A vixésimocuarta xornada ligueira na Primeira Autonómica achéganos un encontro de rivalidade entre dous conxuntos veciños. Chantada e Atlético Escairón mediranse este domingo ás 17 horas no Sangoñedo, co arbitraxe de David Pérez Rodríguez nun encontro que pode marcar a pelexa polo ascenso a Preferente.
A S.D. Chantada ocupa a cuarta praza na clasificación a tan só un punto do segundo posto e dez por detrás do seu rival nesta xornada. O conxunto adestrado por Juan Rodríguez non coñece a derrota desde o quince de decembro, e acumula seis triunfos nos oito últimos encontros, ademáis de ser xunto co Santaballés, os únicos conxuntos que se manteñen invictos no seu campo. Os chantadinos afrontan unha xornada clave na que un triunfo, ademáis de recurtar diferencias co Escairón, situaríaos de cheo na pelexa polo ascenso ata a derradeira xornada.
Se o Chantada amosa unha gran fortaleza no Sangoñedo, o Atlético Escairón fai o propio lonxe do Municipal. Dos once encontros que disputaron os pupilos de Montoto como visitantes, en nove resultaron gañadores con tan só dúas derrotas, as colleitadas en Taboada e Santaballa. Un triunfo do Escairón nesta xornada distanciaríaos a trece puntos do Chantada, e cando menos mantería a distancia co segundo e terceiro clasificados, de aí a importancia do choque.
O último enfrontamento entre Chantada e Escairón no Sangoñedo xogouse o 2 de decembro de 2018 e rematou cunha vitoria para o cadro local por dous goles a un. Manu e Traste marcaron para os chantadinos e Andrade para os visitantes.
Falamos do encontro con dous futbolistas que se verán as caras fronte a fronte: Diego Arias (Chantada) e Félix (Escairón).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
DIEGO ARIAS (S.D. CHANTADA)
– O Escairón. «Penso que será un encontro moi igualado no que cada equipo intentará aproveitar as súas oportunidades, que non serán moitas. Teremos que ter moito coidado coas contras e co balón parado«.
– A fortaleza no Sangoñedo. «Para acadar o ascenso non é suficiente con ter a regularidade na casa, que é certo que gracias a isto estamos no pelotón de cabeza. Agora tamén conseguimos ser regulares lonxe do Sangoñedo e agardo que de aquí ao final de temporada sigamos nesta boa dinámica e academos o ascenso a Preferente«.
– A temporada a nivel persoal. «Estou moi contento. No Chantada temos un gran grupo humano, pódese decir que somos unha familia. Cando atopas vestiarios así é moi fácil adaptarse, incluso o bo rendimento chega rápido e o compromiso no terreo de xogo é máis alto. Estou moi agradecido. A nivel deportivo atópome nun bo momento, teño a regularidade e a confianza que necesito para ter un bo nivel«.
FÉLIX (ATLÉTICO ESCAIRÓN)
– O Chantada. «Agardo un encontro moi intenso e igualado. O rival conta con xogadores como Diego Arias ou Javi Ramos que con moi pouco que lles concedas, enseguida che fan gol. Tamén me preocupa o balón parado, xa que executan ben e teñen grandes rematadores como Kadete ou Traste, polo que teremos que estar moi atentos«.
– A clave para gañar no Sangoñedo. «O máis importante será non cometer erros defensivos, así como igualar a intensidade do Chantada no seu campo«.
– Tres puntos para achegarse ao soño do ascenso. «O vestiario afronta o encontro con tranquilidade, sabendo ao rival ao que nons enfrontamos. Este partido suma tres puntos ao igual que tódolos demáis, pero somos conscientes que se gañamos en Chantada dariamos un golpe enriba da mesa de cara ao ascenso«.