A décimosexta xornada ligueira no grupo A da Terceira División déixanos un encontro trascendental en Cantarrana. Será o domingo ás 12:15 horas e enfrontará ao Viveiro co Paiosaco, o único conxunto que aínda non conseguiu gañar nesta temporada. O partido será dirixido polo colexiado vigués Davila Fernández.
Non foi unha semana doada na cidade do Landro. Logo da derrota diante do Somozas do pasado domingo, a entidade celeste prescindiu dos servizos de Moreda, que retorna ao Racing Vilalbés, e de Gerardo, pichichi da pasada campaña en Preferente e cun dilatado currículum no fútbol estatal. Para cubrir estas ausencias chega ao club Criss, un referente do fútbol mariñán, cedido polo Ribadeo, que tentará aportar goles ao cadro dirixido por Chusky.
O Viveiro é sétimo na clasificación, en postos de promoción de permanencia, a tan só un punto do Arzúa, sexto, aínda que cun encontro máis disputado. Malia a que non haberá público nas gradas por mor das fortes restriccións impostas polas autoridades sanitarias, o retorno a Cantarrana logo disputar o anterior encontro como local en San Cibrao, debe ser aliciente para lograr un triunfo vital ante un Paiosaco que pelexa por acadar a primeira vitoria da temporada.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O equipo adestrado por Juan Riveiro conta con seis puntos na clasificación, dos que tan só dous os acadou lonxe da Porta Santa. O último deles foi precisamente o pasado mércores nas Eiroas, no partido adiado diante do todopoderoso Bergantiños, o que demostra que o Paiosaco conta con máis potencial que o que amosan os seus resultados. A gran eiva do conxunto de A Laracha é falta de gol. Tan só oito dianas logrou anotar no que vai de campionato, quedando sen facelo en sete encontros.
O último enfrontamento entre Viveiro e Paiosaco en Cantarrana foi en Preferente e tivo lugar o 18 de marzo de 2018. O encontro rematou con empate a un tanto. Adiantara aos mariñáns Álex Meitín e igualou a contenda Javi Fuentes. O Paiosaco rematou aquela temporada acadando o ascenso a Terceira.
Co goleador daquela tarde, e hoxe capitán do Viveiro, Álex Meitín, falamos deste encontro.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ÁLEX MEITÍN (VIVEIRO C.F.)
– O Paiosaco. «Será un encontro duro, como todos os que disputa o Paiosaco, e con moita disputa individual. É un equipo que se pecha atrás, normalmente con liña de cinco en defensa e intentan saír con balóns largos á contra. Debemos ter moito ollo con este tipo de accións para poder lograr os tres puntos».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
– As opcións do Viveiro no treito final de liga. «O equipo está ben. Vimos de facer bos partidos, inclusive o último diante do Somozas malia á derrota. Debemos seguir nesta liña para acadalo obxectivo da permanencia. E a primeira pedra é este domingo co Paiosaco».
– Trocos no cadro de xogadores. «Son decisións que toma o club e que o resto dos xogadores debemos aceptar. Agora chega Criss, que é un gran xogador, unha moi boa referencia ofensiva que seguro que nos axudará moito e nos dará boas alegrías».