Hoxe traemos un Diario dun Mercado moi específico e centralizado. Xa que os porteiros e a zona da Mariña copan o protagonismo desta edición. Comezamos cunha especie de cambio de cromos. O Burela reforzou a súa portería con Kiko Mariño, un clásico. O antigo gardamallas do Viveiro sumará unha nova experiencia ao seu amplo currículo na Marosa. Esa chegada permite a marcha de Tomy cara Cantarrana. O cadro de Chusky andaba á procura dun meta. E no lucense atopa xusto o que precisaba: garantías.
Sen movernos moitos quilómetros, en Alfoz renovaron a un antigo integrante do Burela: Ramiro. A portería do Municipal queda en boas mans. Un Municipal que queda un tanto orfo despois das retiradas de Martín, Legaspi, Pablo Souto e Juanra. Pola súa parte, o Mondoñedo conta cunha cara nova. Non é outra que a de David Rivas, procedente do Cospeito. E xa fóra dos marcos da fermosa Mariña coñecemos unha baixa importante no Palas: Anxo.