Regresou a Terceira Rexional logo dunha fin de semana de parón. A sexta xornada da competición reafirma o liderado no norte do Racing Club Villalbés B que ten novo compañeiro nas prazas de ascenso directo.
Pola súa parte, ao igual que acontece na Segunda Rexional, tres equipos lideran agora a táboa no grupo sur: Rubián, Palas e Castroverde.
Grupo Norte
O Racing B volve golear para seguir líder ante a Comercial B (6-0). Os locais saíron ben metidos no encontro ante un rival que propuxo moito xogo directo. Xa avisaran os racinguistas antes de que aos vinte minutos Dani adiantara aos seus a saída dun córner.
Os locais seguiron xerando ocasións e a Diego Ferreiro deulle tempo de marcar un dobrete antes do descanso. Un dos goles reseñable polo seu bo disparo dende fóra da área.


Xa no segundo tempo púxose de manifesto a boa actuación do porteiro visitante, a pesar de encaixar seis goles. Paroulle un penalti a Carlos. Non obstante, logo si volveu marcar Ferreiro de penalti para conseguir o seu hat-trick (leva dez goles en seis xornadas). Diego López e Carlos completaron a goleada.
O Catro Roldas faise coa segunda posición na súa visita ao Mondoñedo (0-3). Era unha das grandes citas da fin de semana. Duelo alto na zona norte da Terceira. E foi o Catro Roldas o que conseguiu unha importante vitoria a domicilio ante o Mondoñedo para roubarlle momentaneamente a praza que ocupaba de ascenso directo e provocar a súa primeira derrota do curso.
O equipo de Román dominou a maior parte do encontro. A media hora de xogo adiantouse no marcador por medio dun remate de cabeza de Bochi tras centro de Moha. Tiveron algunha oportunidade máis os amarelos, pero tamén os locais puideron empatar, por exemplo nunha ocasión que petou no pau.

No segundo tempo, Moha aumentou a vantaxe cun remate acrobático que xa saíu na televisión. Pouco despois, non se quedou atrás o gol de Samuel Orosa para pechar a conta. Xogada individual de fóra cara dentro para enviar o balón a onde non puido chegar o gardamllas local.
O Rioaveso mantén a cuarta praza a pesar de descansar esta xornada.

O Cazás é quinto ao derrotar pola mínima ao Nuevo Nausti (2-1). O cadro visitante tivo boas ocasións para abrir o marcador no primeiro tempo. Non obstante, atopouse coa boa actuación de Fernando que realizou, polo menos, tres boas paradas.
No segundo acto, o dominio cambiou e foi o Cazás quen si estivo acertado de cara a portería. Juan anotou dous bos goles. O Nausti recurtou distancias xa nos últimos intres a través dun penalti.
O Friol B marca a zona de play off logo de gañar a un Matela que segue sen coñecer a vitoria (4-0). O partido comezou igualado, aínda que os locais adiantáronse cedo no marcador. O Matela quedou cun menos antes do descanso pero o resultado non se movería ata o tramo final de xogo, onde o filial sentenciou con tres goles máis.

O Abadín vai cara arriba a costa de golear ao Celeiro (5-1). Non entrou ben o conxunto visitante no partido xogado no Municipal de Abadín. Ao descanso o resultado xa era de 5-0. Máxima efectividade dos locais que xa se adiantaron no minuto catro por medio de Noé. O propio Noé marcaría un máis, Carra outro dobrete e Vicente pecharía a conta nos primeiros corenta e cinco minutos.
No segundo acto mellorou o cadro viveirense, chegou a marcar un gol a balón parado pero a distancia xa era practicamente insalvable. Os locais tiveron algunha oportunidade máis para completar o seu bo partido.

Grupo Sur
O Rubián encabeza o trío de líderes logo de superar ao Sober (2-1). O equipo preparado por Senén conseguiu o seu cuarto triunfo na liga ante un Sober que queda a catro puntos da fase de ascenso.
O Palas apunta alto logo da súa terceira vitoria seguida ante o Quiroga (1-2). Comezaron mellor os locais no San Martiño e conseguiron abrir o marcador. O Palas dominou os últimos minutos antes do descanso e conseguiu un gol clave para marchar aos vestiarios con empate no marcador.
Tentouno o Quiroga tamén no segundo tempo pero foi o Palas o que conseguiu o gol do triunfo.
O Castroverde perde a súa condición de líder en solitario ante un Santa Comba que se achega ao play off (5-1). O Santa Comba botou man das transicións ofensivas rápidas para adiantarse no marcador ao cuarto de hora de xogo. O Castroverde empatou cun gran gol de Marcos Gemelo e puido lograr algún tanto máis. O gardamallas Javi realizou unha gran parada logo dunha falta directa.
Nun erro defensivo dos visitantes, o Santa Comba volveu poñerse por diante antes do descanso. No segundo tempo, os locais ampliaron vantaxe con tres goles máis. Luciuse Jorge, o dianteiro anotou catro goles.
O Incio ocupa a quinta praza logo de vencer con claridade ao Relámpago Taboada (7-1)

O Taboada B marca a zona de play off despois de golear ao Bóveda (8-1). Ao filial cústalle entrar nos partidos, pero aínda así púxose por diante. O Bóveda logrou empatar, pero a partir de aí os locais melloraron. Moitas ocasións e sete goles máis. Tres foron da autoría de Pita e dous de Pampín.
O Páramo e o Monterroso B empatan e afástanse momentaneamente do play off (1-1). Non houbo moitas ocasións no Páramo 1-1 Monterroso B, pero as que houbo si foron boas oportunidades de gol. Adiantouse o filial mediado o primeiro acto. Yoni foi o encargado de inaugurar a conta. Nun deses momentos clave do partido foron quen de empatar os locais, xusto antes do descanso.
Na segunda metade, o resultado puido ser favorable a calquera dos dous coxuntos. Pero ningún estivo atinado de cara ao gol. Yoni tivo a máis clara para o Monterroso B nunha acción invidual cuxo disparo se marchou un pouco longo. O partido rematou coa expulsión do porteiro Sergio Cid, que realizara un gran encontro.