O PM Friol recuperou sensacións e intensidade no seu xogo defensivo e ofensivo ante o Mos (2-0). Un gol tempraneiro de Nere Lombardero e un postreiro de Yuki deixaron os tres puntos na Reigosa. As rapazas de Covi puideron conseguir un resultado máis abultado, especialmente nunha primeira metade salientable.
Aviso a navegantes do CD Lugo e outra xornada de empate para o pM Friol B
- Bergantiños 1-2 CD Lugo
- Orzán 3-3 PM Friol B
O Lugo deu un golpe sobre a mesa para afianzarse no liderado. Impúxose, con remonta incluida, no campo dun dos favoritos. O Bergantiños adiantouse antes do cuarto de hora nunha primeira parte de alternativas. Irene igualou no tramo final dese primeiro acto. As rapazas de Joaquín tocaron a tecla exacta no descanso e mandaron na segunda metade. No xogo e no marcador, co segundo e definitivo tanto de Irene.
Pola súa parte, o PM Friol B levou un punto da súa visita ao Orzán. A primeira parte foi de tolos, con ocasións para ambos bandos. E aí rexistrouse o 3-3 final. O cadro de Diego Vivero controlou mellor o duelo na segunda metade. Aínda que non puido pasar do empate a pesares de xogar a última media hora en superioridade numérica.

Jenny incendia o derbi da xornada e leire pon líder á milagrosa
- EF Lalín 1-2 Milagrosa
- San Roque 1-3 Bandeira
- Carballedo 1-5 Comercial
- Cruces 0-8 Chantada
- Touro 0-2 Monte Forte
A Milagrosa situase no liderado da categoría despois de vencer pola mínima e a domicilio ao Lalín. Dous goles de Leire, un en cada parte, fixeron posible a remonta no Anexo Manuel Anxo Cortizo. A xogadora branquivermella é a clara estrela do equipo dirixido por Héctor. A súa media de tres goles por partido propicia que Leire empece a ter xa moitas noivas. Os quince goles que leva nos cinco encontros disputados convértena no claro atractivo da categoría e unha das xogadoras a temer polos rivais. E a seguir por equipos de superior categoría.



Outro dos fenómenos da Segunda Galicia é a atacante da Comercial Jenny, autora de catorce tantos na presente campaña. Catro goles asinou no derbi ante o Carballedo. As de Iban Crespo non tiveron o seu mellor día ante un cadro vermello que mandou e resultou xusto vencedor. Un gol xusto antes do tempo de lecer puxo o 1-2 ao paso por vestiarios. E Jenny fixo o resto na reanudación.
Pola súa parte, o Chantada goleou ao Cruces con sendos hat tricks de Laura Rodríguez e Eva Piñeiro. As de Álex Cambeiro realizaron unha soberbia segunda metade nun partido sen historia. Ademais, o Monte Forte conqueriu un traballado triunfo fóra da casa con goles de Mougán e Moji. Por último, a melloría do San Roque é unha realidade. Xa non houbo goleada e as de Quiroga cederon nos corenta minutos finais froito do baixón físico que pegaron tralo descanso.

