A Xornada 24 deixounos os seguintes resumos, cos seus correspondentes Máxicos:

*Lourenzá-Guntín (1-1): Dúas partes diferenciadas en Santa Cruz. Mandou o Lourenzá na primeira metade e Recalde abriu o marcador cun bo gol. Tralo paso pola zona de vestiarios, o Guntín fíxose co centro do campo e firmou o empate pasada a hora de xogo. No tramo final, ambos equipos tiveron as súas oportunidades para levar os tres puntos. A falla de acerto deixou o encontro en táboas.

*Friol-Monterroso (1-1): Meritorio empate do Friol na Reigosa. O encontro estivo marcado pola expulsión do local Brais aos seis minutos de xogo. Na falta posterior ao cartón vermello, Lorenzo adiantou aos monterrosinos. A pesares da inferioridade numérica, os de Abad nunca se foron do partido. E atoparon o seu premio xa no tempo de desconto, cando conqueriron o definitivo gol da igualada.

*Santaballés-Pastoricense (3-0): Dous goles no cuarto de hora inicial foron unha vantaxe moi xugosa para o Santaballés. O Pastoricense tivo a oportunidade de meterse de novo na pelexa polos puntos na reanudación. Errou as súas oportunidades. O que non fallou foi Palomo, que sentenciou nas postrimerías nun bo servizo de Pelao. Vitoria importante para seguir soñando na Liga.

*Burela-Outeiro de Rei (0-1): Interesante duelo na Marosa, que decidiu Adrián Román cun solitario gol na primeira metade. O Outeiro de Rei creou perigo cos seus carrileiros no acto inicial. O Burela axustou no descanso e gañou en control de xogo na segunda parte con tres centrais. Iso sí, non conseguiu xerar demasiadas ocasións sobre o marco defendido por Dieguiño. Os de Josito Jul perdonaron a sentencia ao contragolpe. O mago Charly regresou a unha convocatoria do Outeiro. Non tivo minutos.

*Xove Lago-Folgueiro (4-2): Derbi cheo de argumentos con recordatorio para os lesionados locais. Aurelio fixo das súas durante todo o encontro. E nel naceu o 0-1 ao pouco do pitido inicial. O Xove Lago foi madurando o encontro e remontou antes do descanso. Na segunda metade, a expulsión de Miguel facilitou a tarefa dos verdes. E os de Bruno Gómez sentenciaron con dous goles de Samu. Aínda así, houbo tempo para que Aurelio galifara unha xornada máis.
*Castro-Chantada Atlético (1-1): Partido importante na loita por evitar o descenso. O Chantada Atlético tivo máis balón nunha primeira metade na que xogou co aire a favor. Ocasións, poucas se viron. Na reanudación, os visitantes chegaron con perigo polas bandas ante un rival que apenas se prodigou en ataque. Nos vinte minutos finais apareceron os goles. Fede adiantou aos de Fran García. Pouco durou a alegría. Lois, un ex do Chantada Atlético, marcaba á saída dun córner e establecía o empate definitivo.

*Riotorto-San Roque (3-0): Plácido triunfo do Riotorto labrado nunha excepcional primeira metade na que os visitantes nunca se atoparon cómodos. Coedo abriu a lata nada máis comezar e Fran Pastor aumentou as diferenzas no ecuador do primeiro tempo. Mellorou o San Roque no segundo acto. Pero foi insuficiente. E Lourido puxo a puntilla para un conxunto de Ramallal que ten moi claro ao que xoga.

*Chantada-Atlético Escairón (2-3): Non defraudou o duelo de aspirantes no Sangoñedo. Alternativas e ocasións nunha primeira metade sen goles. Quedaron todos para a volta de vestiarios. Rubén Díaz adiantou ao Atlético Escairón nunha controvertida falta ao borde da área. Iván González puxo terra de por medio ante un Chantada que nunca se rendeu. E que, con dous goles de Diego Arias, chegou vivo ao tempo de desconto. Iso sí, os puntos fuxiron para a saca do líder.

*Taboada-Pol (0-2): Ninguén dixo que fose a ser fácil. E menos nun campo como A Medela. O Pol tivo que agardar aos vinte minutos finais para superar a un Taboada que vendeu moi cara a derrota. Os de Manu competiron de ti a ti durante a primeira metade e tiveron o seu momento no segundo tempo. No entanto, un gol de Nico Madero nun rexeitamento dun saque dende o curruncho, e outro de Iván González nun pase da morte; déronlle os tres puntos aos de Fernando Corredoira.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*