Un bo lanzamento de falta de Santi Vázquez permitiulle ao Friol gañar en Pantón. Queda como único perseguidor do Guntín polo asceno directo á Primeira. A seis puntos e cunha cita pendente entre ambos na última xornada.
Quedan doce puntos en xogo na Seguda Rexional e a loita polos primeiros postos segue aberta. No norte, hai tres prazas en xogo para o play off e no sur outra tres esán abertas. Por abaixo seguen asustando os posibles arrastres. Contámolo en #ONoso11AChaira.
O Meira mantén as diferenzas
Na zona norte, o Meira volveu ao camiño da vitoria e continúa con paso firme cara a Primeira Rexional. A pesar das dúas derrotas da segunda volta ante os seus antecesores, mantén tres puntos de diferenza máis o gol average co Folgueiro. Ao Iberia quítalle seis puntos.
O líder superou na Lomba ao Fonsagrada. Os visitantes conseguiron adiantarse, aínda que tamén quedaron cun xogador menos por expulsión de Igor. O Meira conseguiría remontar con tres goles antes do descanso.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Ao pouco de comezar o segundo tempo, o Fonsagrada quedou con nove futbolistas ao recibir o segundo cartón Silbán. Con todo, lograron o segundo gol. De novo, grazas a Pedro que marcou un dobrete. Finalmente, Farra marcaría de penalti para darlle a tranquilidade ao conxunto meirego.
Pola súa parte, o Folgueiro sumou o oitavo partido sen perder de xeito consecutivo. Volveu amosar o seu poderío goleador en Boa Vista ante o Roupar.
O cadro preparado por Diego Dopico aguantou na primeira metade. Gran traballo de Edi en ataque que finalmente volveu recaer dos seus problemas de xeonllo. A falta das respectivas probas médicas, o diagnóstico podería ser grave. Unha circunstancia que adiantaría a pensada retirada do xogador a final de temporada. Agardemos que sexa unha boa recuperación.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
No segundo tempo, os erros dos visitantes e o bo facer dos locais en ataque facilitaron que o marcador se rompese. Pedro por dúas veces, Zeus, Sergi e Erni foron os goleadores da tarde.
O conxunto do Vicedo ten asegurada a súa presenza no play off. Un feito que tamén está a piques de certificar o Iberia. Conta con once puntos de vantaxe sobre a Candelaria. O equipo de San Miguel segue na terceira praza e continúa invicto na segunda volta. Leva xa trece encontros sen perder e cinco triunfos seguidos.
A última vitoria foi no Derbi das Praias ante o Celta Barreiros no Cascabeiro. Dous factores condicionaron en gran medida o partido: o vento e o estado regular do terreo de xogo.
Nesta circunstancias foi o cadro de José Manuel quen se terminou impoñendo. Adiantouse por medio de Barrera que continúa coa súa xeira goleadora. Antes do tempo de lecer, os visitantes marcaron o segundo.
Xa no segundo tempo chegaría a sentencia por medio de Jordane. No gol tivo un erro claro o gardamallas Pitero xa que o balón se lle escapou das mans. O propio equipo tomou horas despois a acción con humor e serviulles para vacilar ao seu porteiro. O focense demostrou ao longo da temporada a súa capacidade e compromiso.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/ROUPAR_EDI.jpg)
- Calendario Meira:
Xermade – Meira
Meira – Alfoz
Muimenta – Meira
Meira – Roupar
- Calendario Folgueiro:
Guitiriz – Folgueiro
Comercial – Folgueiro
Folgueiro – Cabreiros
Goiriz – Folgueiro
- Calendario Iberia:
Iberia – Cospeito
Candelaria – Iberia
Iberia – Castro B
Guitiriz – Iberia
*En negriña os partidos contra rivais da zona alta/en boa dinámica
Guitiriz e Cospeito, seis puntos de vantaxe na promoción
O Guitiriz é cuarto a tres puntos do Iberia. Foi unha boa xornada para o conxunto guitiricense xa que empatou no campo da Candelaria. Deixa a seis puntos ao equipo da Rúa e o gol average ao seu favor.
Non houbo grandes ocasións entre dous equipos que están nun gran momento de resultados. Ambos conxuntos na segunda volta só perderon un partido.
Con todo, sae máis perxudicada a Candelaria. Porque non reduce diferenzas coa zona de privilexio despois de xogar xa cos dous rivais directos, Guitiriz e Cospeito. Ademais ten perdido o gol average cos dous.
Agora o Cospeito suma os mesmos puntos ca o Guitiriz, 48. Superou no duelo de proximidade ao Castro B na Fonte. O conxunto visitante puido ser o que inaugurara o marcador pero o desacerto e a boa actuación de Alberto impedírono.
Xusto antes do descanso colleu vantaxe o Cospeito por medio de Álex Rábade. Xa no segundo acto, Xoán poñería o segundo no marcador. No filial vermello salientou a presenza de dous xuvenís no once titular: Iván e Noé. Ademais xogaron os últimos minutos con dez futbolistas pola lesión de Raúl.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/POL_SAMUEL.jpg)
Por certo, que o #DiarioDunMercado non para nin na recta final da competición. O Cospeito refórzase con dous xogadores. Para a portería chega Diego Elías, xa con pasado no club e que estaba adestrando co equipo aínda que xogaba no Rábade de veteráns.
Tamén chega Samuel Ferreiro procedente do Pol. Pode ocupar ambas bandas e incluso xogar de lateral. Dende o Cospeito agraden a ambos clubs as facilidades para poder incorporar estes dous futbolistas no tramo final da liga.
Xermade e Muimenta intercámbianse os obxectivos
Hai pouco máis de mes e medio o Muimenta estaba colocado en zonas de play off. Mentres o Xermade tentaba saír da zona media-baixa e evitar descender polos posibles arrastres.
Sete xornadas despois o Xermade aínda ten opcións matemáticas de chegar a fase de ascenso. Mentres que o Muimenta probablemente necesite sumar máis puntos para evitar o descenso por arrastres.
Sétimo encontro seguido sen perder do Xermade e sexto sen encaixar gol. Venceu ao Goiriz no Ventiño e queda a sete puntos da promoción de ascenso. Este domingo recibe ao líder no Municipal. Aínda tería tamén cadanseu duelo con rivais directos como o Cospeito e a Candelaria.
Non obstante, non foi un partido plácido. Si é certo que o conxunto xermadino púxose cedo por diante. Ademais con gol de Alfonso Gesto incluído que o pasado verán saíu do cadro preparado por Cora. O centrocampista de Codesido tivo que marcharse despois lesionado.
Co marcador en contra o Goiriz tivo a opción máis clara para empatar, pero fallou un penalti. No segundo tempo, o Xermade marcou o segundo gol. Aínda así os locais non se renderon e venderon caro o triunfo.
A Comercial suma 35 puntos e aínda non está tranquila
Quince puntos dos últimos vinteún posibles fixo a Comercial que mantén a 9ª praza da categoría. Aínda así, non ten a tranquilidade absoluta ante a incerteza de saber cantos equipos baixarán por arrastres e onde estará o corte. Podería necesitar algún punto máis para asegurar a permanencia.
Venceu precisamente ao Muimenta, nun dos duelos directos da xornada. O cadro do Pichón ten un punto máis, 36 pero a súa xeira é de seis derrotas consecutivas.
No Rodríguez Lago, os locais intentaron anular ao rival e aproveitarse do seu acerto. Funcionou á perfección nun primeiro tempo no que marcharon aos vestiarios gañando 2-0.
Tentou correxir algúns aspectos o Muimenta no segundo acto, pero os locais xogaban coa baza do contragolpe. Por esa vía chegou o gol da sentencia. Na recta final Jorge marcou o tanto da honra para os celestes tras un bo centro de Jairo.
Na décima posición está o Cabreiros que polo momento ten a seis rivais por baixo súa na clasificación. Un deles, o Alfoz, a quen o equipo preparado por Paco López derrotou a pasada fin de semana.
Aos locais saíulles todo de cara nada máis empezar. Marcaron o primeiro tanto por medio do goleador Cazás e posteriormente o gardamallas Lino foi unha das figuras do partido. Detivo as boas opcións que tivo o Alfoz tanto na primeira como na segunda parte.
Nos segundos corenta e cinco minutos o Cabreiros amosou a súa eficacia. Ampliou a renda e antes do final marcou o terceiro para sentenciar.
Cabreiros 33 puntos, Alfoz 31 e Castro B 30. Posteriomente, séguenlles o Fonsagrada (27) e o Roupar (26) que tamén están na pelexa por evitar arrastres. Logo Celta Barreiros e Goiriz xa están descolgados.
A maiores do descenso directo, habería agora mesmo neste grupo uns seis arrastres. É unha cifra aproximada e supeditada ao que aconteza nas categorías anteriores. Nalgunhas as diferenzas son mínimas e todo pode cambiar no momento no que unha pelota traspase unha liña de gol.
A competición rematará e non se saberán cantos equipos van descender. A liga na Terceira División si remata unha semana antes que a Segunda Rexional. Clarificarase algunha cousa, pero o fútbol lucense seguirá dependendo dos galegos que baixen na 2ª RFEF, de se un galego consegue ascender no play off en 3ª RFEF e de cantos lucenses baixan dende a Preferente.
As circunstancias agora mesmo son múltiples e é difícil sacar conclusións certeiras. O que si é certo é que os arrastres na Segunda afectarán máis ao norte que o sur.
Partidazos da xornada que vén:
- Xermade – Meira (dom. ás 18:00h: un dos equipos máis en forma da categoría quere chegar a recta final con opcións de play off; recibe a un líder que quere dar un paso máis para o ascenso)
- Guitiriz – Folgueiro (dom. ás 17:00h: os locais queren certificar o play off, mentres que o visitantes esperan gañar e que se produza un picazo do líder)
- Iberia – Cospeito (dom. ás 17:00h: duelo directo por asegurar cadansúa praza de play-off)
- Muimenta – Cabreiros (dom. ás 17:00h: duelo directo para evitar pasar apuros)
- Roupar – Comercial (sáb. ás 17:00h: os locais necesitan o triunfo; aos visitantes os tres puntos practicamente lles asegura a permanencia)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-8.png)
O lanzamento de santi que vale para quedar como o único perseguidor do Guntín
Na zona sur, o Guntín mantén unha vantaxe de seis puntos con respecto ao Friol. Ambos gañaron en dous dos partizados da finde. A igualdade increméntase se temos en conta que na última xornada xogan entre si no Ladairo.
O líder cortou a xeira do Paradela. Ademais fíxoo no Gandarón, onde ninguén gañara no que vai de temporada. O cadro preparado por Rubén Bergantiños acumulaba oito encontros seguidos sen perder.
O @ClubGuntin refórzase para o tramo final de liga co dianteiro Adrián Rojas, procedente dun @SDPOL_1979 a onde chega Gara, con pasado no @cf_Friol ou @RibadeoFC entre outros.#DiarioDunMercado
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) March 25, 2023
O grupo adestrado por Hugo Vázquez deixou a súa porta a cero por 12ª vez na campaña. Regresou Neira baixo paus e tivo un par de intervencións de mérito. O cadro do Ladairo xa está nos 60 puntos.
Unha puntuación que supera o ascenso de 2019 cando o club tamén lograra subir de categoria. Daquela rematara líder con 59 puntos. Iso si, o Sporting Lucense ocupara postos de descenso directo con 35 puntos.
Pola súa parte, o Friol superou pola mínima ao Ferreira no Baliño. Foi un encontro duro e intenso que se decidiu na segunda metade cun único gol. Foi o marcado por Santi Vázquez. O ’10’ friolés estivo atinado no disparo dunha falta e marcou un bo gol que significou finalmente a vitoria para os seus.
- Calendario Guntín:
Guntín – San Roque
Chantada B – Guntín
Río Sil – Guntín
Guntín – Friol
- Calendario Friol:
Friol – Corgo
Paradela – Friol
Friol – Chantada B
Guntín – Friol
*En negriña os partidos contra rivais da zona alta
Nun encontro no que o Ferreira competiu ben pero non puido cortar a mala xeira de resultados. Acumula seis partidos sen gañar. Está na terceira posición con catro puntos máis que a Mila (sexta) e cinco máis que o Becerreá (sétimo cun partido menos).
Na cuarta posición segue o Paradela. Queda con 45 puntos, a tres do Ferreira, un máis que o Oural e a Mila e dous máis ca o Becerreá (un partido pendente de xogar).
Terceira vitoria seguida do Oural
O Oural está metido de cheo na loita pola promoción. Marca a zona de play off con 44 puntos.
Superou ao Lemos B nun partido que comezou igualado. Ao descanso o resultado era de 0-0. Non obstante, no segundo tempo o equipo do Luis Pallin foi superior e gozou de numerosas ocasións. Marcou tres goles e encara a recta final nun bo momento de forma.
A Milagrosa segue na loita pola promoción logo de vencer con claridade no derbi capitalino ao San Roque. Foi unha primeira metade igualada na que non houbo grandes ocasións.
Na segunda, Joel Vasco rompeu o partido en dez minutos marcando tres goles. Dous de cabeza e un de vaselina foron as súas credencias na súa gran tarde goleadora da temporada. Felipe culminou o resultado cun tanto máis na recta final.
Semana clave nas aspiracións do Becerreá
O Becerreá segue dependendo de si mesmo para entrar na zona de privilexio. Venceu ao Río Sil e está a un punto do Oural e a dous do Paradela. Precisamente este sábado xoga co equipo de Sarria. O mércores ás 21h recuperará o encontro pendente co Lemos B.
A esta semana clave, o Becerreá vai chegar despois de vencer ao Río Sil na Carqueixa. Adiantouse o equipo da Montaña cun gol en propia. Os locais tiveron un par de boas opcións para empatar, pero Álex realizou unha boa actuación baixo paus.
Costoulle sentenciar o Becerreá no segundo tempo. Non foi ata a recta final cando Kevin logrou o segundo tanto.
Oitavo clasificado segue o San Lázaro pero máis afastado da zona de play off. Queda a sete puntos, a falta de doce por xogar. Perdeu no Catro Ventos ante un Carballedo que segue aumentando as súas esperanzas de salvación.
É que o equipo de Rodrigo Amarante lograría a permanencia nestes momentos estando na antepenúltima posición. Iso sería posible se só un arrastre da Primeira Rexional cae para o sur.
Foi un encontro con ocasións para ambos, con máis dominio do San Lázaro principalmente no primeiro tempo. Pero o partido decidiuse ao final. O central Víctor logrou o único tanto do partido para os locais.
Na novena posición está o Sporting Lucense que superou ao Brollón. Dous equipos que a priori xa teñen asegurada a súa permanencia na categoría.
Ao pouco máis do cuarto de hora, o Lucense xa gañaba 2-0 no Rodríguez Lago. Dúas boas accións dos atacantes rivais aproveitándose da situación posibilitaron os goles.
Recompúxose o Brollón que se achegaba a área rival sen rematar as ocasións. Con todo, antes do descanso Rivera recurtaba diferenzas.
Tourón, Damián ou Miguel Casanova puideron facer o empate pero non o conseguiron desta vez. O equipo dos Medos é 11 con 32 pts. Entre Sporting e Brollón está o San Roque con 34 pts.
Na décimo segunda posición, e deixando a catro equipos por baixo, esta o Chantada B. Conseguiu un importante triunfo ante o Corgo que case lle asegura a súa continuidade na división.
O Corgo tivo as súas oportunidades e chegou a poñerse por diante. O filial chantadino empatou e os locais quedaron cun menos por expulsión. Nos últimos intres de encontro a SD levou os tres puntos.
Tivo un gran papel no encontro o gardamallas chantadino Álex Porto. O porteiro deixa a entidade momentaneamente por motivos laborais que o levan a Alemaña.
Na cuarta posición por abaixo está o Lemos B que lle quita cinco puntos ao Carballedo. A catro do Carballedo está o Río Sil e con catro menos o Corgo. Veremos se finalmente son dous ou tres os equipos que teñan que descender.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-7.png)
PARTIDAZOS DA XORNADA QUE VÉN:
- Becerreá – Oural (sáb. ás 16:00h: duelo directo por entrar no play off)
- San Lázaro – Ferreira (sáb. ás 18:00h: última oportunidade do San Lázaro de achegarse á zona alta ante un Ferreira que trata de manter o 3º posto)