O pasado mércores presentabamos na nosa sección Con F de Futbolista a acta arbitral que recollía a actitude de Covi Regueiro, adestradora do PM Friol, no partido que enfrontou ao equipo friolés contra o Umia:

Os acontencementos da pasada fin de semana, porén, non son un caso illado na Reigosa. A preparadora do cadro presidido por Ángel Villar xa arrastra unha xeira de sancións desde o comezo da temporada 2023/2024. No primeiro partido do curso, Covi Regueiro foi sancionada con «dous partidos de suspensión por Protestas ao árbitro/a«.
Esta primeira sanción non foi recibida de bo grado polo club, que -tal e como recolle a páxina de sancións da RFEF- recorreu a expulsión e obtivo resposta negativa por parte da Federación. Porén, a preparadora fixo caso omiso da sanción á semana seguinte (Xornada 2) e, tal e como recolle a RFEF, recibiu outros 4 partidos de sanción por «Infracción dos adestradores […] en relación co cumprimento da sanción imposta […]«. 2 + 4: 6 partidos de sanción acumulados na segunda xornada.


A cousa non queda aí. Na xornada 4, a RFEF lembrou de xeito público ao PM Friol a obrigatoriedade de presentar un Delegado de Campo con licencia federativa, algo que non trascendeu. Pero de volta na Reigosa, na quinta semana de competición, as cousas tornáronse difíciles. Covi, de acordo coa información publicada, volveu «incorrer na prohibición […] referida ao réxime de cumprimento de sanción de suspensión […] concorrendo na circunstancia de agravante de reincidencia«. Neste caso, serían 8 os partidos de sanción para a adestradora. 8 + 6 xa acumulados: 14 partidos de sanción en total.



Exactamente a mesma circunstancia sucedeu quince días máis tarde en Friol. A adestradora, de acordo coa nova sanción imposta, presentouse ao choque e non cumpriu a súa suspensión. Outros 8 partidos expulsada, isto é, 22 semanas de sancións acumuladas. E, o pasado sábado, Covi dirixiu o encontro desde o limiar da instalación da Reigosa, segundo se recolle na acta presentada no inicio desta entrada. A resolución do asunto, dramática para os da Reigosa: 20 partidos máis de sanción. E xa suman 42. Ademais, a RFEF avisou: o PM Friol podería ser expedientado «de acordo co artigo 64 do CD […] pola súa responsabilidade en permitir que a adestradora continúe infrinxindo consciente e voluntariamente a normativa disciplinaria«.
Este artigo 64 recolle, alén dunha multa de entre 3.006€ e 30.051€, distintas sancións, desde a perda do partido que se estea a disputar ata a privación de licencia como club de forma definitiva, pasando pola perda de tres puntos na clasificación, o descenso de categoría, a disputa de encontros en campo neutral, o peche da instalación deportiva ou a inhabilitación da licencia federativa entre dous e cinco anos. A cuestión, por tanto, é moi seria.

Tal e como estamos detallando, a preparadora incumpre a súa sanción de xeito sistemático na Reigosa, aínda que fóra da casa non consta que manteña a mesma atitude. A día de hoxe, as cousas -máis alá de cuestións lexislativas que se nos podan escapar- están así: Covi leva acumulados 42 partidos de sanción en nove xornadas. Isto é, estará apartada o que resta de temporada e a metade da vindeira campaña: aproximadamente, ata a Navidade de 2024. Algo sen precedentes coñecidos no fútbol lucense, polo menos por este tipo de conduta.

Desde a nosa web seguiremos o pulso entre RFEF e PM Friol de forma semanal, na nosa sección dos mércores, e informaremos aos nosos lectores das novidades desta pugna. Todo o reflectido neste artigo son datos extraídos da web oficial da RFEF, no seu apartado de sancións.