Xa temos un novo lucense emigrado. Trátase do vilalbés Ángel Fraga, que é novo xogador do AD San Juan de Pamplona de Segunda RFEF. O exgardamallas do Racing marchou a terras navarras por motivos laborais e aproveitará a súa estadía para seguir xogando ao fútbol.
Unha categoría máis abaixo, o Viveiro vén de anunciar a sorprendente contratación do dianteiro Jerome-Eros. Atacante hispano-alemán que marcou oito goles no Peña Deportiva balear no seu primeiro ano sénior. Seguindo con fichaxes exóticas, o Lemos apuntalou a súa zaga con Gallas. Un central senegalés con pasado na UD Ourense.

Xa na Primeira, contamos con múltiples noticias. A SD Chantada sumou a filas ao lateral esquerdo Anthony, procedente do Ferreira. Os veciños do Atlético ficharon a Etham Coutado, xogador moi novo que chega desde o Atlético Escairón.

Pola súa parte, o Pastoricense renovou a Brais Iglesia e incorpora a Iago Goás, logo da súa experiencia en Castro. E no Burela, Brais Penelo vivirá o seu primeiro ano sénior aínda que leva xogando cos ‘maiores’ desde que estreou a idade xuvenil. Ademais, o noso Santi Real continúa unha campaña máis co Vista Alegre santiagués.


Por último neste Diario dun mercado, o Castroverde renovou ao incombustible capitán Richard e o PM Friol reforza a súa portería con María Alejandra Jaimes, gardamallas procedente do RU Tenerife de Reto Iberdrola e que chegou a adestrar co combinado español sub16.

