#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Dani Moirón (Ribadeo FC): «O equipo está moi ilusionado coa Supercopa»

A I Edición da Supercopa Galicia xa está en marcha e o Ribadeo, como gañador da Copa Deputación será o representante da nosa provincia nesta competición creada pola Federación Galega. Nela participan os gañadores das diferentes Copas disputadas ao longo e ancho da xeografía galega e consta de dúas eliminatorias antes da gran final que se disputará o día 12 de outubro no estadio de Balaidos.

Nos cuartos de final, o Victoria coruñés desfíxose do Perlío na quenda de penaltis, o Sofán derrotou pola mínima ao Calo, mentres que o Portonovo goleou ao Xuvenil de Ponteareas.

O cuarto semifinalista saíra do enfrontamento que terá lugar mañá domingo ás 19:00 horas no Municipal de Outeiro de Rei entre o Ribadeo e o Atlético Arnoia. Será o esceario idóneo para a posta de longo en partido oficial do novo proxecto do cadro mariñán, que conta cun cadro de xogadores moi renovado de cara a nova temporada.

Analizamos o encontro e o que nos pode ofrecer o Ribadeo FC da man do seu adestrador Dani Moirón.



Futbolinlugo: Como chega o Ribadeo a este comezo adiantado da competición oficial?

Dani Moirón: O equipo chega verde, polo momento. Contamos con moitos xogadores novos que, polo momento, están en proceso de adaptación, pero tamén con moita ilusión e confianza en realizar un bo papel nesta nova comepetición.

FIL: A Supercopa afrontádela como un encontro máis de preparación para a liga ou dádeslle a importancia dun encontro máis serio?



DM: Afrontámola como un encontro diferente aos de pretemporada. É un partido oficial, polo que o equipo tentará estar á altura e competir. Ten como premio xogar a final no estadio Abanca Balaidos e o equipo está moi ilusionado.

«A situación económica e xeográfica dificultan o mercado de fichaxes en Ribadeo, pero estou moi contento coas incorporacións»

FIL: Que referencias tedes do voso rival, o Atlético Arnoia?

DM: É un equipo con pasado recente na Terceira RFEF e na última temporada estivo nos postos altos da Preferente Sur. Contan cunha boa plantilla, con xogadores contrastados e con moita experiencia como Rubén Arce ou Adrián Presas. Ben seguro que nos porá as cousas moi difíciles.

FIL: O Ribadeo rexuveneceu o seu cadro de xogadores para esta nova campaña. Pode perxudicar no comezo da competición a falta de experiencia?



DM: Perdemos veteranía e galóns, pero creo que gañamos en ilusión. É unha incógnita o rendemento que podemos dar esta temporada, pero confío que o Ribadeo vai estar á altura e realizar un moi bo ano. Rexuvenecer a plantilla era unha premisa da directiva desde que eu cheguei. Outros anos non se puido conseguir, pero esta temporada déronse os factores para acadalo.

«Castrín é un referente dentro e fóra do campo. Que xogue no Ribadeo é a mostra de que se están a facer as cousas ben»

FIL: Que valoración fas do mercado de fichaxes?

DM: Estou contento. En Ribadeo é moi complicado fichar, principalmente pola situación económica do club e tamén pola situación xeográfica, pero aínda así fíxose un bo traballo neste mercado. Perdemos xogadores moi importantes, pero conseguimos suplilos con xuventude e ilusión. Estamos nun periodo de adaptación e agardamos ver a mellor versión do Ribadeo nun breve periodo.

FIL: Sobresae a incorporación de Castrín, un xogador que retorna ao club logo de ser importante en Segunda RFEF.

DM: Castrín é un xogador referente para nós, tanto pola súa traxectoria como polo seu comportamento dentro e fóra do terreo de xogo. Sempre está disposto a axudar a todos os compañeiros e na posición do campo que o corpo técnico considere que máis pode aportar. Que un xogador desta calidade, con ofertas importantes, se decida polo Ribadeo creo que é un orgullo e a mostra de que se están a facer a cousas ben.

«Queremos acadar a salvación canto antes e sen pasar apuros»

FIL: Outro dos xogadores a ter en conta é Nuno, que afronta a súa primeira experiencia sénior no noso fútbol logo dun periplo en terras americanas. Que agardas del?

DM: Nuno está chamado a ser un xogador importante, pola súa xuventude e calidade. Estalle costando adaptarse ao ritmo e á esixencia física da categoría, pero a base de adestramentos, traballo e implicación non tardará en acadar un estado óptimo.

FIL: Que obxectivo se marca o Ribadeo para a temporada 2023-2024?

DM: A permanencia. Queremos acadar a salvación o antes posible e sen pasar apuros. A partir de aí tentaremos quedar o máis arriba posible e sen pensar en obxectivos a medio ou longo prazo.

FIL: Puideche ollear o nivel do grupo norte de Preferente para esta nova temporada?

DM: O nivel da competición é moi alto. O fútbol está evolucionando e cada ano aumenta a dificultade. Certo é que esta temporada non hai ningún equipo descendido de Terceira RFEF, pero si varios conxuntos históricos con importantes orzamentos e obxectivos ambiciosos. Tamén hai que ter en conta que os recén ascendidos (Lalín, Ribeira . . . ) conseguiron facer moi boas plantillas e serán equipos a ter moi en conta.

Dani Moirón (Ribadeo FC): «O equipo está moi ilusionado coa Supercopa»

O III All Star Futbolinlugo en imaxes:

Dani Moirón (Ribadeo FC): «O equipo está moi ilusionado coa Supercopa»

Diario dun mercado. Episodio 393

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *