Os máxicos volveron ao verde logo do parón do Entroido. Velaquí o mellor resumo da xornada!
Taboada 2-0 Monterroso: o Taboada se adiantou no primeiro tempo por medio dun balón parado ante un Monterroso que tratou de levar o peso do xogo pero non creo ocasións claras. Na segunda metade, os visitantes buscaron o empate, pero os locais estiveron moi sólidos en defensa e conseguiron facer o 2-0 definitivo nun bo contragolpe que deixou os tres puntos na Medela.
Santaballés 2-3 Chantada Atlético: partido moi divertido na Liga. O Santaballés foi quen de adiantarse, pero un Chantada Atlético moi acertado de cara a porta conseguiu remontar e poñer o 1-2. O empate dos locais chegaria antes do descanso desde os once metros e, logo dunha segunda parte moi igualada, os visitantes fixeron o definitivo 2-3 no 89′.
Castro 1-2 Outeiro de Rei: os visitantes remontaron o derbi no segundo tempo. Os locais foron mellores na primeira metade, na que conseguiron o 1-0 e estiveron preto de ampliar a diferenza con varias ocasións. Porén, o Outeiro foi quen de dar un paso adiante tras o descanso, ao cambiar o sistema e ser máis ofensivos. Redondo empatou o choque e Dani Díaz culminou a remontada logo dunha gran transición. A anécdota da xornada foi este último tanto, pois Dani Díaz nunca anotara gol no Arturo Pereiro como xogador do Castro (estivo moitas temporadas no club vermello), e fixo o seu primeiro gol nese campo cunha camiseta distinta!
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Antas 0-1 Pol: debut con victoria de Cholas e Nanito á fronte da SD Pol. Os locais competiron ben, pero un gran gol de Gerardo desde fóra da área ao comezo do primeiro tempo inclinou a balanza a prol dos visitantes. O choque estivo marcado polo xogo directo e o Pol tivo varias opcións para sentenciar no segundo tempo, pero os locais tamén tiveron as súas opcións con accións de balón parado preto da área rival. Finalmente, o marcador non se moveu.
Lourenzá 1-1 Foz: foi superior o Lourenzá ante un Foz que se adiantou na matinal do domingo. Porén, os locais lograron o empate no segundo tempo e estiveron a piques de remontar o partido, pero a sorte non estivo do lado dos da Santa Cruz. Ao final, reparto de puntos no derbi que soubo mellor para os focenses.
Pastoricense 0-3 Xove Lago: o Xove sacou tres puntos de ouro do Acebreiro. Tras vinte minutos igualados, os mariñáns deron un paso adiante e conseguiron dous goles derivados de imprecisións defensivas dos locais. O Pastoricense non lle perdeu a cara ao partido, pero o Xove sentenciou o choque mediado o segundo tempo, 0-3 para dar un paso adiante na procura da permanencia.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Sporting Pontenova 2-4 Riotorto: logo dunha primeira parte insulsa, o Riotorto comezou moi ben o segundo tempo e Coedo firmou dous tantos en cinco minutos. Os locais non se renderon e conseguiron o empate a 10′ do final. Porén, os visitantes apretaron co 2-2 e conseguiron dous goles máis na recta final que lles servirán para sacar os tres puntos ante un Sporting que quedou desquiciado coa actuación arbitral na recta final.
SD Chantada 2-0 San Ciprián: o Chantada levou o peso do xogo ante un Sanci ben replegado. Logo de varias ocasións, os locais conseguiron o 1-0 nun balón parado antes do descanso. Os mariñáns acumularon xogadores en última liña no segundo tempo, competindo de ti a ti contra unha boa SD e tendo dúas opcións claras para empatar, pero nos últimos intres Kadete puxo o 2-0 para tranquilidade de todos no Sangoñedo.
Burela 1-3 Atlético Escairón: partido condicionado polo típico vento da Marosa. Os visitantes, co vento a favor, foron quen de facer dous tantos que deixaron moi tocado ao Burela antes do descanso, ademais de gozar de máis ocasións que non acertaron. De novo impulsados polo aire, os mariñáns aproveitaron o segundo tempo para recurtar diferenzas cun gran gol desde fóra da área e de pechar aos visitantes no seu campo. O Escairón, aínda así, resistiu as estocadas locais e conseguiu sentenciar o choque nun contragolpe, 1-3 na Marosa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/02/Maxicos-2223-2.jpg)