O Viveiro xogará a vindeira temporada en Terceira. Desde a pasada xornada era un segredo a voces, pero era preciso ter o certificado de xeito matemático e o punto acadado diante do Ourense CF dictou sentencia. Non resultou doado diante dun conxunto que chegaba cos deberes feitos e que logrou adiantarse tres veces no marcador, pero outras tantas atopou a resposta dun equipo celeste disposto a lograr o seu obxectivo ao prezo que fora. Ao final 3-3, choiva de goles nunha tarde soleada en Cantarrana e delirio final de xogadores e afección.

Antes do comezo do encontro Pablo Rodríguez, ex xogador do Viveiro, C. D. Lugo e Racing de Ferrol entre outros, e agora asistente técnico do Vilarreal realizou o saque de honra logo de proclamarse campión da Europa League co conxunto castellonense.
Os visitantes comezaron o encontro demostrando que son equipo para outras aventuras e foron quen de chegar á área local con moito perigo. No primeiro acercamento chegou o primeiro tanto. Braganza centrou desde o perfil esquerdo e o burelao Julio Delgado enganchou un bo remate ao que respostou Manu Cedrón, pero no rexeite Ernesto empuxou o balón ao fondo da portería. O encontro foi un toma e daca con chegadas constantes a ambas áreas. Rolle puxo a proba a Juanvi cun tiro cruzado e Braganza fixo o propio con Manu Cedrón, xusto antes de que Javi Rey establecera a igualada. Asier fixo de 9 e aguantou o balón ata que o cedeu para o lanzamento do lucense que marcou o primeiro.


A falta de contundencia da zaga do Viveiro, tantas veces comentada durante a temporada, volveu a aflorar no segundo tanto do cadro visitante. Ata tres disparos logrou realizar o Ourense CF logo de rexeites da defensa ata que Kanteh logrou albiscar un oco polo que colar o esférico. Tan só dous minutos despois, os mariñáns lograron de novo nivelar a contenda. E non podía faltar o día da permanencia un tanto de falta de Xaime, aínda que desta volta fora un lanzamento un tanto escorado á banda.
Na segunda metade o cadro adestrado por Rubén Domínguez meteu de novo o medo no corpo á parroquia viveirense. Un saque desde o curruncho rematouno Wadir sen oposición na área pequena e puxo o terceiro no marcador. A partir de aí máis de media hora para lograr unha igualada que se resistía en chegar. Estivo preto Álex Meitín, que rematou unha boa xogada trezada por Javi Rey e Tichu, pero o colexiado sinalou fóra de xogo do de Xove. Tempo tivo tamén Julio Delgado, moi motivado na súa volta á Mariña, para facer o cuarto, aínda que o seu lanzamento non colleu porta por moi pouco.

A falta de catro minutos para o final un saque de falta de Xaime atopou no segundo pao o preciso testarazo de Tichu para marcar o terceiro tanto. Un gol que vale, nen máis nen menos, que unha permanencia.