#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Cazás e Seixosmil, 19 goles e subindo

A 20ª xornada da Segunda Rexional incrementou a conta goleadora de Cazás e Seixosmil. Os dous dianteiros do grupo norte son os máximos goleadores da categoría con 19 tantos.

Quedan 30 puntos en xogo; o Meira afianza o liderado no norte e o Guntín e o Ferreira seguen pegadiños no sur. O Cospeito perdeu logo de dezasete partidos e o Friol retomou o camiño da vitoria. Contámolo en #ONoso11AChaira.

Na zona norte, o Meira segue na cabeza cunha renta de catro puntos sobre o Folgueiro. O equipo preparado por Ramón Labrada superou a un dos conxuntos que máis en forma estaban no grupo, o Guitiriz.

O resultado pode ser abultado polo visto sobre o terreo de xogo da Lomba, pero é incontestable a 14ª vitoria do Meira. O Guitiriz tivo ocasións na primeira metade principalmente nas botas de Tanketín (con balón ao pau incluído). Pero os locais, ben plantados e aproveitando tamén algún erro rival, marcharon cun 3-0 ao descanso.



Tentouno o conxunto guitiricense logo do tempo de lecer pero foi o Meira quen conseguiu o cuarto. Dobrete para Kevin e outros dous para Seixosmil que xa axumula 19 na temporada. Os visitantes só puideron marcar o gol da honra da autoría de Labrada.

O Folgueiro volveu ao camiño do triunfo ante o Castro B para non perder ‘comba’ co líder. Ademais gaña vantaxe con respecto aos inmediatos perseguidores; tenos agora a cinco puntos.

Foi un encontro con poucas ocasións en Boa Vista. Non obstante, unha vez máis a efectividade local foi determinante para conseguir o 12º triunfo da campaña.



O Iberia irrompe con forza no play off

Se a semana pasada o Iberia conseguira volver aos postos de promoción de ascenso, esta sobe ata o 3º posto (empatado a puntos co Cospeito). Queda a nove do liderado, acumula sete partidos sen perder e os últimos catro cóntaos por triunfos. O próximo domingo hai partidazo. Recibe nas Valgas ao Folgueiro (17:00h).

A pasada finde derrotou ao Roupar. O partido púxose moi rápido a favor do Iberia. Nos primeiros minutos os de José Manuel xa marcaran dous goles. E a media hora chegou o terceiro. Antes do tempo de lecer o Roupar meteuse no partido co gol de Álex Fresco.

Non obstante, o cadro visitante non deixou dúbidas no segundo tempo e volveu ampliar as diferenzas. Nos últimos intres, Esteban maquillou o resultado para os locais con outro gol.

O Cospeito agora é cuarto despois de perder tras dezasete xornadas sen facelo. Dende setembro non coñecía a derrota. Foi o Cabreiros quen o venceu. En quince días foi quen de empatarlle ao Meira e gañarlle ao Cospeito.

Foi unha primeira metade igualada sen grandes ocasións na Cea. No primeiro cuarto de hora do segundo tempo os locais conseguiron os dous tantos da vitoria. Ambos foron da autoría de Sergio Cazás que segue incrementando a súa conta goleadora. Acumula 19 tantos no que vai de liga.



Intentouno o Cospeito cun xogo máis directo pero o Cabreiros defendeuse ben e os visitantes non estiveron acertados.

O Guitiriz baixou á quinta praza (a un punto do 3º e do 4º) e queda a dez de distancia da cabeza da clasificación. Cos mesmos puntos está o Muimenta sexto.

O equipo de Basi recuperouse da dura derrota en San Miguel de Reinante e superou pola mínima ao Fonsagrada. Os locais impuxeron a súa lei no Pichón. Controlaron o encontro aínda que lles custou atoparse co gol.

Foi no segundo tempo, a través dun penalti, como o Muimenta se puxo por diante. O Fonsagrada non inquietou en exceso a portería defendida por Cancio.

Partido tolo no Rodríguez Lago: Comercial 5-4 Candelaria

Na sétima posición mantense a Candelaria pero queda máis afastada da promoción ao caer coa Comercial nun partido de nove goles. O cadro da Rúa queda a catro puntos do play off.

A Candelaria chegou a ter unha diferenza de dous goles de vantaxe pero non foi quen de controlar o encontro. Os locais sobrepuxéronse ao marcador en contra ata en tres ocasións. Brandán e Arturo lucíronse con cadanseu dobrete e Fran no saque dunha falta asinou un gran gol.

Sete equipos en catro puntos: fuxir dos posibles arrastres

O grupo norte está fragmentado nestes momentos en tres grandes grupos. A parte alta da clasificación (que tería tamén o seus subgrupos), a zona media-baixa e a zona de descenso.

Na zona media baixa hai sete equipos que están en catro puntos. A promoción de ascenso está lonxe e agora mesmo o que máis preocupa é o medo a pasar apuros por mor dos arrastres.

O que lidera esta semana esta zona é o Xermade. Chega aos 25 puntos ao vencer ao Alfoz (que ten un punto menos na clasificación). O conxunto alfocense comezou mellor e marcou o primeiro gol ao pouco de comezar.

O Xermade logrou recompoñerse e igualou antes do descanso. No segundo acto marcaría o gol da vitoria.

Ao Alfoz séguelle na clasificación o Castro B cos mesmos puntos. Con 23 o trío formado polo Cabreiros, a Comercial e o Roupar. Con 21 puntos, na terceira posición por abaixo, queda o Fonsagrada. A próxima finde dous duelos directos: Fonsagrada – Roupar e Castro B – Comercial.

O Celta Barreiros derrota ao Goiriz e déixao só no descenso directo

Os dous últimos clasificados do grupo enfrontáronse na pasada xornada. Triunfo contundente do Celta Barreiros que deixa ao equipo vilalbés no posto de descenso directo con catro puntos de diferenza (a maiores o cadro de Barreiros tamén ten ao seu favor o gol average).

O Goiriz comezou mandando no marcador por medio dun balón parado. Pero máis tarde os visitantes puxéronse mans á obra e remontaron o partido. Destacou a actuación goleadora de Isma. Marcou tres dos catro goles dos seus.

O Guntín e o Ferreira manteñen o ritmo na cabeza do grupo sur

Na zona sur, o Guntín segue como líder despois de vencer ao Carballedo. Sumou a 14ª vitoria da temporada, ao igual que o Ferreira que continúa segundo cun punto menos na táboa.

O Carballedo realizou un bo encontro ante o primeiro clasificado que terminou impoñendo a súa lei. De feito, os de Rodrigo Amarante foron quen de adiantarse no marcador por medio dun gol de Monchito. Ambos conxuntos tiveron ocasións ata que xusto antes do descanso Quiñones empatou para o Guntín.

No segundo tempo pasou practicamente de todo. O Guntín marcou o segundo grazas a Debasa. Logo entrou en xogo a polémica arbitral. O cadro visitante marcou o terceiro de penalti e o Carballedo quedou con dous xogadores menos por expulsión.

O Ferreira venceu pola mínima ao Sporting Lucense no Rodríguez Lago. Os locais puideron conseguir un resultado mellor pero os de Pantón mantivéronse firmes cun gran Víctor baixo paus.

Na terceira posición está o Friol que se reencontrou co triunfo logo de tres xornadas sen gañar. Venceu nun duelo directo á Milagrosa. O cadro friolés queda a sete puntos da cabeza e con cinco puntos de diferenza sobre o sexto clasificado que é precisamente a Mila.

Os ataques foron mellores que as defensas no Luis Gorgoso. Os locais foron quen de poñerse por diante por medio dun gol de Felipe. Con todo, rapidamente o Friol deulle a volta ao marcador e púxose 1-3.

Ao comezo da segunda metade, puido a Mila volverse meter no partido pero o disparo de Anxo petou no pau. Os visitantes controlaron o xogo e marcaron o cuarto gol. O segundo gol local xa chegou no tempo extra.

Na cuarta posición está o Becerreá que empatou co San Lázaro. Queda a tres puntos do Friol pero hai que lembrar que ten un partido menos (o que xogará co Paradela o martes de Entroido).

O encontro estivo igualado e ningún dos dous equipos estivo moi acertado. O San Lázaro queda a cinco puntos dos postos de promoción e terá nesta finde un partido directo coa Milagrosa na loita polas posicións de privilexio.

O Oural aférrase a promoción e logra a primeira vitoria do ano

O Oural non sabía o que era gañar logo do parón de Nadal. A pesar de acumular cinco partidos sen sumar de tres, o bo facer no primeiro tramo da competición mantíñao en postos altos. Derrotou ao Corgo e é 5º cun punto de marxe sobre a Milagrosa.

Neste caso no Luis Pallín os locais non deron opción a sorpresa. Mostráronse superiores e sérvelles para recuperar sensacións. Este sábado xogan co Paradela que tenta achegarse ao seu posto de privilexio.

Cabanelas deixou de ser a semana pasada adestrador do Río Sil

O Río Sil busca adestrador

Precisamente, a seis da promoción e cun partido menos, atópase o Paradela no oitavo posto da táboa. Derrotou ao Río Sil e tamén sumou o seu primeiro triunfo en 2023. Levaba seis partidos sen gañar tendo en conta que ten un pendente co Becerreá.

No primeiro tempo, o Paradela tivo ocasións e foi superior. Na segunda parte, o gol do Río Sil meteunos no partido e incluso puideron chegar a empatar. A falta de acerto volveu condicionar o cadro da Carqueixa.

Xa sen Cabanelas aos mandos dende a semana pasada. O club busca novo inquilino para o banco mentres son os xogadores os que preparan a semana. Este sábado teñen un partido importantísimo no Sangoñedo ante o Chantada B.

O San Roque e a estratexia

Na zona media, o San Roque trata de non quedarse cortado na clasificación e mirar cara arriba. Empatou ante o filial da SD Chantada que está na cuarta posición por abaixo. Hai sete puntos de distancia entre eles. A promoción para o cadro de Montirón está a nove.

A estratexia saíulle moi ben aos de Diego Díaz nada máis comezar o partido. Turri sacou dende o recanto e Sito rematou a gol. O 48% dos goles nesta campaña do San Roque foron a balón parado.

Os locais non acabaron de matar o partido e deixaron con moita vida ao filial que xa avisou antes de chegar ao descanso. No segundo tempo, volveu ter o San Roque oportunidades para sentenciar. Non marcaron e o Chantada B empatou.

Na zona media-baixa, o Lemos B e o Brollón presentáronse ao seu duelo empatados na clasificación e seguen igualados logo de finalizar o seu partido 2-2. Foi un encontro moi desputado, con expulsados e cun gran ambiente na bancada do Luis Bodegas nun choque de proximidade.

No primeiro tempo foi expulsado o adestrador do Brollón, Chura e tramén un futbolista do filial lemista, Javi. Nese primeiro acto Nico adiantara aos seus nun erro defensivo do Brollón. Nunha contra Maza empatara.

Na segunda parte, Nico volveu marcar para o Lemos B logo dunha xogada a balón parado. A partir de aí dominio do Brollón que empatou por medio de Castañer.

Cazás e Seixosmil, 19 goles e subindo

O Racing Vilalbés B cede os seus

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *