«Gañar o derbi soluciónache a temporada», escoitouse nalgún campo lucense da Segunda Rexional a pasada fin de semana. A xornada trouxo dous duelos municipais apaixoantes con vitorias para os equipos que ían por baixo na clasificación. Ademais a SD Becerreá consolídase como o equipo máis en forma da categoría.
No zona norte, subrgrupo 1A, o Celta Barreiros perdeu o liderado ao caer no derbi ante o Iberia. Os visitantes levaron a vitoria do Cascabeiro e quedan a catro puntos do eterno rival. Deste resultado aproveitouse o Cabreiros que se colocou no máis alto da clasificación. O conxunto xermadino gañou por goleada ao Mondoñedo. Seijo foi o gran protagonista marcando tres goles.
Na cuarta posición, en postos de loitar polo ascenso na 2ª fase, sitúase o Sanci. O conxunto preparado por Jaime Méndez conseguiu un importante triunfo ante un rival directo como o Xermade. Pola súa banda, a Candelaria gañoulle a partida ao Roupar e queda máis preto do cuarto posto.
Na zona norte, subgrupo 1B, o Meira abre distancias dende a cabeza da clasificación. Venceu con claridade en Abadín e a distancia co segundo clasificado é de seis puntos. O gardamallas Alberto continúa sendo o menos batido da zona norte. Esa posición é ocupado polo Cospeito, empatado con dez puntos co Muimenta. Ambos equipos do mesmo concello desputaron un apaixoante derbi que caeu en mans dos celestes. O Cospeito adiantouse antes do tempo de lecer. O Muimenta empatou no segundo tempo, os visitantes volvéronse poñer por diante e os locais culminaron a remontada cun golazo de Edu.
Na cuarta posición sitúase o Goiriz con oito puntos logo de igualar ante o Matela, rival directo nestes momentos. Por segunda xornada seguida, o Fonsagrada non puido xogar o seu partido. Desta volta foi por mor da presenza da neve na comarca fonsagradina que impediu que se disputara o duelo ante o Guitiriz.
Por outra banda, máis aló da competición, o conxunto guitirecense vive uns días de tristeza pola perda do seu presidente, Suso Lorenzo. Dende Futbolinlugo enviamos todo o ánimo do mundo á SD Guitiriz e aos seus achegados.
Na zona sur, subgrupo 2A, a SD Becerreá afianza o seu liderado mantendo o pleno de vitorias. O único equipo da Segunda Rexional lucense que conta os seus encontros por vitorias. Desta volta superou pola mínima á Milagrosa en Frigsa. Cinco puntos de marxe sepárano do Páramo que rencontrouse co triunfo na pasada xornada. Venceu pola mínima ao Santa Comba.
O Paradela é agora terceiro logo de caer ante o Corgo. Os pupilos preparados por Rubén Bergantiños chegaron mermados ao encontro. A situación complicouse coa lesión do gardamallas Eros. O Corgo realizou un gran partido e puido sacar tres puntos de suma importancia para estar moi vivo na pelexa por entrar entre os catro primeiros. Preto desa zona tamén queda o Antas que logrou o primeiro triunfo da tempada ante o Sporting Lucense, o equipo que ocupa o cuarto posto.
Na zona sur, grupo 2B, o Oural segue líder pero perdeu por primeira vez no curso. Caeu pola mínima ante o Ferreira que é quen o persegue agora na clasificación a unha distancia de dous puntos. Terceiro queda o filial do Chantada ao caer ante o Brollón (4º) nun encontro con cinco goles.
Pola súa parte, o Río Sil conseguiu os tres puntos pola mínima ante o Incio e queda preto dos catro primeiros postos. O Bóveda e o Quiroga igualaron a un gol. Neste grupo haberá xornada durante esta fin de semana de ponte festiva. Será o único dos grupos nos que haxa liga.