Si existe emoción na pelexa polo ascenso na Primeira Autonómica, a situación na zona baixa non está menos interesante. Este domingo ás 16:30 horas no Polvorín o San Roque e o Lourenzá, dous dos implicados na loita pola permanencia veranse as caras nun encontro con sabor a final. Arbitrará o colexiado José Luis López Rodríguez.
O San Roque atópase na antepenúltima praza da clasificación con dezaoito puntos, os mesmos que o Friol penúltimo e en postos de descenso a Segunda. Unha racha de nove encontros sen coñecela derrota situaron ao conxunto que dirixe Manolo García nunha situación complexa. O último triunfo dos lucenses remóntase ao quince de decembro do pasado ano, fronte a outros dos equipos chamados a pelexar pola permanencia, o Pastoricense, que ten dous puntos de marxe sobre os capitalinos. Na última xornada, o San Roque caeu por un contundente 3-0 na Veiga ante o Riotorto.
A temporada do Lourenzá non é a que agardaban no clube mariñán no ano do seu retorno á categoría. Con un só partido gañado no que vai de temporada, os laurentinos ocupan o derradeiro posto da clasificación a sete puntos da permanencia, que marca o seu rival desta xornada. Polo tanto, o encontro diante do San Roque é unha auténtica final para os pupilos de Diego Rego. Un triunfo mantería viva a esperanza da permanencia para un Lourenzá que, malia non gañar desde o seis de outubro en plena festa da faba, soubo competir na maioría dos encontros perdendo sete deles pola mínima.
Falamos con Manolo García e Diego Rego, adestradores de ámbolos conxuntos, antes dun encontro que resultará decisivo.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
MANOLO GARCÍA (S.D.C. SAN ROQUE)
– O encontro. «Seguro que vai ser un partido moi disputado e igualado. O Lourenzá sumou puntos en cinco dos últimos sete partidos e foi un rival que xa no partido de ida nos creou moito perigo. É un equipo que intenta dominar os partidos con Recalde como o seu gran referente. Aínda que sexa colista non van baixar os brazos en ningún momento».
– A mala racha. «Non é fácil de explicar. Adestramos desde o comezo de temporada tres días por semana cun bo número de xogadores e os rapaces están implicados ao cento por cento, pero somos o equipo máis novo da categoría e a falta de gol tamén nos está penalizando«.
– A permanencia. «Estamos convencidos de acadar a permanencia. Todos pasa por facernos fortes na casa e non deixar fuxir máis puntos. Seguiremos traballando ata o final. Unha derrota do Lourenzá deixaríao tocado, pero non fundido…porque as matemáticas aínda lle darían opcións«.
DIEGO REGO (E.D. LOURENZÁ)
– O San Roque. «Agardo un partido intenso e igualado entre dous equipos moi necesitados. Creo que o que entre mellor non partido e cometa menos erros levará os tres puntos. Nesta categoría tódolos equipos teñen varios xogadores dun gran ivel, e o San Roque non é unha excepción«.
– Encontro decisivo. «A verdade é que para nós é unha das últimas oportunidades de agarrarnos á permanencia. Na situación que estamos o equipo segue adestrando e competindo moi ben, así que algún día ten que chegar a vitoria, agardemos que sexa esta xornada«.
– Dificultade para pechar os encontros. «A verdade é que é unha das varias asinaturas pendentes. As veces que nos adiantamos non soubemos xogar co marcador a favor. A verdade é que estamos aí por méritos propios. Non creo na mala sorte nin nas malas decisións arbitrais. Debemos facer autocrítica para mellorar e seguir competindo e dando a cara«.