Escribía hai uns días Canario (capitán do C.D. Foz): “Amamos o fútbol. Cal será o segredo de estar tan enganchado a este deporte? Se non o vives non o entendes”. Supoño que nos pasará a máis de un, pero eu levo uns anos tentando entender o fútbol dende un prisma un tanto complicado: como futbolista, como adestrador, como pai de futbolistas e como afeccionado.
Lonxe quedan aqueles emocionantes comenzos (mediados dos 80) nos que tiven a gran oportunidade de aprender a ser futbolista por primeira vez na etapa infantil no Xove Lago da man de D. Silvestre Rúa, verdadeiro mecenas do fútbol lucense en A Mariña. Mais próximas, pero igualmente emocionantes, atópanse as posibilidades de seguir a desfrutar de doces xornadas de convivenza entre veteráns e amigos futboleiros cos que lembramos moitas das batallas deportivas nas que nalgunha tempada formamos parte dun mesmo clube.
Así pois, entre esas dúas épocas cabe incorporar a expresión: “como cambiou o conto”. Tratarei deseguido de explicarvos o aprendido, de aportar unha mirada, se cabe non novedosa, pero si vivencial e persoal dos meus intentos de sumar a este noso fútbol.
Constatando a realidade de que vivimos na sociedade da présa, dos moitos frentes abertos, da de querer chegar xa, da de abarcar moito e apretar pouco… Todo iso tamén chega por extensión (si, tamén por contaxio) ao mundo fútbol. E, en que se traduce?, pois en expresións-desculpas do tipo: “pensei que xa cho dixera”, “con iso terías que contar”, “é que non xogamos a nada”, “é que non me gusta como adestramos”, “e que teño que …”, “e que non podo…”


O noso fútbol, sexa na base, na formación, na etapa sénior e incluso na veterán, necesita urxentemente contar con ferramentas que senten as bases ou os pilares que guien o camiño da necesaria colaboración de todas as partes actuantes en cada proxecto. Desafortunadamente moitos proxectos comenzan sen esas ferramentas e a desilusión, o desánimo, o desapego aparece moito antes do agardado. Independentemente de que a pelotiña entre ou non e os resultados deportivos escondan ou dinamiten ese ‘proxecto desexado’.
Enumerarei logo algunha desas ‘ferramentas base’ achegadas polas experiencias da área do coaching:
–A primeira e necesaria: ‘Establecer un acordo-alianza’, no que se establezan, negocien e fixen os canles para crear un entorno de traballo óptimo no que cada integrante se sinta seguro e con confianza en sumar para avanzar. Por suposto require do compromiso individual para sumar, para explorar, para enfrontar erros, aceptalos e aprender deles con claras ansias de mellora. Ese acordo debe ser escrito, claro, breve e entendido claramente por todos os actuantes.

-‘Fixar un obxectivo e conseguir o compromiso’. É esa unha ferramenta básica, na que sempre collerán novas aportacións, novas ideas, novas motivacións e novos plans pero que sempre deberán cristalizar en compromisos concretos e realizables tanto de acción como de reflexión.
-‘Guiar a visualización’: a donde podemos chegar guiados por ese acordo-alianza e empurrados polo suma dos compromisos dos actuantes deste noso proxecto. Todos sumamos, todos temos moito que agradecernos.
-‘Proporcionar feedback efectivo’: Hai que achegarlle ao equipo a avaliación continua das accións realizadas e o nivel de execución de compromisos, para que cada quen poida deducir aprendizaxes. Ese feedback proporcionado pode ser de recoñecemento (xa o escribía a psicóloga Patricia Ramírez : “más zanahorias y menos palos”), aínda que tamén poder ser de petición de cambio ou de ánimo, pero en calquera caso este feedback será indispensable para manter a motivación e o enfoque cara aos obxectivos fixados.
-‘Renovación desa alianza’: tempada nova = alianza nova. Dar por feito que todo o realizado queda instaurado de por vida constitué un gran erro, polo tanto tocará unha vez mais requerir novamente ese compromiso para establecer este novo acordo-alianza.

Dende aqueles ‘emocionantes comenzos’ (dos anos 80) dos que falei nas primeiras liñas, ata a actualidade do noso fútbol, todo cambiou, e cambiou moito: verdade directiv@s?, verdade técnic@s?, verdade futbolist@s?, verdade soci@s?, verdade “xentiña futboleira”?
Pois ben, a experiencia dime unha cousa: “un pouco de cada un é un moito de todos”. Contade co “meu pouco”, dende logo que tentarei seguir sumando.
Moita forza e moito ánimo. Sairemos desta: “EU TAMÉN QUEDO NA CASA”. Grazas polo voso tempo. Grazas a Futbolinlugo.
Xosé Martínez Legaspi ‘Pepe Martín’. Técnico de sona, home reflexivo