Deu comezo o Torneo Delegación e fíxoo sen sorpresas nos seus catro grupos. Analizamos os encontros.
grupo 1
Celeiro 2 – Cazás 1. Bo encontro dos de Martín Rodríguez, que foi superior ao Cazás na maior parte do encontro a pesar das numerosas baixas coas que contaba. Iñigo, a pase de Tátiko, adiantou aos viveirenses. Os visitantes melloraron antes do intermedio e reclamaron penalti por caída de Juan dentro da área. Nada máis comezar a segunda parte Dani Liz ampliou diferencias no marcador cun bo disparo desde a frontal. Bruno recurtou diferencias ao aproveitar un barullo na área. O Celeiro puido ampliar diferencias á contra.
grupo 2
Catro Roldas 1 – Mondoñedo 1. O primeiro tramo foi de dominio local. O Catro Roldas tiña o balón, aínda que sen demasiada profundidade e sen xerar ocasións de gol. co paso dos minutos o encontro igualouse e nun malentendido entre a zaga e o gardameta o Mondoñedo logrou adiantarse cun gol de Vázquez. Na segunda metade o Catro Roldas levou a iniciativa, pero o Mondoñedo deu mostras da súa solidez defensiva e apenas concedeu oportunidades. Nos últimos intres un roubo de balón de Burgás acompañado dunha boa conducción rematou co disparo deste que Adil empurrou ao fondo da portería de Alberto.
grupo 3
Palas 5 – Bóveda 0. Encontro sen historia nos Chacotes. O conxunto visitante presentouse con nove xogadores e o Palas anotou cinco tantos nunha primeira metade de completa superioridade. O segundo tempo non se xogou.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
grupo 4
Taboada B 1 – Quiroga 3 Encontro de ritmo baixo e de pouca intensidade. Comezou mellor o cadro local e xerou algunha oportunidade de gol. O Quiroga, co devir do encontro atopou o seu sitio e contou con ocasións para adiantarse no marcador. Pero o gol non chegou ata o comezo da segunda metade. Adiantouse o Quiroga cun tanto de penalti de Mavilo e o filial do Taboada empatou do mesmo xeito, desde os once metros. Javi Coba tivo que exercer de porteiro no Quiroga e non puido deter o lanzamento. O Taboada B estaba mellor, pero nunha acción individual, Álex Mavilo puxo por diante ao Quiroga. O cadro local quedou con dez e os visitantes sentenciaron cun tanto de cabeza de Jose.
Monterroso B 4 – Relámpago Taboada 2. O filial monterrosino entrou moi relaxado ao campo e aproveitouno o Relámpago, que soi superior na primeira media hora de xogo, pero tiveron que lamentar a lesión do seu gardameta Iván. Os de Javichu reaccionaron e foron quen de marchar ao descanso con dous tantos de vantaxe, ambos obra de Rubén. Na segunda metade o Monterroso B puxo terra de por medio cun tanto en propia porta, pero pouco despois o Relámpago recurtou diferencias cun tanto de falta. Pero o goleador Yoni, que comezou desde o banquiño, sentenciou o encontro para o Monterroso B. Malia todo, o Relámpago non se rendiu e volveu a marcar cun tanto de Valiño, que anotou diante do seu ex equipo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/04/TORNEO-DELEGACION-1.png)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)