Alfredo Navarro ‘Fidi’: “Non vin a necesidade de xogar nesta situación”

Témolo visto moitas veces cun ‘10’ ás costas. Incluso en varias ocasións co brazal de capitán. Un deses futbolistas talentosos sobre o que diríamos que só lle faltou estar no momento e no lugar correcto. Pero, quizais, Alfredo Navarro González ‘Fidi’ (Viveiro, 06-06-1993) dismitifique esta frase. Ao mellor, necesítase algo máis ca un lugar e un momento concreto. Marchou moi novo da vila do Landro. Pasou polo CD Lugo e o Ural. Visitou Paterna sen facelos deberes e o amor dunha nai priorizou decisións.

Chegou ao Celta en idade cadete. Xogou con futbolistas que agora locen na 1ª División. Ata Eusebio Sancristán se deu conta da calidade do viveirense. E despois? Aí e cando un pensa que fai falta máis ca o momento e o lugar. O mesmo momento e lugar que lle impiden a Fidi estar desfrutando agora do fútbol. Decidiu baixar un chanzo, xusto cando a covid só permite xogar a uns poucos privilexiados. Aínda que para persoas con privilexios, os que poden apodarse @inho _ Gaucho no seu perfil de redes sociais.

Futbolinlugo: O pasado verán fichas polo Atlético Coruña Montañeros. Volves a Preferente e finalmente non se pode xogar. Como o levas?

Fidi: Está sendo un ano difícil. Non só para min. É un ano complicado polo nivel de vida. Neste caso xente coma min que practicamos deporte si que notamos o de non saír moito da casa. Non temos contacto cos compañeiros, pérdense as conversas de vestiario, as viaxes de partido, etc. É algo atípico, pero o parón é necesario. Está sendo todo moi difícil a nivel saúde e no aspecto económico. O fútbol quedou nun segundo plano. O Montañeros foi cauto coas sesións de traballo. Ademais aquí na Coruña temos o problema de que os campos son municipais. Se o Concello di que non abre as instalacións, non temos posibilidades de adestrar. En outubro estivemos un par de semanas e parouse todo. Logo volvemos a adestrar e fixemos unha especie de pretemporada no Nadal. Finalmente houbo que parar.

Fil: Cres que hai algunha posibilidade de xogar este curso?

Fidi: A nivel de club non nos dixeron nada. Conto con que non. Na Terceira estase vendo que sempre hai un montón de partidos adiados. Polo sentido común, xa non tiña que ter empezado. Pero agora xa só por cuestións de números. Vexo inviable xogar unha tempada de marzo a xuño.

Fil: Houbo algunha posibilidade de volver a Terceira neste tempo?

Fidi: Opcións si que houbo. Pero para esta campaña eu xa tiña planificado un cambio por unha oportunidade laboral na Coruña. Xa antes da covid. Apartaba o fútbol a un segundo plano. Si que tiven algunha opción, pero son dos que pensa que o fútbol podía esperar este ano. Non vin a necesidade de xogar tal e como está a situación. Non quixen arriscar e que me repercutira a nivel laboral e persoal.

“Cando non se vai estar cómodo, é mellor saír”

Fil: Foi esa a única razón de deixar o CD As Pontes?

Fidi: Nas Pontes teño moitos amigos. Estiven encantado coa directiva e cos adestradores. Incluso cheguei a barallar a opción de seguir a pesar do cambio que tiña planificado. Dende Coruña van moitos xogadores adestrar As Pontes. Xa tiña falado co presidente o esforzo económico deste ano porque as cantidades ían baixar. O adestrador tiña intención de que me quedara. Pero o asunto é que non teño moi boa relación co director deportivo. Nin el me quería; nin a min me gusta estar así. Cando non se vai estar cómodo, é mellor saír. Considero As Pontes a miña casa futbolística. Cando estás moitos anos nun sitio, ves como a xente que estaba nun posto pasa a outro; e sempre se poden dar situacións así. Pasa nas familias e en moitos sitios.

Fil: Pechaches dese xeito a túa segunda etapa no club pontés. Como se dera esa opción de volver no 2017?

Fidi: Logo dun mal momento no Viveiro, falei con Xaime Castro, presidente do As Pontes que quería deixar o equipo en 3ª. O club estaba nun proceso de reconstrución. A partir de aí, polo cariño que lle teño As Pontes, eu ía ir independentemente do proxecto deportivo. Ese curso quedamos na terceira posición e ao seguinte, ascendemos.

Bossa foi durante moitos anos o meu salvavidas”

Bossa e Fidi compartiron vestiario no CD As Pontes

Fil: Hai quen pode pensar que fuches por xogar con Bossa…

Fidi: Aínda estivemos falando este venres. Bossa foi durante moitos anos o meu salvavidas. Como xogador recoñezo que teño un carácter moi explosivo. Cústame estar calado cos xogadores, cos adestradores e cos árbitros. Intentei cambialo, pero somos así. É o que hai. Maldade nunca tiven. Ás veces é mellor estar calado. Bossa xa me coñecía e tratoume como un irmán pequeno. Como xogador non o vou descubrir. Nunca lle vin pegar ao balón como lle pega Bossa. E como persoa é incrible.

Fil: Apuntas o mal momento no Viveiro, que pasou?

Fidi: Chego ao Viveiro logo de conseguir o ascenso á Segunda B co Boiro. Non era a miña intención. Tiña unha opción de fichar noutro equipo que non era da zona de Lugo. Pero a nivel de estudos non se me dá a oportunidade onde ía firmar. Pola contra, saíume a praza dun FP superior en Burela. Aínda houbo a opción de marchar fóra moi condicionado, pero apareceu miña nai para recomendarme que estudara. Quedo en Viveiro, pero a aposta a nivel futbolístico non sae ben. O equipo non funcionou é non sei porque.

Había un corpo técnico excelente con Fernando Guntín de adestrador e Rodri Rivera de preparador físico. Os xogadores estabamos a morte con eles. Había uns adestramentos boísimos. Estabamos en Preferente, pero as sesións de traballo eran de 3ª para arriba. Logo chega outro técnico co que xa tiña moitos problemas. Vai a machete comigo e paso un momento malo a nivel persoal. O club non aposta moito por min e respecta a decisión do adestrador. Cousa que eu tamén respecto. Aquel ano acabou con problemas de impagos e demais.

“Tiven unha oferta do Fabril de Manuel Mosquera”

Fidi fichou o pasado verán polo Atlético Coruña Montañeros da Coruña. Montaxe: @AtlCorunaMonta

Fil: Xogas na Preferente cando viñades de quedardes na 1ª posición co Boiro en Terceira. Como foi aquel ano por Barraña?

Fidi: Espectacular. Estaba nas Pontes (na primeira etapa). E ía marchar porque tiña unha oferta do Fabril adestrado por Manuel Mosquera. O Dépor estaba nun momento delicado e Mosquera quería apostar por xente da casa. Pero as condicións non eran de todo óptimas para vivir na Coruña. Finalmente estou sen equipo e chamoume Lemos para o Boiro. Era xogador sub-23 e iso é algo fundamental. Todo o mundo se mata polos sub 23. De feito, creo que fun a última fichaxe do Boiro naquel verán.

Fun con dúbidas a ver que tal ía a nivel persoal e grupal. Estaban xogadores como Romay ou Rubén Rivera. Lembro que cando eu debutara con 16 anos no Celta B, eles estaban no Montañeros con outros como Pablo López ou Iago Iglesias. Pensei que iamos ser moitos galos nun galiñeiro, pero todo o contrario. Fixen moi bos amigos aínda que non tiven un rol central. Cando na túa posición tes a un xogador como Manuel Romay, logo Herbet, Cano… Ademais tiven unha lesión importante. Pero foi todo moi ben, sobre todo pola afección. Estaba moi volcada polo fútbol. O día do ascenso, cando saltamos ao terreo de xogo en Mieres, flipamos cunha bancada enteira chea da xente do Boiro. Creo que había máis xente do Boiro ca do Caudal.

“Como diría miña nai, o importante son as persoas e eu levei amigos de todos os sitios onde estiven”

Fil: Que lembranzas tes dos anos de fútbol base?

Fidi: As mellores. Daquela o único que che importa é pasalo ben e xogar ao fútbol. Non pensas en nada máis. Cando vas medrando si que xa ves o negocio e os intereses que hai ao redor. Pero aquela etapa foi magnífica. Coñecín unha cantidade de compañeiros en todos os sitios. Como diría miña nai, o importante son as persoas e o fútbol queda nun segundo plano. Levei amigos de todos os sitios onde estiven.

Fil: Chegaches a probar no Valencia CF. Que pasou para non poder quedarte?

Fidi: Si, chamáronme! Pero non era fichaxe, querían verme alí. Daquela estaban tamén Borja Iglesias (Real Betis), Aitor Aspas (Coruxo) e Álvaro Ratón (Zaragoza). Os catro eramos galegos e xa nos coñeciamos da selección. De feito, ese foi o trampolín para que me chamara o club ché. Por motivos persoais non me puiden quedar. Xusto daquela a nivel académico estaba pasando unha etapa moi mala. E a miña nai non lle molaba a idea. Ou estudaba ou non ía xogar ao fútbol. Finalmente, optamos por quedar máis cerca da casa.

Fil: E como acepta un adolescente unha decisión tan importante?

Fidi: A miña mai naquel momento “quería matala” (enténdase a expresión). Como non me ía deixar ir! Pero tiña 14 anos e era moi lonxe. Son fillo único e sempre foi de estar moito comigo. Para ela era moi importante a nivel afectivo. O Celta puxo unha solución a nivel académico que convenceu os meus. Logo meu pai dicía que dende Viveiro case chegaba antes a Valencia en avión; ca en coche a Vigo. E case máis barato (risas). Non lle gardo ningún tipo de rencor. Ao contrario.

“Houbo unha etapa na que vin máis preto chegar ao primeiro equipo do Celta”

Fil: Vas para a base do Celta, medras e colles protagonismo. Soñaches con chegar?

Fidi: Cando fichas en idade cadete es moi novo. Intentas aprender. A todos nos pasa que soñamos con ser xogadores de Primeira División. Houbo unha etapa que si que o vin máis preto. De xuvenil de primeiro para segundo ano. Estaba ben valorado. A directiva e o corpo técnico tíñanme estima. Creo que tamén collín ao Celta nunha etapa complicada. Estaba en lei concursal e falábase de moita débeda. Polo que a canteira eramos unha gran aposta. Estiven adestrando bastantes sesións con Eusebio no primeiro equipo. E xoguei varios amigables. Debutei co filial con 16 anos e daquela era dos máis novos. Valo crendo. Pensas que se este está, por que non ti? Houbo momentos que cheguei a pensar que eu tamén podía estar.

Fil: Que faltou?

Fidi: O compoñente sorte é moi importante. Parecía que todo era marabilloso. José Curiel confiaba moito en min no xuvenil, a Milo Abelleira entráballe polos ollos no filial e Eusebio dende o primeiro equipo estaba moi pendente. De repente, a sorte cambia. Veñen outros adestradores e xa non te ven cos ollos que te vían. Logo ten que xogar este que vén de non sei onde, etc. Si que hai cousas que doen cando levas uns cantos anos no club. Decido irme eu chegando a un acordo para rescindir o contrato. Quedábanme dous anos máis. Non estaba a gusto por como se me estaba tratando con eses cambios. Nesas circunstancias o mellor é marchar. O fútbol é así.

Fil: Tiñas representante por aquel entón, condiciona?

Fidi: Inflúe moito. Teñen moito poder e moitas amizades. O meu representante tiña xogadores máis potentes ca min. É a realidade. As directivas, ás veces, apostan máis por un que por outro. O seu traballo é un pouco egoísta. A Messi represéntao calquera. Logo, os demais se pasamos por malos momentos xa non interesamos.

Fil: Algunha anécdota deses anos tes que gardar…

Fidi: Que o tiven que facer moi mal para non triunfar (risas). Con xente como Rubén Blanco, Kevin Vázquez, Jonny, Borja Domínguez, Levy Madinda, Denis Suarez, Santi Mina, David Costas, Goldar, Víctor Vázquez, Joselu, Jota, Miguel Túñez,… Daquela por necesidade máis que por aposta. A partir de aí, o Celta abriu os ollos e decidiu apostar máis pola xente nova. Aínda me asusto a día de hoxe. Porque din que de mil futbolistas chega un a ser profesional. E eu, por sorte ou por desgraza, compartín vestiario cuns cantos.

Fil: Mantés o contacto con eles?

Fidi: Gardo moi boas amizades. Considero que, ao 80% deles, se lles teño que pedir un favor, fanmo.

“O Fidi adestrador cambiaría moitas cousas do Fidi xogador”

Fidi pasou como sénior polo Rápido de Bouzas, CD As Pontes en dúas etapas, CD Boiro e Viveiro CF. Foto: CD As Pontes

Fil: Cando decides comezar tamén como adestrador?

Fidi: Empezo no Boiro. Sempre fun un friki do futbol. Analizar, ver, planificar,… Por iniciativa propia liei a Romay e a Kike Reguero. Tiñamos moito tempo libre e cada un collimos un equipo da base. Vivíao como se fose iso o Barça. Logo co paso do tempo fun mellorando moito. Estiven encantado no Viveiro prebenxamín, benxamín, alevín e infantil Liga Galega na que estabamos o ano pasado. O 20 de marzo espero ter rematado o Nivel 3.

Fil: Muda moito a perspectiva dende o banco ao campo?

Fil: O Fidi adestrador cambiaría moitas cousas do Fidi xogador. Ves o fútbol doutra maneira. Como xogador facía unhas cousas, que se como adestrador teño un Fidi que renega de certos aspectos apertaríalle as tuercas. Cando o adestrador me dicía, por exemplo, que fose as disputas de cabeza sempre me escaqueaba. Agora como xogador penso: “Como carallo non vou facer algo que logo lle vou mandar facer a un rapaz”.

Fil: De todo o vivido, arrepínteste de algo?

Fidi: Penso que non. Arrepentirse non vale de nada. Pediríalle perdón aos compañeiros e adestradores que aguantaron ao Fidi cascarrabias. O Fidi alegre compensouno. Dos 300 días adestrando xuntos; 50 malos e 250 bos. As cousas pasan por algo e o tempo vai poñendo a cada un no seu lugar.

Fil: Sabemos que es un amante do fútbol semiprofesional ou afeccionado. Haberá aínda opción de volver ver o Fidi nun equipo da provincia?

Fidi: O tempo o dirá. Estou moi contento aquí cos proxectos laborais e persoais. Na provincia hai equipos moi consolidados. Un exemplo é o Racing Villlalbés. Tiven a oportunidade de verlle algún partido esta campaña e son un equipazo. Nunca se sabe. A día de hoxe diría que non. Pero, dentro de dous, podo estar xogando no Escairón!

FIDI EN CURTO…

Imaxe que acompaña a Fidi no seu encabezado de twitter

Un medio do campo ideal para Fidi, sería o formado por Bossa, Romay e Fidi?

Fidi sen dúbida. Metería tamén a Denis Suárez e a Borja Domínguez. Se teño que facer un equipo tería clara a idea de xogo. Ía costar moito defender, iso si (risas).

Un adestrador?

Diría moitos. É moi dificil. Sempre intentei aprender. Andrés Curiel fíxome despuntar. Milo Abelleira tratoume xenial. Cando estiven cedido no Rápido de Bouzas estaba Juan Carlos Andrés. Un técnico moi metodolóxico. A súa maneira, pero aprendín moito. Tamén Lemos. E non me esquezo de Marco Roca. Tiven moitas pelexas e risas con el. Confiou nun Fidi que estaba moi fastidiado. Recuperei o meu mellor nivel. Ofensivo, comprometido en defensa, metendo goles, dando pases e sendo importante. El sábeo e os compañeiros tamén. Con Marco Roca volvín desfrutar do fútbol. Recupeorume para a causa.

Un campo da provincia?

Difícil. Quedaríame co Pepe Barrera. Sempre que fun estaba nunhas condicións moi malas. Os adestradores dicíanme: “non está pa ti”. Sempre xoguei de inicio e conseguín eliminar eses prexuízos. Lembro gañar sempre. Logo a nivel persoal tamén é especial o do Foz. Meu pai é medio de alí. E nos últimos anos co As Pontes, por circunstancias, non me cadrou xogar na casa do club focense.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario