido polas adversas condicións meteorolóxicas.