ZONA DE CONFORT:  Zona que só abarca o coñecido, ese ambiente onde estamos a gusto e nos fai sentir seguros porque todo está baixo o noso control.

ESCUSA: Razón ou argumento que se da para xustificar unha cousa, en especial un erro ou una falta ou para demostrar que alguén non é culpable ou responsable de algo.

A xente que comparte o día a día comigo, chamarame pesado, xa que este tema está moi presente nas conversacións que manteño con eles. É moi raro que non faga referencia a estes dous conceptos, da igual o tema do que esteamos a falar (teño que admitir que case sempre é futbolístico). Creo que é algo que se pode aplicar a calquera apartado das nosas vidas.

Vivimos nunha sociedade na que estamos moi mal acostumados, sobre todo as novas xeracións (culpa nosa: adestradores, profesores, pais, nais…). Non saben o que é esforzarse para conseguir algo, darse conta de que obter unha recompensa vén precedido dun traballo e un esforzo.

En que nos refuxiamos? Nas tan coñecidas ‘escusas’, as cales, mantéñennos dentro da nosa zona de confort. E impiden que intentemos buscar solucións. O noso cerebro vai ao fácil; ás respostas de: non sei, non podo, eu son así, e que sempre o fixen desta maneira, e que fai frío, e que chove, e que.. e que.. e que.. e así continuamente. Sónavos? Estou seguro que oídes isto a diario.

Non somos capaces de analizar construtivamente os problemas aos que nos enfrontamos. Que facemos por rutina? Ir ao fácil. Queixarnos e poñer escusas. Non nos gusta o cambio, danos medo, produce inseguridade. Pero, é esta a forma de progresar? De buscar ser mellor?

Para min, (un mero amante do fútbol e con paixón pola educación) é imposible mellorar sen saír da zona de confort. Se non somos capaces de autoesixirnos, de estar nun aprendizaxe continuo, estancámonos. E nos mundos no que vivimos, se nos estancamos, estamos mortos.

Vexo moi necesario que dende que empezan a practicar algún deporte, se lles ensine a esforzarse para conseguir algo, que non se lles regale nada. A non acostumalos a ir polo camiño fácil das escusas, que sexan capaces de darse conta por si mesmos que esa non é a maneira para poder progresar.

Non me podía esquecer de citar a unha das persoas que máis admiro, e que para min é un referente. O señor Victor Küppers. Para a xente que non o coñeza eu invítoa a ver algunha das súas tantas conferencias. Entre elas, a que máis me fixo replantarme a forma de ver as cousas, “El valor de la actitud”. Onde toca un tema moi implicado con este artigo. A actitude, o importante que é. Como ben di el, nesta vida, deberíamos aplicar a formula máxica de (C + H) x A. (Coñecementos + habilidade) x Actitude.

Podemos saber moito sobre un tema, ou ter unhas habilidades incribles con respecto ao resto. Pero se non temos unha actitude axeitada… se nos refuxiamos nas escusas, ou non saímos da zona de confort nunca vamos saber a onde podemos chegar.

Isto explica que moitas veces, xogadores con gran potencial técnico ou táctico, estean por debaixo de outro compañeiro de equipo que non ten esas condicións, pero súpleas cunha actitude durante a semana que supera dúas ou tres veces a deles. Os coñecementos e as habilidades suman, claro que sí. Son vitais. Todos estamos de acordo. Pero nesta vida a actitude é a que multiplica, a que marca a diferenza.

Para rematar, quero dar as grazas a todos por ‘perder’ uns minutos das vosas vidas en ler estas palabras. A Futbolinlugo por contar comigo para este proxecto futbolístico que están levando a cabo no fútbol lucense. E do que tan agradecidos estamos os amantes deste deporte. Grazas!

Brais Prados. Mestre do fútbol e adestrador do CD Castro

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*