Dous históricos do fútbol na nosa provincia veranse as caras este domingo ás 16:30 horas na Pinguela. Lemos e Viveiro, un que voltou á Preferente pra quedarse e outro que pretende subir un chanzo máis. Dúas realidades distintas cítanse nun dos mellores encontros que se pode ver na xeografía lucense, baixo a dirección do colexiado santiagués Calviño Pensado.
O Lemos espantou fantasmas nas últimas xornadas. Logo de ver como fuxían os puntos en moitos encontros por mor dos seus problemas defensivos, o conxunto adestrado por Edu Rodríguez só encaixou un tanto nos últimos tres partidos, e mantivo a súa porta a cero nos dous últimos. Nin o Dubra na Pinguela nin o Puebla no seu feudo foron quen de facerlle gol aos monfortinos, que situados no décimocuarto posto da táboa clasificatoria con vintecatro puntos ollan xa a boa distancia o descenso directo. Agora, co obxectivo de fuxir das posicións de perigo por mor dos posibles arrastres de categorías superiores, o Lemos tentará facer da Pinguela un fortín.
O rival desta xornada asusta. O Viveiro lidera a Preferente desde a xornada inagural, e xa comezada a segunda volta mantén dez puntos de vantaxe sobre o Fisterra, que ocupa a segunda posición, e quince sobre o Boiro, terceiro, e o Mugardos, cuarto. Ademáis é o conxunto máis goleador e o menos goleado. Se isto non fora fútbol presumíase imposible meterlle man ao equipo de Chusky. Esta semana, os mariñáns foron protagonistas dun dos bombazos do mercado de inverno logo de facerse cos servizos do lucense Diego Núñez, mediocampista de ampla experiencia na categoría, e que esta temporada defendía as cores do Riotorto.
O último enfrontamento entre ámbolos dous equipos na Pinguela data do 14 de maio de 2017 e tivo unha clara cor visitante. O Viveiro impúxose por 0-4 a un Lemos que remataría perdendo a categoría. Dous tantos foron obra de Erni, agora nas filas do Ribadeo, un de Xenxo, protagonista tamén do mercado ao asinar no Alfoz, e outro de Arturo, un dos nosos protagonistas.
Ademáis de conversar co goleador viveirense, falamos con Varela, capitán do Lemos.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
VARELA (CLUB LEMOS)
– O Viveiro. «Agardo un partido moi complicado para nós, xa que nos visita o mellor equipo da categoría, pero loitaremos con tódalas nosas armas e tentaremos sacar algo positivo. O Viveiro é un equipo moi sólido defensivamente, que concede moi pouco aos seus rivais, e en ataque non imos descubrir os grandes xogadores cos que contan»
– A melloría defensiva. «A nosa idea de xogo, de expoñer máis que os rivais co balón, fai tamén que concedamos máis ocasións ao rival, pero esa é a nosa idea de xogo e coa que nos identificamos e nos sentimos mellor no campo. Traballamos durante a semana para mellorar no aspecto defensivo e temos que seguir así porque en conceder pouco coido que pasan gran parte das nosas opcións para manter a categoría«.
– A permanencia. «Vai estar moi cara. Considero que teremos que facer como mínimo cincuenta puntos para salvarnos, xa que haberá unha cascada de descensos importante. Nós somos optimistas e seguiremos con esta liña de traballo, e sobretodo partido a partido, sen volvernos tolos, traballando a tope durante a semana e encarando os encontros como finais. Quedan dezaoito partidos e debemos facer vintesete puntos. Non podemos relaxarnos e temos que competir ao máximo cada xornada«.
ARTURO (VIVEIRO C.F.)
– O Lemos. «Ao igual ca tódolos que nos restan ata o final de temporada, será un partido moi complicado. Somos conscientes de que cada vez é máis difícil gañar, sexa contra quen sexa, xa que todos están loitando por algo. O Lemos é un gran equipo, ten moi claro ao que xoga e conta con futbolistas que se coñecen perfectamente. Ademáis, no seu campo son máis perigosos«.
– Posición de privilexio. «Sabemos que estamos nunha moi boa situación, pero en ningún momento nos imos relaxar nin moito menos. Afrontamos a segunda volta con moita ilusión, sabendo que será máis difícil que a primeira. A nosa mentalidade é ir partido a partido, aínda que sone a tópico. Non miramos máis alá do encontro desta fin de semana, sabendo que o próximo é o máis importante«.
– Diego Núñez. «Está claro que todo reforzo que veña para sumar é bo. Diego Núñez é un xogador contrastado na provincia e recibímolo cos brazos abertos e sabemos que nos vai axudar moito para intentar cumprilos obxectivos. Aportaramos moito traballo e músculo no mediocampo e agardamos que se atope moi agusto nesta familia que formamos no vestiario«.