Todo se mantén igual na cabeza de cadansúa clasificación da Segunda Rexional. Porque os catro equipos situados nos postos de ascenso gañaron os seus respectivos encontros. Non obstante, semella que se reduce o número de perseguidores. Sobre todo no grupo sur, onde só o Portomarín e o Río Sil tentan seguir o ritmo. O resto de rivais situánse a máis de dez puntos do Ferreira. Pola contra, no sur é onde hai máis equipos implicados na loita pola salvación. O Chantada B saíu dos postos de descenso directo ao empatar ante un rival directo. Repasamos a situación nos Onces Futbolinlugo da 20ª xornada.

No grupo norte, ao Alfoz costoulle sumar a terceira vitoria seguida nesta nova xeira que parece que comeza. O Goiriz termou do empate ata o minuto 80 no Municipal. De feito, o equipo vilalbés foi quen se adiantou no marcador. Finalmente o líder conseguiría a remontada. Xenxo desfixo a igualada. A diferenza co Sanci é de sete puntos. Que tampouco o tivo doado na súa visita ao Muimenta no Pichón. Venceron pola mínima cun gol de Dani López. Á terceira posición ascende o Sporting Pontenova. Despois de vencer con claridade no Cascabeiro ao Celta Barreiros. O equipo aurinegro marcou seis tantos por dous dos locais. Iso si, o de Celeiro en forma de gol olímpico.

 

O Sporting Pontenova é terceiro porque o Cabreiros empatou nun dos duelos directos da xornada. Houbo táboas na Cea entre os locais e o Meira. Ambos seguen no tren de cabeza. No medio deles o Xermade. Que tamén sumou un punto a pasada fin de semana. Foi no derbi ante o Roupar onde non houbo goles. Os pupilos adestrados por Borja Bouza levan once encontros sen perder. O mal inicio de liga lastrou ao cadro verde que está asentado na zona media da táboa clasificatoria. Está empatado a puntos co Guitiriz e co Cospeito que tamén igualaron no seu enfrontamento no Suso Cruz. Quen tamén se achega xa a zona media e afástase do descenso son a Candelaria e o Mondoñedo. O cadro da Rúa derrotou pola mínima ao Abadín. E o conxunto mindoniense fixo o mesmo ante o Iberia. Venceron aos dous equipos que ocupan postos de descenso directo.

No grupo sur, o San Lázaro só permitiu que fose unha xornada de resultado negativo. Despois da derrota co Portomarín volveu á senda do triunfo no San Martiño ante o Quiroga. Julito marcou os dous goles para os seus. E o equipo da Ponte chega a unha cifra redonda a falta de dez xornadas para que finalice a competición: 50 puntos. Borja ‘Pipita’ mantense como o porteiro menos batido do grupo. A distancia co Ferreira mantense nos 8 puntos. O cadro de Pantón viuse apurado no Baliño. O Becerreá vendeu cara a derrota. Os visitantes adiantáronse por medio dun penalti. Antes do descanso os locais igualaron. Na recta final o Ferreira marcou o tanto da vitoria. A espera do fallo segue o Portomarín na terceira posición. Oito partidos sen perder. No último venceu con tres goles ao Santa Comba no Chao da Poza. A sete puntos do segundo posto atópase o Río Sil. Os xogadores preparados por Juan Diéguez tamén están nun gran momento. Acumulan nove xornadas sen perder. E na última venceron a un rival directo ao que lle minimizaron as súas opcións de poder estar nos postos altos na recta final da tempada. O equipo soberino venceu no Gandarón ao Paradela por un axustado 2-3.

Na zona media, o Incio volveu gañar catro partidos despois. Derrotou pola mínima ao Corgo. O gol foi autoría de Chivas a saída dun saque dende o recanto. Na segunda o Corgo apretou máis pero non estivo acertado de cara o gol para equilibrar a balanza no marcador. A permanencia está moito máis cara no grupo sur. O Palas venceu ao Bóveda cun hat-trick de Tenerife. É a segunda vitoria seguida do cadro da Ulloa e a súa diferenza co descenso directo é de sete puntos. De cinco é a marxe que ten o Oural que empatou ante o equipo que agora marca a zona de salvación. O Oural e o Chantada B empataron nun encontro no que estivo no recordo Luis Pallín. Gardouse un minuto de silencio polo pasamento hai unhas semanas do presidente de honra do equipo sarriano. O campo leva o seu nome. O punto que sacou o filial chantadino permítelle saír dos postos de descenso directo. Entra no seu canto o Quiroga. A catro puntos do cadro quirogués tamén esta metido na pelexa o Brollón. O equipo dos Medos sacou tres puntos importantes do seu partido ante o Páramo. Aquí pódense ver algunhas das imaxes do encontro cortesía de Mariluz Fagín.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*