Catro equipos da Terra Chá e dous da comarca de Sarria son candidatos a gañar a Copa Deputación (da Segunda e da Terceira Rexional). De feito, vai haber seguro un finalista chairego e un semifinalista de terras peregrinas.
Con posibilidades tamén están a Milagrosa e o Ferreira, que xogarán unha das semifinais da zona sur. Os únicos representantes da Terceira Rexional que desputarán os cuartos de final son o Rioaveso Machinango e o Racing Villalbés B (xa ascendido á Segunda)
Este xuño tormentoso aínda trae moito fútbol porque a provincia vaise de copas. Todo antes de dar por finalizada a tempada no III All Star Futbolinlugo.
Na Copa da 2ª e da 3ª a zona norte e a zona sur só se enfrontan na final. Por iso, antes de xogala hai unha especie de gañador da ‘conferencia’, ao estilo NBA. É dicir, este domingo xóganse os cuartos de final xerais e as semifinais de cada zona.
Rioaveso – Cospeito (dom. ás 17:30h): cheiro a derbi
Na parte norte, o Rioaveso e o Cospeito enfrontaranse nunha eliminatoria con cheiro a derbi. A proximidade de ambos equipos, integrantes que estiveron nun e noutro conxunto ou como o caso de Paredes e Xesu. Ambos son futbolistas do Cospeito, pero nacidos na parroquia vilalbesa de Rioaveso.
O Rioaveso defenderá a honra da Terceira logo de chegar aos cuartos tras superar ao Alfoz. Os locais puxéronse por diante antes do tempo de lecer. Pablo e Borja lograron a remontada momentánea para o Alfoz. Con todo, o equipo preparado por un Veiga e presidido por outro Veiga empatou.
O pase decidiuse nas penas máximas. Ambos equipos fallaron pero estivo menos acertado o cadro visitante que remata así a súa temporada.
O Cospeito está nos cuartos de final despois de resarcirse do seu non ascenso á Primeira. Volveu xogar co Guitiriz no Suso Cruz. Retornou o acerto goleador da segunda volta do equipo preparado por Luis Romay. Adiantouse antes do descanso e xa non soltou o poder do marcador.
Racing Villalbés B – Xermade (dom. ás 19:00): O partido de Gabri
O outro derbi da Terra Chá encadra ao Racing Villalbés B e ao Xermade. Xogarán no artificial da Madalena. Será un encontro especial para Gabri Blanco, o futbolista xermadino de Burgás é o capitán do filial racinguista. Vén de viaxar co primeiro equipo a La Calzada.
Gabri é unha das referencias da base do Racing, pero sempre estivo moi ligado ao equipo do seu concello. De seguro que o do domingo será un partido especial.
O filial do Racing xa adiantou a súa cita copeira dos oitavos de final a última finde de maio. Xogou un apaixoante derbi co Castro B nun escenario inmellorable, o natural da Madalena. Os locais impuxéronse por 3-1 logo de comezar gañando moi cedo cun gol de cabeza de Anxo.
O Xermade superou noutro duelo chairego ao Muimenta. O cadro dirixido polos irmáns Pena entraron ben ao partido. Gañaban por dous goles ao cuarto de hora de xogo. Máis tarde aguantou as acometidas dun Muimenta que tentou achegarse ao resultado.
Paradela – Oural (dom. ás 18:00h): segunda oportunidade
Na zona sur, dous equipos da comarca de Sarria tentarán estar nas semifinais. O Paradela e o Oural enfróntanse buscando unha segunda oportunidade a súa campaña. Ambos equipos quedaron ás portas do ascenso.
O Paradela pelexou ata as semifinais da fase. Mentres que o Oural quedou moi preto de xogar precisamente esa promoción tras unha liga na que foi de máis a menos.
O Paradela chega aos cuartos logo de derrotar ao Incio no campo do Carboeiro. Como non podía ser doutro xeito, o cadro da Terra Brava (recén ascendido á Segunda) vendeu cara a súa pel (2-3).
O Oural xa xogou a súa eliminatoria na última fin de semana de maio. Venceu nas Rapadas ao Páramo. Cayuela amosou unha vez máis ser un dos xogadores referencia dos seus. Anotou un dobrete para axudar tamén na conta goleadora.
Milagrosa – Ferreira (dom. ás 17:00h): trAXECTORIAS DISTINTAS
A Mila é o único equipo dos cuartos de final da Copa da 2ª e da 3ª que xa conseguiu un gran éxito neste curso. O conxunto recén ascendido á Primeira segue en competición. En fronte nas semifinais terá a un Ferreira que estivo en momentos do campionato polo liderado da Segunda sur. Finalmente quedou ás portas de xogar a fase de ascenso.
A Milagrosa clasificouse ante un Corgo que tentou ata o último momento igualar o encontro. Non o conseguiu e remata así unha temporada que rematou cun bo papel na Copa, logo dos malos resultados da liga.
Pola súa parte, o Ferreira eliminou ao Rubián nun duelo de proximidade no Poste. Un dobrete de Enríquez na primeira metade resultou chave no devir do choque.