A Segunda Autonómica é a protagonista do fútbol provincial este fin de semana con dous derbis de rivalidade municipal. No grupo 1A, o Celta Barreiros e o Iberia disputan hoxe sábado ás 16:15 horas no Cascabeiro o agardado «Derbi das Praias«, e no grupo 1B o campo do Pichón acollerá o domingo ás 16:15 horas «O Noso Derbi» entre o Muimenta e o Cospeito.
celta barreiros – iberia: o derbi das praias.
Aínda que as condicións meteorolóxicas non serán as mellores agárdase un ambiente de gala no Cascabeiro. O último precedente, coas Valgas ateigadas de seareiros, pouco tempo antes do parón por mor do Covid-19, deixou á afección barreirense e mariñá con moitas ganas dunha nova edición do xa bautizado como «derbi das praias«.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/11/DSC_0696.jpg)
Ámbolos dous equipos chegan a este convite nunha moi boa situación clasificatoria. O Celta Barreiros é líder invicto. Cinco encontros e cinco vitorias para os pupilos dun Carlos Devesa, que se reencontrará co que foi o seu equipo ata o pasado verán. Co obxectivo de refrendar o liderato e dar unha alegría á súa afección afrontarán o encontro coas baixas por sanción de dous fixos na retargarda: Álvaro e Ferro.
O Iberia afronta o encontro desde a terceira posición, con sete puntos menos que o seu rival, pero cunha sensacións inmellorables neste comezo ligueiro. Despois dunha última temporada difícil, o club de San Miguel reforzou o seu cadro de xogadores e os resultados non tardaron en chegar, aínda que a renda de puntos sexa escasa para a boa imaxe amosada polos xogadores de José Manuel.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Falan do derbi os adestradores, amigos diante de todo, pero rivais no «Derbi das Praias».
CARLOS DEVESA (CELTA BARREIROS)
- O derbi. «Para nós, a priori, chega nun momento inmellorable despois de cinco vitorias consecutivas, pero nun derbi iso queda nun segundo plano. Os dous equipos quererán a vitoria e compiten cunha motivación extra».
- O Iberia. «Este ano teñen moi boa plantilla, que che pode pintar a cara en calquer momento. Por iso temos que saír ao campo como se foramos por detrás deles na clasificación e dalo todo no campo».
- A clave. «Temos algunha baixa importante, pero a maioría dos nosos xogadores xa saben como se gaña un derbi, e esa experiencia tamén axuda á hora de motivarse. Eles pola contra virán con gañas de devolvernos o golpe do último encontro nas Valgas».
- O ambiente. «É un partido para que os afeccionados disfruten e se acheguen ó Cascabeiro. A ve si volvemos xuntar esas seiscentas persoas nas gradas que nos fagan disfrutar do que seguro será un dos mellores derbis da provincia».
JOSÉ MANUEL (IBERIA)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
- Confianza. «Chegamos con moi boas sensacións, xogando moi ben ao fútbol. Somos un equipo moi divertido no campo, que transmitimos alegría nos partidos e a xente divírtese véndonos xogar. Sobre todo os xogadores teñen moita confianza porque ven que compiten en cada partido e ante calquera rival».
- A clasificación. «Creo que temos menos puntos dos que merecemos. Contra o Cabreiros e o San Ciprián merecemos gañar, pero xogando así os resultados chegarán. O ambiente no grupo é inmellorable, amigos dentro e fora do campo, e iso transmítese no campo cun equipo que é alegre e atrevido».
- O esforzo do club. «No fútbol non hai milagros. A melloría do equipo existe porque temos unha mellor plantilla. Fíxose unha remodelación respeto á última temporada. O club fichou xogadores de futuro, moitos deles que xa pasaran pola entidade en categorías inferiores e ben seguro que nun periodo moi longo de tempo este equipo dará moito que falar».
- O rival. «Son un equipo que leva pleno de vitorias. É moi difícil gañar cinco encontros consecutivos, polo que está claro que están facendo as cousas ben. Nós imos a polos tres puntos, con moita confianza e mentalidade gañadora e cun respeto máximo ao rival que é o líder do grupo.
Muimenta – Cospeito: o noso derbi.
A Terra Chá tamén poderá gozar doutro gran encontro. «O noso derbi», como xa se bautizou ao partido de rivalidade municipal entre o Muimenta e o Cospeito. Agárdase un moi ambiente nas gradas do Pichón.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2021/11/IMG-20211125-WA0034.jpg)
O conxunto local afronta o derbi logo de tres xornadas sen acadar a vitoria. As dúas vitorias nos dous primeiros encontros situaron aos de Basi na zona alta da clasificación, pero as derrotas diante de Fonsagrada e Meira fixeron que os do Pichón quedaran nunha meritoria cuarta praza con sete puntos. Tres máis ten o Cospeito. O equipo adestrado por Luis Romay postulouse como unha das serias alternativas ao liderato meirego, logo de acadar tres vitorias consecutivas nas que o equipo amosou unha gran imaxe.
Contamos coa opinión de José Cendán «Basi«, adestrador do Muimenta e Luis Romay, do Cospeito.
BASI (MUIMENTA)
- O derbi. «Gustaríanos chegar nun mellor momento, xa que vimos de perder puntos contra rivais directos e tamén contra o gran favorito que é o Meira. Non nos axudaron tampouco as lesións de xogadores importantes, pero as sensacións son boas e para estes encontros non é preciso motivar aos rapaces. Son eses partidos que todos queren xogar».
- O rival. «O Cospeito será un rival moi complicado. Xunto co Meira é candidato a estar arriba. Teñen xogadores novos con moi bo trato de balón que levan xogando xuntos desde xuvenís e coñécense moi ben.»
- O ambiente. «Ben seguro que haberá unha gran entrada no Pichón. A directiva está traballando moi ben para que se vexa o mellor ambiente posible con sorteos e algunha cousa máis. Non creo que nos axude a meteoroloxía, pero non será obstáculo para ver un bo número de afeccionados nun campo de categoría como é o Pichón».
LUIS ROMAY (COSPEITO)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
- Dous anos de espera. «Chegamos ao derbi con moitísimas ganas, logo de dous anos sen poder disputar partidos así».
- Optimismo. «Afrontamos o encontro con moi boas sensacións, malia o empate que cedemos na última xornada na casa co Matela. Vimos de catro partidos sen perder e recuperamos efectivos para un partido moi bonito, que tódolos xogadores queren disputar. Xa se viu durante toda a semana unha implicación extra nos adestamentos».
- O rival. «Será un encontro moi difícil. O Muimenta é un equipo que fai as cousas ben e que está realizando unha gran temporada con xente da casa. Sempre é un equipo ao que é moi complicado gañarlle e que compite ao máximo en cada encontro».
- A grada. «Agardo que se viva como é normal nun derbi, con moita intensidade e que se vexa unha gran entrada. Ogallá que os afeccionados de ámbolos conxuntos disfruten e o pasen o mellor posible no campo. Ademáis haberá un montón de sorteos durante o encontro polo que animo a que ninguén o perda».
A AXENDA
TERCEIRA DIVISIÓN
- Racing Vilalbés – Noia (Domigo ás 16 horas na Madalena): logo da xornada de descanso, os de Simón Lamas precisan dun triunfo para escapar da zona quente da clasificación diante dun Noia que conta don dous puntos menos que os chairegos.
PREFERENTE
- Foz – Ribadeo (Domigo ás 16 horas no Martínez Otero): derbi mariñán con moito en xogo. O cadro local precisa rachar a súa mala xeira para non quedarse descolgado na pelexa pola permanencia, mentres que o Ribadeo lastrado polas baixas tentará sumar tres puntos que os acheguen á zona de permamencia.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
- Taboada – San Lázaro (Domingo ás 16:15 na Medela): terceiro contra cuarto. Dous conxuntos que comezaron a temporada a un gran nivel. O que sume os tres puntos achegarase considerablemente á cabeza.
- Burela – Pol (Domingo ás 16:15 horas na Marosa): dous triunfos consecutivos auparon aos mariñáns na clasificación. Reciben a un dos favoritos. Os de Manuel Mourelos, a dous puntos do liderato, buscarán seguir invictos e recurtar diferencias co Castro.
SEGUNDA AUTONÓMICA
- Oural – Ferreira (Domingo ás 16:15 horas no Luis Pallín): o cadro local é lider invicto do seu grupo. Catro encontros e catro vitorias. Un comezo inmellorable que porá a proba diante dun Ferreira que logo do tropezo inicial suma tres encontros sen perder.