Futbolinlugo estrea o oitavo capítulo de Sesión Plenario. A oitava eliminatoria cruzou ao presidente da SD Antas (que vive a súa primeira temporada sen ser xogador do fútbol sénior), Eloy Buján ‘Koeman’ co dianteiro do Xove Lago Diego Chao. O concurso estivo moi igualado e por segunda vez na temporada houbo que acudir a unha rolda extra para coñecer o gañador.
Polo momento xa hai oito clasificados para a seguinte rolda do espazo que entretén e difunde o fútbol da provincia. A Mariña é polo momento a zona xeográfica que máis participantes ten nos oitavos de final.
O dianteiro Kiños do Folgueiro, o delegado Manu do Burela e o atacante Antón Teijeira do Iberia son tres dos que xa accederon de rolda. Isaac Rouco e Tucho representan á Terra Chá.
Pola súa banda, David Rodríguez e o Chapu deixan quedar ben a Portomarín. Ademais de representar por todo o alto ao mundo da arbitraxe e das directivas, respectivamente.
Por Sesión Plenario pasaron xa xogadores, integrantes de corpo técnico, directivos e afeccionados. Seguimos insistindo en que calquera persoa á que lle guste o noso fútbol pode participar. Botamos en falta a mulleres que se animen a probar sorte coas preguntas.
A participación en Sesión Plenario aínda está aberta. Quen estea interesado debe mandar un correo a futbolinlugo@gmail.com co asunto SESIÓN PLENARIO. Quedan as últimas prazas libres. En total serán 28 concursantes nesta primeira temporada.
Concursantes na repesca (xogaranse dúas prazas para os oitavos de final):
1. Lourido, xogador do Meira
2. Víctor Valiño, futbolista do Relámpago Taboada
3. Sotogol, xogador do Celta Barreiros
4. Samu López, futbolista do Racing Villalbés B
Esta sección conta co apoio imprescindible de Plenario Veiga. O xerente de Discoteca Hermo e Bar Tibor (patrocionadores principais deste espazo) tamén colabora no concurso para avaliar as respostas dos participantes.
O redactor Iván Calaza foi o encargado de presentar esta oitava Sesión Plenario que contou tamén coa presenza do propio Plenario Veiga.