A oitava xornada da Segunda Rexional volve poñer de manifesto a igualdade na zona sur. Logo do liderado exclusivo do Oural a semana pasada; desta volta Friol, Paradela e o propio Oural igualan na cabeza. Na zona sur, o Meira sufriu pero continúa marcando o ritmo. Os detalles contámolos en #ONoso11AChaira co patrocinio de Deportes A Chaira.
Na zona norte, o Meira segue en cabeza a pesar de que a Candelaria ofreceu moita batalla na Lomba. De feito, o partido resolveuse nos últimos minutos.
Púxose por diante o cadro da Rúa, o Meira remontou pero os de Abel aínda conseguiron igualar. Cun gol de Iago (marcou dous en total) a balón parado os locais conseguiron os tres puntos. Suman vinte puntos en total e seguen sen perder no que vai de campaña.
Tampouco encaixou ningunha derrota no que vai de curso o Roupar que regresou a segunda posición. Duelo da zona alta o que se viviu no campo O Novo entre o Roupar e o Alfoz. Os locais colleron vantaxe de dous goles na primeira metade. O Alfoz marcou un no segundo tempo e apertou no último tramo de encontro, pero non logrou a igualada.
O Muimenta queda agora na 3ª praza ao ver cortada a súa xeira de tres vitorias seguidas ante un Guitiriz que se achega ao play off.
Necesaria vitoria do cadro guitiricense ante un Muimenta que estaba á alza. Na primeira metade non houbo goles. Na segunda os visitantes estiveron acertados e marcaron tres.
O primeiro foi obra de Suso que tiña a idea de poñer un centro pero o seu lanzamento acabou sendo un chut envelenado que se convertiu nun gran gol. No segundo tanto interviu Labrada cun balón interior que deixou a Diego practicamente só ante o porteiro. No tramo final, Jaba redondeou o resultado ao transformar un penalti.
Na 4ª e na 5ª praza empatan a puntos o Iberia e o Folgueiro. Ambos sumaron de tres na pasada fin de semana.
O Iberia fixo unha gran primeira parte en Cabreiros e marchou ao tempo de lecer cun 0-3. Ao inicio do segundo tempo, os locais marcaron por medio de Marcos.
Non obstante, non se deu o arreón do Cabreiros e chegou o cuarto dos visitantes. O extremo Dani Prieto, convocado no II All Star Futbolinlugo, foi autor de dous goles e realizou un gran encontro.
Pola súa parte, o Folgueiro venceu na casa a un Xermade que pasa por un momento de baixón en canto a resultados. O equipo preparado polos irmáns Pena sumou a súa terceira derrota seguida.
No primeiro acto dominaron algo máis os do Vicedo. No segundo tempo os visitantes xeraron perigo e tentaron o empate, mais non deron feito.
O Cospeito medra na táboa a base de non perder pero séguelle condenando a falta de acerto. Está na metade da táboa logo de empatar na súa visita ao Celta Barreiros. Partido igualado no Cascabeiro onde os locais tentaron anular a boa saída de balón do Cospeito.
Adiantáronse os visitantes nunha xogaba a balón parado, nun saque de esquina lanzado por Cancio e rematado por Permuy. Máis tarde os locais conseguirían empatar e o marcador non se volvería mover.
Por outra parte, quen si medra na táboa a base de vitorias é o Castro B. Custoulle comezar a sumar de tres pero xa leva tres triunfos consecutivos. Desta volta, venceu no Ventiño a un Goiriz que continúa sen gañar.
Foi un encontro trabado no que o Goiriz conseguiu marcar dous goles nun partido por primeira vez na tempada. Aínda así, tivo máis acerto o filial vermello (2-3).
Na zona media baixa, conseguiu vitoria o Fonsagrada. Bo rendemento dos de Nico a domicilio ante a Comercial. De entrada os locais semellaba que ían estar condicionados pola ausencia dos seus porteiros.
Pero Juan asumiu as responsabilidades baixo paus e realizou unha gran actuación, a pesar dos tres goles encaixados. Dous deles marcoullos Pedro, un dos destacados do conxunto fonsagradino.
Na zona sur, logo dunhas xornadas volve o trío á cabeza; aínda que non cos mesmos integrantes. En primeira posición sitúase o Friol que superou ao Oural no Luis Pallín (outro dos equipos que encabeza a táboa con 17 puntos). Ao descanso chegouse con empate.
Non obstante, o encontro decidiuse nos últimos minutos. Aí foi cando o Friol conseguiu dous goles case consecutivos. Os locais aínda maracarían un segundo gol pero non houbo tempo para máis.
Entre o Friol e o Oural, está tamén con 17 puntos o Paradela. Quinta vitoria da temporada para os de Rubén Bergantiños que lle gañaron no Catro Ventos ao Carballedo. Cando os visitantes abriron o marcador, controlaron o partido e apenas sufriron.
Na cuarta posición queda agora o Guntín, a dous puntos do trío de líderes. Empatou a domicilio ante un Becerreá que ocupa a 8ª praza. Non houbo goles e tampouco foi un partido con moitas ocasións. Porén, nos últimos intres os tres puntos puideron caer para calquera dos dous conxuntos.
No 5º posto, o que marca a zona de play off, sitúase o Ferreira. Os de Pantón enlazaron o seu terceiro triunfo seguido nun encontro sufrido ante o Corgo. No Ferreira volveu ser protagonista Diego Blanco. O defensa estase convertindo tamén nas últimas xornadas nun referente goleador e marcou dous goles que permitiron a remontada.
Achéganse ao play off o San Lázaro e a Milagrosa. Ambos equipos venceron a pasada fin de semana nos seus partidos, teñen 13 puntos e están a un do quinto posto. Por unha banda, o San Lázaro impúxose na súa visita á Carqueixa ao Río Sil. Máxima efectividade dos pupilos preparados por Diego Rey para marcar tres goles e non darlle opción aos locais.
A Mila derrotou pola mínima ao filial dun Lemos que non acaba de afacerse a nova categoría. Antón de cabeza marcou o único tanto do partido logo dún saque de curruncho. Os capitalinos quedaron cun menos no segundo tempo debido á expulsión de Marco. Iso obrigou a que a Mila dera un paso atrás para manter o marcador e tentar ampliar vantaxe á contra.
Na metade da táboa sitúase o San Roque que conseguiu a segunda vitoria seguida. Foi ante o Brollón onde logrou o seu primeiro triunfo na casa. Os locais abriron o marcador no ecuador da primeira metade por medio de Emilio. E no ecuador da segunda chegou o segundo gol autoría de Diego.
Tamén o Sporting Lucense sacou os tres puntos ante o Chantada B nunha mala xornada para os equipos da zona baixa.