#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Xermade, único invicto 7 xornadas despois

Fran García suma a oitava temporada no Xermade

O Xermade é o único equipo da Segunda Rexional lucense que non perdeu no que vai de temporada. En sete xornadas, lograron 3 vitorias e 4 empates. Fran García foi un dos protagonistas do último encontro marcando dous goles.

No fútbol sénior lucense teñen esta condición de invictos o Pol (nove triunfos), o Celta Barreiros (seis vitorias), o Rubián (cinco vitorias e un empate) e o CD Lugo B fem (seis triunfos). 

Só o Xermade non caeu derrotado despois de que perdera o filial do Racing Villalbés. Con todo, segue no liderado da zona norte cunha vantaxe de dous puntos sobre o Iberia, Pastoricense e o Sanci

Na zona sur, quen se mantén no máis alto é o Oural. O cadro preparado por Negrete sumou a segunda vitoria seguida. Unha vez máis, Mario foi un dos protagonistas. Marcou un dobrete e acumula xa dez goles en tan só sete xornadas



Os datos das sete primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Equipo que non perdeu: Xermade.
  • Equipos que non gañaron: Cabreiros, Roupar e Chantada B
  • Equipos que máis puntuaron: Racing Villalbés B e Oural (16 pts)
  • Equipo que máis goles marcou: Racing Villalbés B (20 goles)
  • Equipo que menos goles encaixou: Iberia e Palas (3 goles)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (10 goles)
  • Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (2 goles en 584 minutos)

Tendo en conta as últimas tres xornadas…

Equipos na mellor xeira: San Ciprián e Antas (tres vitorias seguidas)

Futbolista na mellor xeira: Álex Diéguez – Antas (5 goles)



O Racing B mantense no liderado tras perder por primeira vez

Na zona norte, o filial do Racing Villalbés continúa sendo o líder. Perdeu o primeiro partido da temporada ante o Sanci pola mínima no Roca. A súa vantaxe na cabeza redúcese agora a dous puntos

Un cúmulo de circunstancias deixaron ao Racing sen puntuar. Os locais tiveron as primeiras ocasións pero, entre Mada e o desacerto, non entraron. Xusto antes do descanso, o Sanci marcou o gol por medio de Joao

Os locais achucharon na segunda metade nun partido aínda máis bronco. O Sanci quedou cun menos pola expulsión de Uru. O filial marcou por medio de Gabri pero o tanto foi anulado

Tivo oportunidades de facer gol tamén o dianteiro Adri. O vilalbés marcara a fin de semana pasada ante o Cospeito. Foi o autor do gol que en Futbolinlugo indicamos que era da autoría de Dani Yáñez. As nosas desculpas.

Contra o final tamén foi expulsado Samu López. O dianteiro de Goiriz non poderá estar na visita deste domingo ao campo do veciño Abadín



Bloque perseguidor: Iberia, Pastoricense e Sanci con 14 puntos

A vitoria do Sanci colócao no tren perseguidor. É o equipo máis en racha a nivel de resultados. Tres vitorias seguidas coas que se une ao Iberia e ao Pastoricense.

O Iberia derrotou ao Cabreiros. Sumou a cuarta vitoria do curso. Nun primeiro tempo de máis dominio local, o Cabreiros aínda tivo as súas ocasións. Púxose por diante o equipo preparado por Miguel ‘Moro’. Ángel marcou antes do descanso. 

No segundo tempo, o Iberia amosou máis a súa superioridade. Franchy marcou de falta directa. Antón rematou a gol un bo centro de Ángel que se luciu pola banda. 

O Pastoricense venceu ao Muimenta nun duelo de veciños. Viviuse un gran ambiente no Pichón coincidindo co regreso do adestrador Basi

O Muimenta xerou ocasións en momentos clave que puideron cambiar o marcador. Pero a efectividade estivo do lado do cadro da Pastoriza. Marcou tamén Edu Seivane, o pastoricense que volvía ao seu campo nos últimos cursos. 

O Xermade invicto volve á promoción

O Xermade venceu á Comercial anotando catro goles, aínda que o partido decantouse na recta final. Ambos equipos chegaban nun bo momento e parellos na clasificación. 

O conxunto capitalino foi por diante boa parte do encontro. Case podemos dicir que o balón parado desequilibrou a balanza. Así chegaron tres goles dos locais que comezaron a remontada mediada a segunda metade. Dobrete incluído do central pontés Fran García. Vila e Hugo Gegúndez marcaron os outros dous. 

O Folgueiro vai cara arriba

O Folgueiro enlazou a súa segunda vitoria seguida. Pasa da zona baixa, a achegarse aos postos de promoción de ascenso. Derrotou a un Pontenova que xusto perde por segunda xornada consecutiva. 

O cadro preparado por Manuel Vicente tivo ocasións para ampliar a diferenza, pero tamén o Sporting apertou nos minutos finais para lograr a igualada. 

O Cospeito chega aos 9 puntos na zona media

O Cospeito sumou a segunda vitoria da tempada. Superou a Candelaria na Granda nun encontro no que os locais non estiveron ben. O conxunto visitante controlou o xogo e tivo efectividade nos goles. 

Goás marcou en menos dun minuto

Nun tempo onde manda a inmediatez, Álex Goás foi o máis rápido da xornada e probablemente da temporada. O atacante do Abadín conseguiu recuperar a posesión para os seus nada máis o Roupar sacou de centro. Viu o porteiro rival adiantado e practicamente dende o medio do campo disparou e marcou. Poucas veces se pon un partido tan de cara. 

Pouco despois, Goás marcou o segundo. Leva oito en total na liga. No segundo acto o Roupar foi capaz de meterse no partido por dúas veces. Pero xa non puido cando os visitantes sumaron o cuarto. 

O Alfoz e o Mondoñedo empataron a un gol no ‘Derbi do ‘Mariscal’

As condicións meteorlóxicas complicaron o estado do terreo de xogo, ao igual que en moitos outros campos da provincia. A maior parte do encontro foi igualado e ambos equipos tiveron ocasións. A medida que foi avanzando o xogo fíxose máis complicado. O derbi quedou nun empate xusto. 

A Candelaria ocupa a 13ª posición con sete puntos. Antepenúltimo é o Alfoz con seis. En descendo directo están o Cabreiros (3 pts.) e o Roupar (1 pto.). 

O Oural mantense na cabeza por segunda semana

O Oural reafirma o seu bo momento cunha vitoria ante o Brollón que chegaba con tres triunfos seguidos. Acumula xa dezaseis puntos e cinco vitorias. 

Unha vez máis, o Oural volveu amosar a súa gran capacidade goleadora. Tres goles nos Medos, un campo no que só marcara ata o momento un gol o Chantada B. 

O Brollón baixa dos postos de promoción e queda agora a dous puntos do quinto clasificado. Con todo, todos os equipos están moi próximos entre si nesa parte alta. 

O Friol chega aos 15 puntos

O Friol volveu gañar e logrou os tres puntos ante o Incio. Segue a un punto do líder. Recuperou a efectividade que lle faltou outros partidos. En gran parte, concentrada en Dani Roca que marcou tres goles

O Incio non lle perdeu a cara o encontro. A pesar de que os locais se adiantaron rápido, conseguiron empatar por dúas veces. 

O Becerreá faise forte no Municipal

O Becerreá non perde na casa. Un empate e tres vitorias. A última foi ante o Quiroga nun encontro aprazado e xogado no día de Todos os Santos. Ascende á terceira praza e ponse a tres do líder. 

Foi un encontro bonito para o espectador. Os locais puxéronse por diante en dúas ocasións e o Quiroga foi quen de igualar. Máis tarde, o terceiro sería definitivo para o Becerreá e para que os tres puntos quedasen novamente no Municipal. 

O Antas na boa xeira

Terceira vitoria seguida do Antas que segue aproveitando o bo momento goleador do seu xogador máis diferencial, Álex Diéguez ‘Show’. Neste caso marcou de penalti. Pero ese tanto chegoulle para vencer pola mínima ao San Lázaro e estar 4º na clasificación. 

O Palas e o Ferreira mantéñense na zona alta sen marcar

Sen goles entre o Palas e o Ferreira que mantén a ambos equipos con doce puntos na táboa clasificatoria. Pola diferenza de goles, é o Ferreira o que está por diante. Iso permítelle ocupar aínda posto de promoción a catro puntos do líder. 

O Palas continúa rentabilizando os seus números. Segue na zona alta con cinco goles a favor e tres en contra: tres vitorias, tres empates e tan só unha derrota.

O San Roque achégase a parte alta

O San Roque uniu dous triunfos seguidos por primeira vez no curso. Foi ao gañarlle a un Paradela en horas baixas. O cadro preparado polo tándem Fernando Corredoira-Piru sobe ata a sétima posición. Colócase a un punto da promoción de ascenso. 

O Lemos B e o Carballedo (gañando o derbi) suman o segundo triunfo

Na zona media da táboa sitúanse o Lemos B, o Quiroga e o Carballedo con oito puntos. O filial lemista logrou o segundo triunfo do ano ante un rival directo. Superou ao Sporting Lucense. A presión alta do filial e os erros defensivos dos capitalinos decantaron o encontro no segundo tempo. 

Foi unha semana de derbis para a SD Chantada. O primeiro equipo venceu no derbi municipal ao Chantada Atlético. O filial non puido facer o mesmo ante o Carballedo, outro dos equipos da contorna co que hai unha gran proximidade. 

O conxunto preparado por Rodrigo Amarante (ex preparador da SD) logrou o segundo triunfo da temporada. Segunda vitoria en dúas xornadas; merecido nun encontro no que Roberto volveu marcar dous goles. 

O Incio é 13º con sete puntos. O Chantada B ocupa a anetepenúltima posición con catro puntos. Os mesmos que teñen os clubs que están en descenso directo: Sporting Lucense e Paradela

O Xermade, único invicto 7 xornadas despois

Trío de Ases O Cantón. O Lemos

O Xermade, único invicto 7 xornadas despois

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 9

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *